off
Cedeira, Mar e Pesca, Medio ambiente — 1 Xaneiro, 2019 at 12:29

Onde está o estudo de impacto ambiental da praia e ría de Cedeira?

por

O pasado abril a prensa publicaba que o executivo cedeirés aceptaba únicamente as obras imprescindibles para garantir a seguridade de bañistas e  usuarios da praia da Madalena. Rexeitaba  calquer outra operación «sen contar cun proxecto construtivo e «o seu correspondente estudo de impacto ambiental», ao que se comprometia  o xefe de Costas en Galicia, Rafael Eimil, nunha  reunión mantida con membros da Plataforma en Defensa da Ría de Cedeira, da que formaban parte o Concello, grupos políticos  colectivos ecoloxista.

O pasado 16 de novembro o Concello de Cedeira publicou na súa web unha excelente nova, despois de tantos anos de loita en defensa da praia e da ría. A nova anunciaba no seu título, literalmente e en maiúculas, nada menos que “O MINISTERIO ANUNCIA PARA ESTE ANO A CONTRATACIÓN DO ESTUDIO DE AVALIACIÓN AMBIENTAL DA PRAIA”. No texto repítese expresamente varias veces que o que se fará será o “estudo de impacto ambiental” (podedes consultala neste vincallo ). Tamén saiu publicada neses días nos medios habituais tal como lles veu dada, sin cuestionar nada. Menos nun. O de sempre.

O Ollaparo editorializaba ese mesmo dia  o artigo “Menos anuncios e más feitos” que, lonxe de ser negativo foi realista: demasiados anos con demasiadas promesas, sempre incumpridas, ou peor aínda, presentando proxectos sen facer o previo estudo de impacto ambiental e dese precisar un estudo de dinámica litoral da praia. A estas alturas asociar o termo ”ambiental” a calquera xesto administrativo serve para ir indo ou para colar calquera intervención, mesmo contraria ao que o medio ambiente significa.

Desde aqui, Adega e Somos Cedeira, co escepticismo propio de quén realmente está preocupado polo problema, veñen afirmando que xa está ben de “días de anunciacións”. Que tocan feitos, non anuncios. Por que, en resumo, non creíamos nadiña do anunciado. Catro gatos,mas gatos escaldados.Porque consultados os orzamentos do Estado e de Costas, non aparecían partidas específicas para este fin. Tírase como referencia do custe o estudo de impacto ambiental que se fixo na Ría do Burgo, chamado “Trabajos para la realización del documento de evaluación de impacto ambiental del dragado ambiental de los sedimentos de la ría Burgo” licitado por 36.650 € + IVE. Era a nosa referencia porque así se dixo na reunión mantida o 12 de agosto de 2016, na sede da Demarcación de Costas na Coruña para tratar a restauración ambiental de praia da Madalena. Nesa data, diante do Alcalde de Cedeira e do Concelleiro de Medio Ambiente, máis dous representantes da plataforma pola defensa da praia e ría, o xefe da Demarcación de Galicia, Rafael Eimil, amosou a intención de Costas de levar a cabo unha avaliación de impacto ambiental ordinaria (é dicir, completa, non simplificada), así como un proxecto construtivo de rexeneración ambiental. Pasaron meses, anos… nada. Máis reunións, máis promesas, máis… nada.

A suposta oportunidade de Moreda (PsG-PSOE) de contar con interlocución propia no novo goberno central do socialista Pedro Sánchez -o estado ten competencias costeiras- volveu revelar o mesmo espellismo de goberno do PP, a quen son meros instrumentos do poder central, monicreques dun sistema recentralizador que baleira de contido ao poder local e drena o «autonómico». Portanto, a posibilidade de poder protexer definitivamente a Praia da Madalena -unha zona que vai camiño de ser urbana e por tanto, mañá poderían entrar as máquinas,como xa ten acontecido, e deitar entullo ou áridos de canteira que estraguen definitivamente o ecosistema dunar- pasa por emponderarse abaixo-acima, quer dicir, a exixencia de estudo ambiental debe inscribirse na reclamación de competencias ambientais, económicas e culturais directas fronte a blindaxe estatal. De capacidade de decisión democrática, ao cabo.O que acontece é que levamos décadas á espreita dos que nos gobernan, do que das clases beneficiadas por un sistema clientelar, arriba-abaixo, que chega a sacrificar natureza paisaxe e recursos.
Porén, de non conseguir  ou desleixar,o que ainda é peor, a participación activa da cidadania, a da praia ou calquera outra demanda entrará nunha via morta se os pactos de goberno das formacions  de esquerda non van acompañados de novas formas de exercicio democrático alén do marco puramente institucional.
Paradoxalmente, é unha grande oportunidade que o tripartito non debeu desaproveitar para rachar coas vellas inercias da politica do posible e do comportamento tribal da dereita.Cando menos para desmarcarse e denunciar o xeito clientelar de funcionamento de moitos organismos estatais que non sirven aos intereses medioambientais, culturais e economicos do país.
O anuncio do estudo de impacto ambiental ben merecía un seguimento activo de toda a cidadania e nomedadamente de toda a corporacion municipal. A sorpresa xurdiu cando se atopou este vincallo ( na plataforma de contratación do estado: “Redacción del proyecto de actuaciones varias de demolición y restauración ambiental del DPMT en los términos municipales de Cariño, Ortigueira, Cedeira y Valdoviño (A Coruña)”, por un total de 10.490 € + IVE). Xa de primeiras nos decatamos que este non podía ser o estudo de impacto ambiental prometido e anunciado, xa que, por unha banda, inclúe obras en catro concellos e, por outra, aínda que só fora para Cedeira, con ese importe é imposíbel facer un estudo de impacto ambiental (lembremos que o da ría do Burgo custou 3 veces máis).O Xefe da Demarcación de Costas non se pode comportar como  un tratante se quere estar a altura do seu cargo. Que non  é outro que xestionar recursos dunha competencia que sendo estatal representa un ambito esencial da nación galega.O incumprimento, lonxe de parecer buscar a paifoca provocación, mais ben alerta dun grave sintoma de desconexion entre tecnocratas, gobernantes e gobernados porque en ningun caso un «estudo de impacto ambiental» é unha condición imposibel de ser acceptada.E menos cando esa condición foi aceptada,valorada e anunciada polo responsabel de Costas e polo proprio alcalde Moreda.
Portanto, pensamos que isto non podía ser. Que era mellor ser cautos e agardar a fin de ano, que debería sair o estudo de impacto ambiental prometido e anunciado. Máis, de novo pasaron os días e o ano esgotouse e con ele a promesa anunciada. Isto levounos a pensar que, agás sorpresa de ultimísima hora, o anunciamento ficará en nada polo de agora, no mellor dos casos. Pois no peor dos casos, estarían -unha vez máis- mentindo e incumprindo, ao converter un estudo de impacto ambiental ( tal como está previsto na Lei de Avaliación Ambiental), no enésimo paripé de rexeneración “ambiental”, palabra que se cola en todo como antes colaba “sostible”. A administracion, axindo como empresa, parécelle que queda ben para mellor ocultar que non interesa rexenerar nada. Que cola.  Que sirve para ir indo e parecer que se fai. Non se decatan que xa nada cola.E cando «cola», sempre é unha via perdedora para a esquerda e para o ecoloxismo xa que é probable que apañe a forma dunha pouco heroica desmobilización. Hai moito por estovar, moito por facer con autoridade, dilixencia e paciencia . Cómpre sentar en moitas mesas e gastar moitas enerxias após lexislaturas da dereita mais ranza  que deixou no territorio desfeitas irreversibles malgastando territorio e cidadania cunha xestualidade que xa xenera máis fatiga que complicidade.
Conclusión: cando se abusa dun relato que descohesiona a xente, recibe o aplauso  dos fideis, mais xera desafeccion.Vén a conto aquilo de “prometer até meter e despois de ter metido, nada do prometido”. E vén a conto, porque ao tempo de meter aínda lles faltan uns meses. Cómpre lembralo.

https://contrataciondelestado.es/wps/wcm/connect/6757adba-92f7-45a6-834a-66bb5c657448/DOC_CAN_ADJ2018-486809.pdf?MOD=AJPERES

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: