off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 10 Xaneiro, 2019 at 7:56 a.m.

O efecto VOX e o “non pasarán” de Sánchez

by

Vexamos desde outro ángulo. VOX é unha excrecencia democrática. As súas propostas son vomitivas. Mas é un tigre de papel desde o punto de vista da capacidade política. Como foron no seu día Fuerza Nueva e máis acó Democracia Nacional e todas as varias Falanxes que vieñeran concorrendo eleitoralmente sen tocar bola. O que non quer dicir que a percepción que teña a opinión pública do partido ultranacionalista non sexa inquietante.Especialmente cando no orbe europeo e internacional outros do seu mesma ou parecida laia llas prometen moi felices.

Agora ben, España é diferente. E no contexto doméstico, a irrupción da xente de Abascal, con todo o seu aparato e arreos do ancién réxime, pode ser o mellor que lle podía pasar a Pedro Sánchez para positivar a lameira no que se meteu cunha moción de censura sobrevinda.

Aqui están algumas razóns para esa falta de razón:

-Permite xubilar do latifundio andaluz a Susana Díaz, a rival que obtivo máis avais para as primarias que votos nas urnas de Ferraz.
-Relega a Pablo Casado ao tendido neofranquista por aceptar parte do ideario de VOX para gobernar de Despeñaperros abaixo. Aínda que sexa unha menor contía respecto ao acordo para os orzamentos 2019 solemnemente asinado entre Sánchez e Iglesias no Palacio da Monlcoa.
-Utiliza a marimorena mediática -que vés os fachas!- para agochar a campaña hostil sobre as súas presuntas cesións aos independentistas.
-Logra que os cataláns irredentos dean o visto e prace aos orzamentos por aquilo de vale máis peixe pescado que cento nadando.
-Recentraliza a súa mensaxe ante os poderes fácticos que lle acusaban de complicidade cos políticos soberanistas e ao mesmo tempo eríxese en referente pola esquerda fronte á ofensiva xenófoba.
-Róuballe o relato alternativo a un Unidos-Podemos en queda libre pola dobre deflagración de Esquerda Unida e as súas Confluencias.
-Cobre a boca á oposición interna españolista -ergo os Lamban e García Page- que xa afiaban as dagas para o sacrificio ritual na familia socialista.
-Xustifica que as grandes reformas pendentes (laboral, lei mordaza, impostos, etc.) se adien sine die. Aínda que sexa á conta de facerlle a publicidade de balde a VOX en cada recuncho.
Posicionao de xeito proeminente ante os mariachi eleitorais deste 2019
-E deixa o espazo político abonado, se os comicios fosen favorabeis, para tender pontes con Cidadáns, renovando a primeira proposta de investidura que frustrou o “non é non” de Iglesias.

Unha fronte popular no país das marabillas moito máis eficaz que a operación nostalxia de sacar a momia de Franco do Valle de los Caídos. Aquilo de non hai ben que por mal non veña e viceversa. Porque para reter poder sempre se necesita un inimigo homologado a quen escarnecer
…Se non hai contaxio dos coletes marelos e o botón do pánico do ex comisario Villarejo enmudece.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off