off
Ciencia, Ecoloxía, Galiza, Mar e Pesca, Meio ambiente — 22 Decembro, 2018 at 10:58 a.m.

Crónica das I xornadas de divulgación de investigación pesqueira

by

Crónica elaborada polo biólogo Xandro Garcia (marabaixo.gal) nas que se apresentaron os relatorios de Seobirdlife, Chelonia e Cemma sobre selectividade (IEO) e mitigación de captura incidental de aves, tartarugas e mamíferos mariños  e os resultados do proxecto Rapansel na sede da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI)


O pasado día 20 de decembro asistín a este interesante evento na asociación de armadores de Vigo. Nel déronse cita, como a organización do evento pretendía, membr@s de ONG’s vinculadas ao mar, representantes da administración e pescador@s. O atractivo programa axudou a que asistísemos como público unhas 50 persoas.
O contido das xornadas está ben enlazado con outras actividades de divulgacións que a OPPC-3 (Organización de Productores de Buques Congeladores) ven desenvolvendo. Enmarcada nunha estratexia para divulgar o novo horizonte que se abriu tras a implantación da “Obligación de Desembarque“. Esta medida implementada pola UE co fin de eliminar os descartes, ten levantado ampolas no sector debido ao incremento de gastos e traballo que implica tanto nos barcos como en terra.

Despois do acto de presentación no que interviñeron Edelmiro Ulloa, representante das dúas organizacións de produtores organizadoras do acto (OPP-3 e OPP-4), Mercedes Rodríguez a Directora Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e Enrique López Veiga presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, deuse paso aos relatorios.

No primeiro bloque da xornada que versaba sobre a selectividade das artes de pesca, Julio Valeira do IEO de Vigopresentou o proxecto de investigación RAPANSEL. Este estudo céntrase na búsca de alternativas para evitar as capturas non desexadas, e así diminuír a cantidade de descartes. A principal conclusión que se presentou ese día en Vigo foi que aínda non é concluínte si a novidosa rede de nó atravesado de 90mm (T90) é efectiva para deixar saír de dentro da rede de arrastre os xuvenís de especies como a pescada, que son o principal número de peixes que constitúen os descartes. Aínda que nalgún dos lances experimentais constatouse, por exemplo, a saída do copo do 99% dos xuvenís inmaturos (< 27cm) de pescada, non sempre é tan

Neste vídeo pódese ver un resumo do que é o proxecto RAPANSEL

A continuar, Antonio Castro da asociación Chelonia enunciou as principais ameazas para as tartarugas mariñas e os avances nas medidas de mitigación das capturas incidentaisOs TED (dispositivos escluidores de tartarugas), anzois máis grandes ou redondos, cebos artificiais (que non teñen olor) e incluso anzois intelixentes cun “escudo” que se desprende cando chegan a unha determinada profundidade, son algunhas das medidas que complementan as vedas e outras restricións de faenas no afán de evita que as tartarugas queden atrapadas dentro das redes ou nos anzois dos palangres.

Despois foi a quenda de Vero Cortés de Seo/BirdLife que resumindo a súa tese doutoral detallou  o coñecemento que existe sobre as capturas e mortes accidentais de aves mariñas, o grupo de aves máis ameazado do planeta. Entre as medidas propostas para protexer estas aves, destacan as liñas espanta-paxaros ou serpentinas, a adicción de pesos aos palangres ou o lastrado das redes de arrastre para que ao recollelas o ángulo con respecto á superficie da auga sexa maior, e polo tanto a probabilidade de que as aves queden atrapadas dentro da rede diminúe.

Para rematar, Alfredo López destacou a importancia da rede de varamentos da CEMMA e a súa contribución ao coñecemento sobre as captuas accidentais de cetáceos. A rede de varamentos permítelle á CEMMA recopilar unha grande cantidade de información que despois é empregada para saber cantos cetaceos dos que chegan ás nosas costas morren por interacción con artes de pesca. Estas mortes accidentais son fundamentalmente de cetáceos pequenos como os delfínidos pero aínda que nas especies grandes como as baleas, non é habitual quedar atrapadas en redes, si que se teñen documentado outras interacción como choques contra embarcacións. Pode parecer moi casual un choque contra unha balea co grande que é o mar, pero non podemos esquecer que tanto os cetáceos coma os humanos andan polo mar na procura das mesmas presas.

As conclusións dos relatorios foron coincidentes: é preciso máis información, sobre os animais e como as artes e as faenas de pesca interaccionan con eles. Tamén algúns dos poñentes destacaron que a cooperación entre o triplo hélice que forman administración-investigación-sector é crucial para continuar a investigar e tamén para mellorar a divulgación dos resultados desas investigacions. Neste sentido, e apesar de que a gran maioría dos traballadores do sector son galegofalantes, só 1/4 dos poñentes comunicaron as súas investigacións na nosa lingua. Si o sector non comprende os motivo científicos que xustifican as características das artes de pesca ou a duración das vedas, que a administración obriga a cumprir, é difícil non atopar reticencias na súa implementación.

É por todo isto, que se precisan máis actividades como esta nas que se poidan dar a man o triplo hélice que fai que o mundo avance cara unha pesca máis sustentable.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off