off
Cedeira, Galiza, Historia — 18 Decembro, 2018 at 6:15 p.m.

18 de decembro de 1936

by

Hai 82 anos, o 18 de decembro de 1936,  13 veciños de Cedeira foron executados en San Felipe, entre eles, Manuel Fernández Freijeiro,  alcalde de Esquerda Republicana. O historiador Paul Preston defendía no seu último libro que a “traxedia humana” teríase podido evitar (La fi de la Guerra Civil. La República apunyalada (Editorial Base). Preston repasa os derradeiros dias da Guerra Civil e relata a que foi unha auténtica cacería. Porén, desde o golpe de estado a execución sistemática e coñecidos moitos dos autores das execucións, mostran que a persecución e a represión, máis alá dos mortos mortos, tivo uns costos non cuantificables que ainda estamos a amortizar. Pasaran 80 anos desde a Guerra Civil e ainda  coñecendo a extrema aplicación dos códigos militares nos  consellos de guerra e a xenreira inoculada, non sabemos con certeza cantas vítimas deixou en Galiza. Unha vítima é quen pacede sen querer, non só os mortos, mas os supervivintes que habitan no medo e no esquecimento. Porque quen padeceu as consecuencias do golpe de estado militar, en vilas  e cidades onde apenas houbo frente bélica, os soldados que sobreviviran logo de seren reclutados polo “bando nacional” e ficaran traumatizados,  familias enteiras en condicións paupérrimas e vivindo baixo o terror, abuso e violación, o proceso represivo contra as mulleres, doentes de culpa e anos de fame, refuxiados na casa, exiliados de por vida adentro e afora perante a perspectiva dun verán do 36  do que ainda se ignoran moitas cousas.

Celebración do 14 de abril de 1936 na Coruña: Alcalde Suarez Ferrín, o mando da VI Rexión Militar Xeneral Salcedo, a dona Gobernador Civil Xoana Capdevielle e o Gobernador Civil Pérez Carballo; Fondo Suárez Ferrín, Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces

Por primeira se falou de xeito directo dos que foran perseguidos e asasinados no 1936 nos  imprescindibeis “O alzamento de 1936 no norte da Coruña”(1995) e “Guerra civil e represión en Ferrol e Comarca” de Xosé Manuel Suárez. O historiador explica  que o sumario 296/36 (que procesa a 22 veciños, a maior parte de Cedeira, dos que 13 son condenados a morte, sendo  fusilados 5 antes de seren  xulgados) tivo tres xuíces instructores: o  tenente de artillería Breijo, o  tenente de cabalería Nieto e o de artillería Lanza. Desde o 3 de agosto procésanse 22 civís, dos que 13 son condenados a morte, 5 eliminados sen xuizo e 4 procesados en rebeldía. Do capítulo sobre os consellos de guerra, dedúcese que as ordes estaban a disposición da Guardia Civil e  a Falange e non foran isoladas mais dadas sistemáticamente como “un instrumento de depuración ideolóxica e de dominación política” e  “fusilados polo desexo de vivir nun sistema de respecto ás liberdades e ós dereitos individuais”.

Suspensión da garantia do habeas corpus e xulgamento de crimes políticos por tribunais militares. Os militares sublevados nun acto de guerra contra o pobo de Galiza, ditan  sentenzas desde tribunais militares e, en concecuencia con esta pervesa racionalidade dirixida á toma do poder, achan os  feitos constitutivos dun delito de rebelión militar, alén diso considérase que “concurren en contra de todos los  procesados la circunstancia de perversidad y trascendencia de los hechos, por lo que condena ós procesados á  pena de muerte  y que indemnicen al Estado con los bienes que les pertenezcan”.

Os trece executados en San Felipe o 18 de decembro do 36 foron “Manuel Fernández Freijeiro,  alcalde, de Izquierda Republicana, militar retirado; Ginés Fernández, de 26 anos, fillo do anterior, colaboraba  no Concello, detido no rexemento  de artillería de Ferrol cando  se presentaba ó ser chamado o seu reemprazo; os  labregos  José Durán, 21 tenente  de alcalde, e José Lago, concelleiro,  da xestora municipal da FP; Isaac Forneiro, empregado do banco Pastor, galeguista; Miguel Fernández, xefe local de Correos, do PRRS e logo do PSOE; Antonio Castillo, veterinario municipal de Cedeira, que presidía en 1936 o Círculo Socialista de Ferrol, sendo  asesor, ó parecer, do alcalde Santamaría; os mariñeiros Antonio Iglesias e  Adolfo Bouzón (afiliado a UGT); Francisco Rodríguez, barbeiro e músico, de 22 anos; Enrique Alonso,  mestre en Cedeira, fillo da telegrafista da vila; o conductor do autobús de liña Enrique Martínez; o  mestre Rufino Redondo, que exercía en Cerdido, de 24 anos, secretario da agrupación de IR en Cerdido, constituida en 1936.”

Na retagarda, no “bando franquista”, a diferencia do que pasou no republicando, non foi ordenado públicamente que parase a violencia.  En vilas como Cedeira non houbo corresponsais estranxeiros e escritores que contaran a  Guerra Civil ao mundo. Cando se esquece non se pode perdonar. Mas tampouco resistir. A partires do verán do 36 Galiza comeza a desaparecer. Esvaece sob unha violencia que non é só física  cando o exercicio da forza procura reducir a vontade individual e colectiva, coartando a liberdade  e reprimindo a acción que poderia derivarse.

“O mesmo día 4, terminada a vista- relata Suárez-  reúnese o tribunal en sesión secreta e acorda a sentencia que asume a petición do fiscal. No fallo danse por comprobadas todas as acusacións e ademáis,  seguindo o escrito nos informes, cualifícase ideoloxicamente ós condenados con estes termos: propagandista de las  ideas marxistas (Manuel Fernández); sujeto que sus ideas comunistas procuraba infiltrarlas entre los trabajadores de aquella comarca (José Durán, sen  militancia política); propagandista del marxismo (Ginés Fernández); significado comunista (Redondo, de IR); agitador de masas (A. Castillo)… Ademáis dá por realizados  feitos non probados, como é o caso do funcionario de Correos Miguel Fernández: “se le ve dando órdenes a los grupos armados y ante la presencia de un marinero por aquellos contornos, anima a las masas para que lo tiren   por la borda”, ou no caso de Isaac Forneiro, con cargos que se reducen a ser “dirigente de las masas de este pueblo; significado propagandista y a quien se le ve actuar cerca del comité revolucionario a quien alienta y asesora”

As décadas de medo da ditadura e as de esquecimento da democracia deran paso á voz dos netos, que reclamamos o dereito a saber. Houberan de pasar varias décadas após do 1978 para unha parte da cidadania galega e cedeirense recoñeceran nun serodio memorial democrático as vítimas do 36 (propiciado polo deseño dunha Política de memoria do goberno bipartito  (BNG-PSOE) constituido despois da derrota eleitoral de M. Fraga en 2005*)  e comezarmos a ser cientes das consecuencias daquel golpe de estado e a ditadura posterior, porque propiamente “guerra civil” non houbo até moitas semanas despois do golpe, tal foi a asimetría na Galiza. Sabemos que pasou e sabemos que continua pasando cando se calan os excesos autoritarios do estado español. Mesmo cando a cidadanía galega vota masivamente á UCD dos franquistas Adolfo Suárez e  Manuel Fraga do PP.

O fusilamento de hai 82 anos é o que a maioría dos galegos e galegas viviran entre 1936 e 1939 seguido polas políticas de persecución de derrotados até o 1943 e ainda despois de 1945, convertidos  en tribunais especiais (TOP). Porén, sendo fulcrais as mortes a través do seu principal instrumento represor, o consello de guerra, foi a represión dunha ditadura tribal e cavernaria e a extensión do pacto de silencio a unha democracia monotorizada polos seus dirixentes o que explica  hoxe moitas das súas insuficiencias. Porque aquí unha maioría abrumadora de vítimas caeran nas maos dos facinerosos de brazo dado da pequena burguesía local, a igrexa e os militares. Os mesmos que despois trouxeran a “democracia”. A ditadura organizou o esquecimento e o medo patrucial, entre a conversión ao rexime e non falar nen meterse en política. En Cedeira, entre xullo do 37 e xullo do 38, a brutal violencia exercida sobre xente pacífica era recalcada agora perante a ollada dos presos asturianos e galegos capturados en alta mar e clasificados pola “Comisión Clasificadora de Prisioneros y Presentados”.

“Todos los gallegos son de derechas, abastecedora de soldados para el frente y despensa del ejército nacional”, méntase ainda nas españas, continuando así a obra de destrución do país e consolidando o relato elaborado pola  Ditadura,  construído imediatamente polos golpistas militares e os falanxistas  e que converteu o país nun ermo. Que Franco fose galego de Ferrol, contribuiu como é coñecido, mas a história da adesión da Galiza permitiu, de pasaxe, esquecer a orixe  de Pablo Iglesias, Ricardo Mella ou, precisamente, de Santiago Casares Quiroga, chefe de goberno en 18 de jullo de 1936. Alén do esquecimento de Alfonso Daniel Rodriguez Castelao, morto no exílio en 1950 ou do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación) capaz de secuestrar o transatlántico Santa Maria hai apenas sesenta anos. Como é posibel non correlacionar que a Galícia republicana que votou principalmente candidatos Republicanos en febreiro e o Estatuto de Autonomia en xuño, foi alvo directo da toma de poder polos sediciosos procurando o extermínio físico de quen ten o poder e persigue  a quen o pode recuperar. Porque nen o territorio galego foi aderido, moito menos a súa sociedade, mas as guarnicións militares onde o golpe triunfa após o comezo, que era o que a extrema forza violenta da acción militar procuraba detendo e fusilando rapidamente aos chefes militares, como así foi seguindo a estratexia Mola cos mandos da división e da brigada de Galicia ou o  vicemirante Chefe do Arsenal de Ferrol. A elites e xerarquías republicanas ficaran mudas e asoballadas pola extrema violencia do fascismo mas tamén agriden os golpistas o poder social e intelectual  e sobre ese alicerce (garantir unha retagarda submisa sobre o que alicerzar o dominio, incluido o fornecimento de alimentos) construiuse o relato da vitoria e da derrota até acabar identificando golpismo con vontade e decisión das persoas e dos territorios. Un xenocidio racionalmente planificado e executado para tomar o poder e perpetuarse. A idea do  pronunciamento militar como estratexia de mudanza do Estado.

O proceso represivo fai parte da propia esencia do réxime político iniciado co pronunciamento militar do 18 de xullo e como a súa fasquía se mantivo e estendeu  até chegar o seu recendo ao tempo presente. Compárase o patrón que seguian os  “consellos de guerra”, culpabilizando o goberno lexítimo do golpe de 18 de xullo “por ser un organismo revolucionario que pretende, seguindo directrices estranxeiras, eliminar as características tradicionais da nación española. O exército   tería que intervir como salvador da patria ameazada, ante un Goberno e os seus defensores que son tidos por traidores e rebeldes, inimigos da verdadeira constitución de España, a súa tradición. Falseando a tipicidade penal, os defensores do Goberno lexítimo, civís e militares, serán condenados a morte ou a reclusión perpetua como autores dos delitos de rebelión, sedición, traición e auxilio á rebelión, definidos nos códigos de xustiza militar”.  Esta  descripción do historiador Suárez é o contido do preámbulo de cada consello de guerra realizado en Ferrol e comarca entre decembro 1936 e decembro de 1939. No preámbulo, o fenómeno do mal fai a sua dura e ordenada aparencia. Esa experiencia do mal, da cal foran testemuños, vítimas e vitimarios, atravesou completamente a nosa experiencia colectiva non podendo ser adiada a súa pegada como promotora do pensar  malia o desigual esforzo entre a necesidade de iluminar o acontecimento e a desmesura que presenta o fenómeno.Unha cousa é presuposta de antemao: non podemos habitar confortabelmente un mundo no que este evento non  é esclarecido por meio da compreensión; é, digamos, o desafio é mostrar que a compreensión é posíbel mesmo no exceso. Mesmo cando ese absurdo desfai as nosas categorías de comprensión. A comprensión exorciza, permite certa “reconciliación”. No entanto, o problema é que a historia ten costos moi graves (aniquilación, violanción, expolio, dor). Portanto, afirma Koselleck, “despois que o absurdo se tornou un evento, non debera receber a absolución e finxir que ten sentido”.“Precisamente porque sofremos sob as condicións do deserto, ainda somos humanos e ainda estamos intactos; o perigo está en nos tornar verdadeiros habitantes do deserto e nos sentirmos na casa “, advirte H. Arendt. O rexime do 78 tendeu a normalizar o extra-ordinario, e ao facelo, disolveuno.

Exiximos a anulacion do xuizo aos 13 de Cedeira

En memoria dos represaliados,Cedeira

Precisamente por iso, un dos perigos que máis deberiamos temer é que paseniño se fora esquecendo o  marco de  regresión que estamos a sofrer no estado español. É unha obriga lembrarmos as consecuencias dramáticas que informa e avanza esa retórica xudiciaria e militarista. Porque malia as distancias e diferencias, esa mesma retórica de construcción do mito do traidor  propia do imaxinario franquista -que antepón a “unidad de España” e a súa tradición fronte os dereitos da cidadanía, tratando calquer disidencia ou diferencia ideolóxica como traición, sedición e rebelión, até falsear a tipicidade penal- está a resoar no aparello xudicial, no grupo do 155+PSOE e na caverna que quere o tripartito PP, Cs e Vox, desleixando o interese xeral a favor dos intereses  dos creditores e dos poderes oligárquicos e mediáticos cando defenderan o 155  supeditando a unidade de España á democracia. Un feche do rexime do  78 en chave autoritaria que mesmo está trazar un escenario no que se ilegalicen partidos políticos soberanistas ou organizacións cidadás. A invocación á violencia  para descualificar a acción do adversario non é inocente e non é nova. O seu impacto emocional é útil para deixar fora ao adversario e, sobretodo, a unha cidadanía aletargada e sen memoria e porque sirve, ao cabo, para deslexitimar as razóns de fondo da mobilización, a grande violencia da orixe das protestas. Do que se trata é que perante esa resignificación do conceito de violencia, aos demócratas non nos atopen onde eles queren pois é unha concepción do poder que soergue na violencia e a coerción. Os intereses do direito de monopolizar a violencia contra indivíduos nono se explican pola intención de garantir as fins da lei, mas coa intención de garantir a própria lei. “Precisamente porque sofremos sob as condicións do deserto, ainda somos humanos e ainda estamos intactos; o perigo está en nos tornar verdadeiros habitantes do deserto e nos sentirmos na casa “. (H. Arendt) a  violencia non mostra a forza do poder, mas a súa impotencia Quen expresa o poder pola violencia directa ou mitigada nega a política.


*O proxecto nomesevoces.net permitiu tirar do esquecimento  20.000 víctimas da “represión franquista en Galicia” e  constituir fondo documental en apenas tres anos, de más de 500 entrevistas e  15.000 imaxes.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: