off
Feminismo, Movementos sociais, Opinião, Politica internacional — 27 Decembro, 2018 at 9:05 a.m.

Bolsonarización, negacionismo e retorno do fanatismo

by

Que fica do franquismo para que persita esta vaga de negacionismo da violencia de xénero? Por qué vota a xente a dereita extrema? Talvez teña sido unha transición democratica amarrada a que acubillou mentalidades supremacistas. Vivimos a longa trabe histórica da transición corcovada, cando de ser plentamente democrática deberia ter sido inconclusa para non ter derivado nas relacións sociais e na permanencia dunha democracia formal que refuga amplas liberdades democráticas, entre elas, a plena emancipación das mulleres,  o dereito a vivir nun medio ambiente equilibrado e sustentabel ou o dereito de autodeterminación. A reacción ao Nunca máis, ao 15-M, á  visibilización feminista ( despenalización do aborto, lei contra a violencia de xénero) ou ao 1-O en Cataluña, para alén das balizas que foron postas a unha progresiva españolización da política, como a represión dos movementos populares urbanos, o movemento sindical e operativo non integrado, para o feminicidio e para atacar os movementos soberanistas e de identidade, permitiu fitarmos a dinámica do réxime do 78 como unha democracia formal racionada, avanzando na conxuntura actual, para estimular o odio á democracia e a fractura entre representantes e representados. O divorcio entre a democracia e o pensamento liberal é a marca indelebel da cultura política que estimula o populismo de dereitas, cando esta base social clama polo mantemento da orde e procura un líder bonapartista baixo a patriarcal monarquización das institucións.

O retorno do fanatismo é unha irrupción da arcaica lóxica do peor nun presente de xeral confusión política e ideolóxica que apenas ten no femininismo un dos poucos discursos emancipatorios de calado global do pensamento de esquerdas,  o que está a xerar unha reacción  do patriarcado após séculos de submisión das  mulleres.

“Ele Não”: proxeción de Roger Waters en Curitiba 30 segundos antes da proibición legal. A xustiza eleitoral alertou o músico de Pink Floyd sobre a proibición na véspera das eleicións no Brasil.

Encarando esta etapa da súa vida como “unha misión de Deus” o miliciano católico Jair Bolsonaro, cun historial de declaracións racistas, homófobas, machistas, misóxinas e xenófobas, anuncia agora un expurgo de funcionarios con ideoloxía socialista ou comunista para “combater o lixo marxista (sic) que se instalou nas institucións de ensino”. Pois para o fanático o mal só pode estar noutros. A crenza de que sabemos o que é mellor para os outros e que iso nos dá dereito a impoñelo. Isto é, o fanatismo como sublimación da ignorancia, dos que só son capaces de ver o mundo dun xeito e se senten autorizados a esixir que todos sexan acomodados a ele: expulsando, punindo, eliminando, suspendendo, excomungando. Esta debilidade do fanático o forza a poñer calcaños para gañar estatura e impresionar os cidadáns. Un camiño feito de valores transcendentais – deus, a patria, a raza, as leis da historia – presuntamente irrefutábeis. Velaí os alicerces do Bolsonaro en Brasil e de VOX en España. VOX non é un problema español. É unha copia de Bolsonaro, que é unha copia de Trump, que é unha copia de Orban … elos ideolóxicos que transbordan o lugar e foran erguidos en tres eixos: patriarcalismo, patriotismo e xenofobia. Só un deles é constitucional en España, con matices porque tamén queren eliminar as autonomías. PP e Ciudadanos unidos a VOX polo eixo da patria e da unidade de España, fan acenos e babecadas,  banalizan para marcar  perfil, co tema da emigración ou a violencia de xénero. Porén, os tres chamanse constitucionalistas e axen como se fosen seus testamenteiros ao ditar o que é ou non é constitucional (velaí a cuestión aberta contra os líderes soberanistas cataláns). Todos eles fan uso do manual trumpista de provocación das dereitas populistas, coa inestimabel publicidade coa que contan dia após dia.

A linguaxe é importante, ainda que o papel todo o ature. Na Andalucia a extrema dereita condicionou o seu apoio ao tandem da dereita mainstream PP-Cs a que se mude a lei contra a violencia de xénero  sustraendo a dotación económica da súa execución. A dilución das palabras nos leva a esquecer que o feminismo non mata, mas busca a igualdade e, contrariamente, o machismo mata e busca o predominio. As palabras deturpadas inducen ao cidadán a acreditar no que a evidencia dos feitos e a propia razón negan. É por iso que cando o miñocas Pablo Casado fala de “violencia doméstica” ou “violencia intra-familiar” abre a porta a unha equidistancia falaciosa que dilue o feito de que unha persoa é morta ou cobra menos salario polo feito de nacer muller (note aquí a fasquía ideolóxico-bioloxicista que equipara o machismo co racismo: discriminar por mor da cor da pel ou por ser muller). A deturpación da linguaxe afecta só o aspecto de goberno (ter máis votos non significa maior democracia ou máis razón). É, pola contra, o medio co que o dominio se protexeu para limpar as condicións do seu exercicio. Entramos nun novo escenario do peor que sacrifica as palabras e os conceitos con tal de asegurar a presidencia da Junta: ao relativizar o conceito de violencia de xénero coloca aos executores  no mesmo nível que as vítimas. Como se os crimes contra a muller pola súa condición fosen da mesma condición que calquer outra violencia do ámbito privado.

A transparencia en si mesma, nada di sobre a democracia. Non fai democracia nin crea unha sociedade máis libre e participativa. Porén, a súa luzada retrata. Non só se perdeu a vergoña de expremer ideas contra a humanidade e a decencia, mas a elevación da nudez a estado de modelo ainda que iso supoña negar séculos de submisión. A sociedade de transparencia non ten cor. Só é posibel nun espazo despolitizado. As cores non son aceptadas como ideoloxías, senón como opinións sen consecuencias. É por iso que o politico-vedette pode mudar de opinión sen escrúpulos. A lóxica dun marco político transformouse  en agnosia, na gramsciana “ideoloxía do sentido común” que actúa como organizador sociocultural que trae consigo a farsa, transmutada de mudanza, e o risco do fascismo a apoderarse do aparello de Estado baixo o ditado da transparencia. Eís o discurso da nova dereita reaccionaria que desaba por media Europa aproveitando que a transparencia xa é o principal atributo da crise de representación. A transparencia permite artellar un relato moralista e restaurador, quer no identitario, quer no patriótico, sen que a transparición permita ver o que acontece no económico e no social, as desregulacións e a explotación laboral. O de VOX non é novo: tan aixiña esquencimos o programa regresivo de José Ignacio Wert en educación ou o de Alberto Ruiz Gallardón tentando mudar a lei do aborto?

Chul-Han apunta no seu ensaio “Psicopolítica. Neoliberalismo e novas técnicas de poder”, cal é o significado de reclamar transparencia no mundo de hoxe: “A reivindicación da transparencia supón a posición dun espectador escandalizável. Non é a reivindicación dun cidadán con iniciativa, mas dun espectador pasivo. A participación dáse en forma de queixa. A sociedade da transparencia, poboada por espectadores e consumidores, funda unha democracia de espectadores”.  En trinta anos de goberno do PSOE en Andalucía, outros tantos do PP en Galicia, no xudicial, no ministerio público, nos aparatos policial, na prensa oficial (portavoz do patrón) e nas redes de contaxio pasivo (a falacia democrática das redes sociais). Máis unha vez, o creativo Byung Chul Han, no seu traballo “A Sociedade da transparencia”: “As cousas fan a transparencia cando deixan calquera negativa cando suaviza e gradúa cando introducidos sen resistencia no fluxo suave do capital, comunicación e información: as accións fan a transparencia cando se fan operativos, cando son submetidas a procesos de cálculo, dirección e control (…) as cousas fan a transparencia cando son desposuídas da súa singularidade e son plenamente expresadas na dimensión do prezo. O diñeiro , que fai todo comparable a todo, suprime calquera característica do inconmensurable, calquera singularidade das cousas. A sociedade de transparencia é un inferno do que é igual. (…) a transparencia estabiliza e acelera o sistema polo feito de eliminar o outro. Esta coerción sistémica transforma a sociedade da transparencia nunha sociedade uniformada. Dentro do seu trazo totalitario.” O estado de transparencia simplemente explora o visibel para transformar a transparencia do capital nunha realidade obscena.

A determinación histórica das prácticas políticas implica unha definición do que é o seu suxeito, é dicir, o que pode e debe ser submetido aos procesos que a sociedade recoñece como políticos. A fórmula retórica “todo é política”, que ás veces se trata sacudir o marasmo e apuntar o significado das máis distintas prácticas sociais para a reprodución da orde de dominación vixente, acaba por ignorar o esforzo de circunscrición da política a determinado espazo, que é parte integrante deste mesmo orde de dominación: aínda que “todo” sexa político, non todo conta como política nunha determinada sociedade.  A orde predominante de dominación, con todo, é desafiada por movementos que nacen no propio tecido da sociedade; é neste sentido que a definición do que é a política consiste no concurso político elemental. Varias ondas de expansión das fronteiras políticas ocorreron nos últimos dous séculos. O movemento obreiro politizou as relacións laborais que a burguesía quería manter na condición de contratos privados entre empregados e empresarios. O movemento feminista politizou a esfera doméstica, tradicionalmente percibida como unha orde natural e, polo tanto, incuestionabel. O movemento ecoloxista politizou a relación da humanidade co medio natural que o rodea ( e poderiamos sumar outros, como o movemento LGBT, etc.) Estes procesos de politización son, en si mesmos, batallas políticas esenciais, en que se enfrontan proxectos emancipatorios e os seus adversarios. A derradeira frase está presente porque ningunha destas batallas pódese considerar vencida, nen na sociedade nen en teoría. A comprensión de que as relacións laborais, a familia ou a exploración da natureza son cuestións políticas continúa tendo que ser sostida a cotío.

Contra iso, un discurso de sentido común, que reduce a política aos espazos institucionais e que se reflicte e reforza co xornalismo, divide as accións no mundo segundo a súa lóxica produtiva e reserva as noticias políticas aos poderes constitucionais e os partidos, relegando o conflito entre o capital e o traballo ás páxinas da economía, as loitas polos dereitos das mulleres, imigrantes ou a poboación LGBT.En particular, hai un reforzo permanente da separación entre política e economía; somos levados a crer que son dúas esferas de diversidade natural, cuxos límites só están identificados, non producidos polo noso sistema de pensamento. O discurso dominante sinala que a política non debe atrapallar a economía. Ou, para usar un exemplo moi actual, distinguen as lexítimas greves económicas das greves políticas nas que os sindicatos extrapolan o seu papel. O carácter non político da familia, á súa vez, preséntase como tan evidente que non necesita ser defendido: a familia tería unha organización “natural” ou mesmo “divina”(Bolsonaro), é dicir, por definición inmune á decisión política, que impide que cuestione os seus padróns de autoridade e as formas de violencia que a perpetúan.Porén na política, o que está en xogo na análise final é o xeito no que as mulleres e os homes reproducen a vida. Deste xeito, é posibel rexeitar simultáneamente a autonomía da política, que non se comprende cando está desconectada de relacións e conflitos sociais máis amplos e para preservar a eficacia do momento político, o que sería comprometido se se aceptaren visións deterministas que as institucións e a cultura simplemente derivan da etapa de desenvolvemento das relacións de produción (como nos aspectos do marxismo vulgar). A política é, polo tanto, a práctica que expresa as contradicións presentes na sociedade e a esfera na que se atopan as solucións, sempre provisionais para eles. A fórmula gramsciana expresa claramente: “o político en acto é un creador, un promotor, mas non crea nada nin se move na axitación baleira dos seus desexos e soños. Baséase na realidade real “. É por iso que, seguindo tanto a Gramsci como a Maquiavelo, a análise realista do mundo social non pode ser desatendida para os elementos, presentes na propia realidade, que o empuxan máis aló da súa configuración actual, en lugar de traballar co momento actual coma se estivesen conxelados.

Por exemplo, a constitución española de 1978, en esencia, non rompeu cos instrumentos de dominación política, social e económica para facer a transición da ditadura do nacionalcatolicismo face unha democracia formal, que non fose tutelada polo marco mental dos Pactos da Moncloa que deixou marcas indelébeis na sociabilidade da cidadanía, máis tarde, polo seu instrumento eleitoral, o presidencialismo de coalición e consenso que ocorre entre elites políticas e sociais, e non entre a poboación. A actualidade permitenos analizar, enfitando, nesa perspectiva, toda a longa situación pos-1982, que a transición foi conclusiva e marcou a lóxica dos gobernos, baseada na tutela da sociedade, dunha forma-contido da sociedade, a acción política, mesmo coa presenza de reacción popular, movementos sindicais e de identidade, así como algunhas políticas de gobernos de compromiso socialista, quizais un pouco de esquerda, democrático, aínda así  establishment, e toda esa nova fornada dun populismo de esquerda con pegadas de Laclau. Non obstante, VOX non caeu do ceo. Velaí o fracaso do establishment liberal de esquerda e os seus continuadores podemitas a compartir marco consensual e estratexia populista, todo un conxunto de ideas e premisas básicas que impeden unha esquerda libre das ataduras dese gran consenso representado por PSOE-PP-Ciudadanos. Esqueceran que todo proxecto democrático é en esencia inconcluso.

Coda. Acho que o debate filosófico é o mellor xeito de combater o fanatismo. Non é casual que o debate aberto das ideas nos medios hexemónicos, na universidade e nas escolas colapse; cando ese debate falla, cando a palabra non flúe na sociedade, cando as persoas non se senten ouvidas ou non se senten representadas, ese fanatismo avanza a través do espazo que permaneceu baleiro. Non é nova a situación, mas temos a sensación de ter acadado níveis abafantes. E nun escenario que está en plena mutación e onde moitos dos cidadáns séntense perdidos, o fanatismo, corporificado nunha dereita radicalizada, sempre atopa buratos. Algúns exemplos: ilegalizando soberanistas, independentistas e anarquistas, excluíndo as mareas e os comúns, non sen inmigrantes, mas negándolles dereitos de cidadanía, non sen mulleres mas revogando as políticas de xénero, eliminando as autonomías ou negando os dereitos lingüísticos dos co-cidadáns.E xa se sabe que o principal logro do fanatismo é manter a sociedade na infancia, é dicir, substituír as expectativas futuras de adhesión a mitos e demandas supostamente superiores. O fanatismo non se aborda coa exclusión, senón coa inclusión non uniformizadora. O fanatismo odia as situacións abertas, porque nestas situacións está condenado á disolución, polo que sempre é antidemocrático e autoritario. Unha regresión global que deberá ter unha resposta tamén global da esquerda internacionalista.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off