off
Cedeira, Galiza, Mar e Pesca — 12 Xaneiro, 2019 at 7:32 a.m.

A Conselleria do Mar comprométese a iniciar os trámites da construción da fábrica de xeo do porto de Cedeira

by

[Pingota Comunicación] O goberno local e a Confraría de Cedeira arrincaron da Consellería do Mar un primeiro compromiso para comezar a tramitar a construción da fábrica de xeo, unha demanda que se vén reclamando desde hai tempo pola escasa eficiencia da actual para abastecer a frota local de baixura -formada por un 15 barcos- e máis a lonxa, e aos barcos
que teñen como punto de amarre o porto cedeirense.
Da realización deste proxecto depende o futuro do porto de Cedeira. Así o entenden tanto o sector pesqueiro local como os responsables municipais, que onte mantiveron unha reunión coa titular da Consellería, Rosa Quintana. No encontro tamén se atopaban presentes a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o alcalde, Pablo Moreda Gil; o patrón maior,
Eduardo González, e a secretaria da Confraría, María Rodríguez.
Os froitos desta reunión comezarán a materializarse nos próximos días co envío por parte da Confraría do orzamento desglosado do proxecto de construción da planta para a fabricación de xeo, valorado en algo máis de 850.000 euros (IVE non incluído). Inicialmente, a Xunta ten a intención de asumir integramente o investimento, para o que ten previsto recorrer ás axudas europeas.
Pablo Moreda Gil valorou este primeiro punto de partida para a realización dun proxecto moi demandado polos profesionais do sector e puxo de manifesto o total apoio da administración local para facer que sexa unha realidade o máis axiña posible. Moreda recordou a importancia que a pesca ten para a economía local e mostrou a súa total disposición a participar en todos os
encontros que sexan necesarios para conquerir o devantido obxectivo. Non hai moito o alcalde tamén estivo presente na reunión co presidente de Portos, José Juan Durán Hermida, no que se falou do saneamento do porto e das melloras na recollida de lixo e da iluminación pública.
A Confraría de Pescadores de Cedeira estima nuns 100.000 euros os gastos anuais que está a xerar a actual fábrica polas moitas avarías que ten ao longo do ano -a factura correspondente ao último exercicio superou os 38.000 euros- e polo elevado consumo eléctrico pola utilización duns equipos pouco eficientes desde o punto de vista enerxético, cuxo importe anual está en 55.500 euros. Desde o pósito cedeirense considérase que o futuro da pesca pasa polo funcionamento dunha fábrica que poida dar resposta ás necesidades que demanda a frota, ao tempo que se valora este primeiro compromiso por parte da Xunta para seguir avanzando nese obxectivo.


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación. O Ollaparo non interveu na selección, 
nen no editorial, nen no contido da notícia.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off