off
Contos, Lendas — 22 Decembro, 2018 at 3:56 p.m.

O Apalpador

by

O Apalpador, esa personaxe mítica, sincretismo de viaxeiro, carreteiro, carboeiro, curandeiro… que cada inverno acaía nas aldeas -isoladas, distantes- achegando remedios e esperanzas:

Contra o fin do ano viñas ti, agochado na noite. Adormecida, apenas podía adiviñar a túa sombra co enorme saco de carbón ao lombo. Imaxinábate rufo, cara tisnada, tabardo húmido e poeirento, achegándote á lareira acesa que non era quen de tornar tépedo o xélido ar. A pé do lume aniñaba eu, apalpábasme a barriga, simulabas preguntar se tiña fame e metíasme na faldriqueira unha ducia de castañas asadas.

Á mañá, cando acordaba, avivado o lume coa fogaxe do carbón novo, a cociña de ferro tiña xa morneado o ambiente. Entón, nun ritual sempre inocente por máis que cada ano se repetise, sorprendíame ao encontrarme coas castañas. Pelábaas e botábaas na cunca do leite acabado de muxir. Esperaba que amolecesen e aos poucos ía sorbendo, unha a unha, as doce bagas da vida… as doce lúas do ceo.

Hoxe os nenos non saben de ti. Reis e Papai-Noel, viaxeiros doutros mundos, atéiganos de presentes. Demos en pensar que eran de balde; porén de cada vez, ao írense, levan consigo un anaquiño da alma do noso país.

Volve onda nós, co teu agasallo ventureiro que ha acalmar as nosas soidades. Enche o saco de palabras sobranceiras, fermosas coma o luar, melancólicas coma a saudade, tenras coma agarimos de nai, apaixonadas coma aloumiños de namorados. Con elas habemos facer a panxoliña enxebre que abale o berce dos nosos meniños.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: