off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola, Sen categorizar — 12 Decembro, 2018 at 11:20 p.m.

Sanchismo, e despois? autoritarismo rampante

by

No Estado hai quen pode sinalar, manifestar ou twittear o que lle pete sen temer acabar no cárcere. Os Casado(PP), Rivera(Cs), García-Page ou Javier Lambán, entre outros baróns do PSOE, poden reclamar  a ilegalización de quen non pensa coma eles (non da extrema dereita, mas dos independentistas que queren exercer o dereito a decidir nun referendo) sacar a pasear os fantasmas dos mortos e dicir cousas como que Puigdemont pode acabar como Companys sen que nada aconteza, a diferenza de outros que padecen prisión preventiva por poñer unhas urnas. Para algúns vale medir o que din e o que fan, para outros, todo vale.  A súa temeridade alicerza no saberse impunes. Tanto lles ten ficaren como indocumentados: Rivera, por exemplo, cre que non houbo indultos aos golpistas do 23-F e Javier Lambán, presidente de Aragón afirma cousas como que “a democràcia tén dereito a defenderse dos seus inimigos” (os independentistas, madia-leva!). Na Constitución tal e como  a entende Lambán non cabe a metade do país.

O legalismo ideolóxico é manifestación óbvia do autoritarismo rampante. Eís o risco de considerar, como “eme punto Rajoy”, que só o legal é democrático. Unha concepción así fai minguar ainda máis a cesura e devalo da representación nas democracias liberais, un punto baleiro, mas tamén un punto de fuga, unha fuxida ao autoritarismo. A hegeliana confusión de inocular como única noción da democracia o que se identifica co Estado e que na versión do grupo do 155 non é outra cousa que a defensa do statu quo. Queren facernos esquecer que a democracia co control dos representantes propostos polo “rexime” data de 1978…como se fose a esencia revelada do mundo, que non hai nen houbo mais democracia ca esa. Por iso senten desconforto coa verdade, realidade, xustiza e rigor.O vieiro autoritario comeza deturpando a linguaxe, elo imprecindibel para alargar a servidume e impor a ideoloxía que expulsa a ideoloxía dos outros. Eís a violencia máis ou menos oculta que sempre estivo aí agromando na tona real das democracias, estendendo unha regueira letal para o pensamento,  que agrilloa o maxín e do que cada vez é maís dificil librarse: la servitude volontaire. O aparecimento do mal político con base na “banalidade”, isto é, falta de xulgamento e falta de pensamento. Non banalicemos, portanto, o  medre da extrema dereita española na súa diáfana manifestación na Andalucía.

O Procés catalá, o 15-M, o Nunca Máis e os “gilets jaunes” teñen levantado o meu interese porque na perspectiva deles podemos albiscar como o momento de xenerosidade dos movimentos por mais dignidade e humanidade  é recuperada polos autoritários que desvian o impulso orixinal para asegurar o estado de cousas ou o seu poder persoal.  Afinal, todos eles foran estigmatizados. Hai uns dias falaba aquí de como as institucións foran monarquizadas:  a progresiva parasitación do  poder por quen é eleito a xeito dunha  sinecura persoal que erosiona a obriga contractual. Nomeadamente PSOE e PP (Cs ainda non tocou suficiente poder e de Vox hai indicios de“ fraude piramidal”) acumulan  escándalos de diñeiro e negocios, de nepotismo e de privilexios. A do 78 é unha democracia sobre os cidadás no canto dunha democracia dos cidadás. A de quen defende unha democracia  máis directa e cuestiona a configuración da Europa liberal que impede que as decisións das nacións e dos territorios que exceden a lóxica estatal, a configuración do estado de Maastricht, reclamen decisións abaixo-acima. A democracia sen educación torna calquer escolla problemática. A monarquización das institucións é  o plebiscito do líder más que una expresión democrática. Aquí ou na Franza. Tamén na modalidade xacobina pablista e do esquerdismo cultural escampado por toda parte. A  ignorancia política e cívica xeneralizada óbvia que a democracia como “democracia plebiscitaria” é unha das modalidades de monarquización ou se preferir, de autoritarismo pósdemocrático. Un neo-xacobinismo, borbónico de excepción, que acredita no campechanismo do  líder carismático, que con certeza procura o referendo mas sen a pedagoxía que o prepara,  como exercicio de democracia directa. A democracia plebiscitaria española foi concedida nestes termos e non conquistada dunha maneira autoxestionada, concreta, cooperativa, antiautoritaria. Por iso a democracia representativa española, arrastrando graves insuficiencias de orixe, fúmolo vendo, só representa os intereses de unha única burguesía e tres fasquías territoriais de espírito maastrichtiano, que en parcería bipartidista lideraran a mesma política. Mais unha vez puido ser visto como Sánchez, emulando a Rajoy, perante a expectativa de perder poder, procura o brazo dos seus aliados naturais, que son os funcionarios da representación do sistema, para ameazar Catalunya.

Ferraz acha que o procés català é culpabel da desfeita PSOE na Andalucia (sempre é maís doado procurar culpabel que facer autocrítica após catro décadas de goberno e canadas de corrupción). Mas o que aquí cómpre pór de relevo é como fica á luz o mesmo marco mental da dereita que quer chegar ao poder para rematar co estado das autonomias e impor a súa axenda retrógrada.  Sánchez eleva o tono, volve ao grupo do 155 do que procede e que García-Page e Lambán amplifican, animandoo a abrazar o vieiro represor de Ciudadanos, PP e Vox. Facer o contrario seria continuar a dinámica albiscada na moción de censura, apostar polo cambio, liberando presos políticos, procurando pacto social abaixo-acima que incluiría aos independentistas  recoñecendo o dereito a decidir. O rei está nu, e é vello, vello demais.

Retrovisor.Catalunya aprobou o Estatut co 85% de apoio, escovouno  o PSOE e o PP aproveitou para impulsionar a catalanofobia. Fitemos noentanto os dous últimos anos: o aparello xudicial e medios madrileños, cos seus ecos provinciais, argallan un relato de violencia diante da conselleria de Economia para así emprisionar os presidentes das entidades cívicas  Òmnium e  ANC. Acúsase de rebelión e sedición á presidenta do Parlament por facer o seu traballo (nos parlamentos democráticos parla-méntase) o rei chama e presiona empresas para que abandonen Catalunya. Mállase na xente o 1-O, arrancan as urnas, é humillado e procesado o chefe dos Mossos. Permítense manifestación de policias enervados  co “a por ellos”,  porén o amarelo pasa a ser estigmatizado e pouco despois criminalizada a presenza de lazos marelos pola liberdade. O venres 21 hai programado un consello de ministros en Barcelona, como nos vellos tempos do generalísimo. Coincide coa vitoria da maioría independentista. Os representantes eleitos non poden ser investidos. Levan ano e medio exiliados ou en prisión preventiva, disque á espera dun xuizo con garantías.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off