off

Política do abatimento, retorno da raiva

by

"Não se pode comer um bolo sem o perder." 
Na esfera baixa da política,
como no íntimo recinto das almas — o mesmo mal"
Livro do Desassossego de Bernardo Soares.Fernando Pessoa
“a única maneira de salvar aquilo que hai de bon na tradición liberal 
será na base dunha política mais radical de esquerda”
Slavoj Žižek

Contrariamente á suposición de Daniel Innerarity, a  actual “degradación da democracia” non deriva da “banalización da vida política que acaba por desequilibrar todo o conxunto”. Con certeza, non hai un triángulo virtuoso que atinxa por igual cidadás, políticos e medios de comunicación. Non é que os cidadás nos exoneremos da “degradación democrática”, mas a crenza que as democracias liberais nos libertan, de brazo dado da promesa dixital, de calquera responsabilidade unha vez emitido o voto ou o “Like”. Non é tanto degradación como de simplificación e deslocamento, canto unha negación en orixe da complexidade da política que derivou na mecánica eleitoral pobre en decisións e pobre en relacións de comunicación directa entre as persoas en termos de espazos autónomos e democracia directa. Portanto, a exoneración vén de orixe, na cesura do vincallo representativo. A democracia representativa hai tempo que non representa, que limita as arelas do posibel. Non se trata apenas dun déficit de recoñecimento dos cidadás abocados a un proceso abusivo de desocialización. O malestar contemporáneo ten fondas raiceiras. Pertence ao cerne do seu próprio ser, a “degradación” non é máis cá unha “perversión” inscrita neste próprio Orden.  Cando o que é político muta en xurídico, cando a localización do poder no “pobo” do que emanan os poderes  se proxecta, por exemplo, nun Estatuto de Autonomía, para acabar reducido a unha operación política sen control xurisdicional, é dicir, cando o principio de lexitimidade esvaece tensionado entre a negociación instrumental da  comisión constitucional do Congreso, unha delegación do parlamento da “nacionalidade” que proxecta a “formulación definitiva” do Estatuto pasando despois a unha dupla negociación de ratificación: a cinguida ao eleitorado da “nacionalidade” por referendo e outra a todos os cidadás do Estado a través dun  “voto de ratificación” dos plenos do Congreso e do Senado. Eis a degradación. Visibel, tamén, no proceso de pervetida proxección  da Comisión Europea.

A deterioración non deriva apenas de que o cidadá non saiba canlear a súa fúria ou peneirar o alude propagandístico nas redes sociais (repárese na fascioesfera de Trump e Bolsonaro). A hiperactividade dixital é contraria a todo o que precisa de tempo. Mas a democracia precisa tempo para alargar o campo de batalla. Dentro e fora da esfera dixital a esquerda precisa impor a súa linguaxe e non apenas partillar a linguaxe da esquerda. Sen dúbida, vivimos nunha “sociedade do cansazo”(Byung-Chul Han) inzada de superinformación que nos abafa nos medios sociais até produciren dificuldade de atención, isolamento e até depresión. Porén, malia a sintomatoloxía da fatiga, a dificultade para debullarmos onde comeza a liberdade e onde a dominación non deriva da queda da promesa dixital, como se esa euforia fose aproximar algures cidadás e elites, explotadores e explotados, mandatarios e mandados. A euforia dixital globalizadora non é máis do que unha miraxe de recoñecimento que aumentou o déficit de desocialización e localización cidadá. A súa eficiencia deriva do automatismo do costume. Así,o impacto da propaganda inoculada nas redes é proporcional a ausencia de poder dos utentes.  No entanto, cómpre non pór a proba de cargo da irracionalidade do lado do cidadá isolado, do eleitor ou do consumidor. Facelo sería como aceitar que só hai racionalidade nas elites políticias, en Movistar, na Comisión Europea ou no FMI.

Para alén dos elementos positivos do liberalismo clásico ( liberdades humanas, dereitos das mulleres e LGBT,etc.) a democracia liberal foise reducindo cada vez máis ao momento eleitoral, intensidade democrática á baixa, co capitalismo globalmente articulado a abortar calquer correlación de forzas entre as clases que permita a experiencia política fundamental. De aí a tentación de simplificación própria da tecnocracia e do populismo que acaban por prescindir da lexitimidade popular, entre o dogmatismo do experto e  dos que simplesmente teñen opinións.

A incapacidade actual de orientar a ira de forma produtiva, desde abaixo e sen o fascinio da via eleitoral baseada no liderado, tornouse particularmente evidente mais unha vez. A baixa participación, que caeu catro puntos en relación ao 2015 nas recentes eleicións andaluzas, sobretodo nos territorios de hexemonía socialista, explica mais cousas ca simples des-afección. Até onde sei, o establishment e Susana Díaz (Psoe) aceitou mergullarse na lameira de VOX, asumindo a interlocución co discurso do medo e alargando así a súa resonancia co alvo de socavar as opcións eleitorais do PP. No trasfondo de todo, unha Junta do PSOE andalús onde lucen a corrupción (EREgate) e as cifras de desemprego ( 22,85% ). Podemos obviar, ainda, a baixa taxa de participación que prevalece por toda parte, entre os estudantes nas institucións de goberno das universidades, entre pais e nais nas escolas e institutos, mesmo nas comunidades de veciños? Sempre haberá un problema de vontade- ainda que non sexa das súas exacerbacións históricas especificas. 

Mas non é certo que Psoe e tutti quanti enviaran a mensaxe de validación, de que se podia votar a extrema dereita,?  Non romperan ese límite consensual que levaba a afirmar que non había extrema dereita en España? Cando todo é “facha”, nada é facha. A visibilidade oportunista dada a VOX en todos os meios- de esquerda a  dereita- por motivos estratéxicos tivo o seu efecto: xa temos na mesa a fachada orixinal marcando o paso. Unha oferta explícitamente homófoba e xenófoba que reflicte a manada realmente existente.Desde xa, a axenda política a marca a dereita extrema, até o de agora integrada no PP. O feito que unha parte do seu eleitorado proceda do Psoe ratifica que Franco morreu na cama, que a democracia española non a trouxo un acontecimento revolucionario. Afinal, centenas de millares de eleitores da Frente Francesa dos anos 80 e 90 viñan diretamente do eleitorado do PCF.

 

Almería se extiende al pie de una asolada paramera cuyos pliegues imitan, desdes lejos, el oleaje de un mar petrificado y albarizo"

Campos de Níjar, Juan Goytisolo
El Ejido desde un satélite da NASA

Ultras.O partido de ultra-dereita VOX, sumou na Andalusia 32.407 votos, un 1,21 %, a pouco de gañar un escano europeo en 2014. En 2016, nas xerais, o rexistro de VOX, foi  de 8.341 voltos na Andalucía, un 0,2%. Portanto, como é posible multiplicar estas cifra por 50? Explica ese medre que Andalucia tiver a crise inmigratoria, aumento da inseguridade cidadá ou un debalo  economico e social comparabel ao de Grecia? Na campaña non se falou para nada destes temas. A discusión alicerzou na axitación en chave españolista  (na aplicación permanente do 155, expulsar da Moncloa a Sánchez, o “ilexítimo presidente aliado dos golpistas”, o traidor cómplice dos separatistas, invocaronse privilexios e indultos inexistentes, competiuse sobre a severidade das condenas aos acusados polo 1-O, competiran a ver quen máis defendía a unidade de España e mesmo a liquidación das autonomías, pasando da defensa á “Reconquista de España”. Andalucía esvaeceu nas suas propia eleicións autonómicas. É cousa gravitatoria que con esta caste de discurso a ultra-dereita madureza e caia da árbore. 

Este exemplo ilustra que actualmente hai poucas organizacións políticas que teñan o poder ou mesmo a intencion de facer uso productivo da carraxe. O maistream existente propagou unha política de medo e non de dignidade. A ira como expresión  dun desexo moral de recoñecimento, ben como a loita contra as inxustizas e non como explosión plebiscitaria de zuna contra o outro. En vez diso, o discurso que non construe, o do “A por ellos!” e da “Reconquista” condensa a indixencia da experiencia política alicerzada na raiva con resentimento. A mensaxe da campaña eleitoral andaluza entullou vieiros para se engaxar en promesas politicamente promisoras, aproveitando a ira para fins desexábeis. Por un lado, a “esquerda” mainstream desenvolvendo políticas de austeridade (ao  tempo que asume a pauta progresista e multiculturalista) e, por outro, a “dereita populista”  revoltándose contra medidas antiausteridade (e o discurso da xenofobia e do nacional populismo de dereita ). O caso mais flagrante o temos na  Polonia onde un goberno ultra católico, desenvolveu medidas que nengunha social-democracia na Europa  fixo, como é reducir a idade de xubilación, elevar a providencia, mellorar a saúde pública e ampliar o apoio financeiro aos estudantes. Eis o paradoxo europeo: esvaece a social-democracia tradicional e aparece un antagonismo entre o mainstream liberal de esquerda ( neoliberal en termos económicos mas socialmente a favor de dereitos das mulleores,  LGBT, minorias…) e o nacional populismo de dereita. Mas nesa política non hai reconciliación nen hospitalidade, apenas é un reacción nacional populista que, por outra parte, expulsa o distinto,  allea a calquer internacionalismo civilizatorio.

E ainda hai quen se pregunte cómo é posibel que aumente a degradación, esa distancia, a paseniña indiferencia perante as eleicións e a expansión do deserto?. Mas non é esta insuficiencia de lexitimidade que está no cerne da representación a que foi gañando espazo entre unha cidadania con baixa tolerancia ao fastio e unha elites que descrubriran o risco de as persoas o poidan decidir todo e non apenas a modalidade de consumo? E non haberá  unha “inversión” no  Estado liberal-democrático, un conflito no seo da totalidade, unha disonancia no próprio cerne da orixe que impide locar a política a certa distancia do Estado ao xeito do vincallo social da auténtica democracia reivindicada polo xoven Marx? A política non é un negócio de cima para baixo, mas opera realmente así após décadas de partido-rexime, sendo ela mesma a  vítima dunha miraxe terribel. Aquí lembremos Joseph Proudhon cando dí “hai outro campo incomparabelmente mais vasto, en que o noso destino é elaborado”. 

Como crear intersticios ao xeito Simon Critchley (os espazos de pluralismo agonístico de Mouffe) por onde colar “demandas infinitas” lonxe do individualismo, espazos onde nos comportamos mútuamente, de forma cooperativa e con base na confianza? Non só a lei dos estados, a burocracia e o resto capitalista que impede iso, mas un pesimismo antropolóxico, unha certa idea de culpa ou carencia orixinaria, que abre a porta a todas as formas de autoritarismo, como forma de retificar esa deficiencia através das institucións da igrexa ao estado-nación, do partido-rexime ao sindicato-corporación. 

Porén, na globalización neoliberal guiada polo ideal do homo oeconomicus  non hai intersticio que valla a pena agás como limitada forma de conciencia ética que o estado-liberal se permite entanto baleira de exixencias precisas e finitas, tal como Zizek nos lembra debemos formular. Porque a pedagoxía da democracia precisa acuidade, agudeza do ollar, mas tamén concretude e internacionalización. Para acautelar o significativo: todo o que non ten voz e non é representado, o que circula latente e non sabemos ver e que só se torna subversivo no pedido importuno e localmente determinado, na exixencia ben balizada. Fitemos, por exemplo, a tremenda contradición de El Ejido, único concello andalús  onde  gaña VOX co 29,51 % e consigue sela terceira forza política na provincia de Almería co 16,78 % dos votos  e 400 mil votos en Andalucia. A ultra-dereita gaña onde hai máis emigración. O “mar de plástico” de El Ejido produce máis hortalizas que toda Alemaña, a emigración é unha grande vantaxe para alargar a súa riqueza, porén vén de votar unha forza xenófoba. Un modelo de agricultura productivista levado ao extremo , que após décadas de crecimiento récord, mostra os seus límites. Claro síntoma do desaxuste que produce un grande aumento da renda baseado nos salarios de miseria, carencias formativas (PISA) e  falta de estructuras de integración. A dominación é anónima (eís a proeza do capital ao ter convencido mesmo a aqueles que máis priva, segundo Michel Surya) porén redefine as súas condicións nesa modalidade política alicerzada no establecimento de un conflito cun determinado enimigo, o elo máis feble da cadea. Porén  a perda de renda e a disminución do 43% nos prezos en orixe dos productos da horta non se debe á man de obra barata que fornecen os emigrantes en condicións do s.XIX, mas as turbulencias dun mercado globalizado. As fallas do capitalismo especulativo non parecen ser fallas de alguén, podendo ser alguén máis. Mesmo que algúns políticos e banqueiros foran condenados, a fúria improductiva apontou a alguén máis: o emigrante, a feminista, o homosexual, o catalá…A forma pola cal Rivera e Casado asumindo aos demagogos populistas de dereita foran capaces de mobilizar esa eterna acusación contra as outras nacións do estado, de que os “separistas” serian os representantes da corrupción, que eles serian parte dun Estado das Autonomías non transparente, corrupto e por aí vai… 

Quizais precisamos reconsiderarmos a suposición diretora do liberalismo que os indivíduos son os principais axentes políticos e portadores de dereitos. Mas a dos grupos. Platón, Marx e Sloterdijk xa apontaran que as persoas non queren apenas sua própria  dignidade recoñecida, mas tamén desexo o recoñecimento de suas várias afiliacións de grupo. Se un grupo está a ser  sentindo que seu valor é menos recoñecido  do que  acha que merece, encontrará maneiras e meios de se facer ouvir. Sloterdijk ,por exemplo, se recusa a abordar grupos como se fosen indivíduos con certos desexos  e programas de acción. Pola contra,  grupos e sua organización dentro de partidos funcionan como institucións financeiras en que as emocións están sendo adquiridas, armacenadas, negociadas e, de tempos en tempos, liberadas. Sloterdijk usa as alegorias do “banco mundial da raiva”, “monopólio de thymos” e  “dividendo timótico” («thymós», o carácter, a alma cálida, emocional e vigorosa de racieira social na medida que se mostra e valida perante a comunidade) para caracterizar a acumulación e dispersión de  raiva. Sob as condicións do capitalismo, as transacións dinámicas do gaño caracterizan formas de vida eroticamente carregadas en que a compensación excesiva para todos é prometida sen ser realizábel. A promesa de supercompensación substitue a tradicional promesa de ser adecuadamente recompensada polo esforzo. Aqueles excluídos dos benefícios da promesa de sobrecompensación e aqueles sen sorte na lotaria permanente do capitalismo especulativo forman un exército cada vez mais perigoso de zangados e frustrados. No entanto, a nivel político, tornouse cada vez mais difícil se inscreber, ou até mesmo imaxinar, proxectos de raiva de largo alcance após desaparecimento de grandes narrativas, incluindo seus grandes chivos expiatórios, quer  capitalistas, comunistas, xudeus ou musulmans. Porén, son as minorías as que deben servir para alargar a noción de pobo aos pobres, aos árabes, aos negros, as minorias. 

O dividendo timótico sería o depósito do malestar en “bancos de ira” (Sloterdijk) cando non se canaliza para unha loita política produtiva dando lugar á antipolítica: cando aumenta a percepción de que o pobo non é quen máis ordena, reprodúcense os millor adaptados ás condicións do deserto, os movimentos totalitarios (H.Arendt). Mas carecemos de prácticas localizadas e unha confianza no aprendizado a longo prazo nas condicións do deserto. Procesos que só se poden acadar no curto prazo se son concretizados de xeito preciso. Caso contrario, ficaremos ao abeiro do mapa e do manual de uso, de quen dita porque tén máis poder, para apenas formular quer “exixencias infinitas” quer “respostas sinxelas”  pronto a seren aceitas e asimiladas porque as partes saben non serán satisteitas. Para  logo debruzarmos na soleira da historia a agardar o “momento adecuado ” da mudanza que nunca virá, como dicía Rosa Luxemburgo. Na pedagoxía da democracia directa aniña a da mudanza, creando as condicións da sua posibilidade. O está a fallar é a politica como vincallo  de existencia plural, non na miraxe dunha promesa dixital  que non posue a palabra malia presentarse con atributos emancipadores, que sirve de escapismo  perante a isonomia: a vella arela grega de termos dereito á actividade política nun espazo, ao cabo, que só se torna espazo público cando axir e falar non están escindidos.

Nun mundo guiado polo ideal do homo oeconomicus se perdes o traballo, perdes o recoñecimento como traballador; se perdes ese recoñecimento perde a dignidade, e se perder sua dignidade, perderá o sentido pròprio. Debaixo das condicions de fracaso económico do capitalismo está o fracaso moral. As violacións de honra e dignidade constituen un arsenal politicamente explosivo.No entanto, este arsenal tamén pode ser un meio progresivo de transformación. Actualmente, os partidos mainstream apenas administran  orzamentos esgotados e ameazan os cidadáns co fantasma de seren terceirizados debido à competición dun mercado globalizado no  que a forza de traballo e o capital son libremente negociados. 

Institucións monarquizadas.O voto de dereitas, xenófobo, homófobo e nacional populista español vai para arriba. Porén, o nacional populismo de dereitas non caeu do ceo. As institucións políticas españolas están  monarquizadas. Abonda fitar con atención os “negocios públicos” dos Borbóns para comprendermos que a sua sombra é un atranco para a democracia. A monarquización da democracia española é en si mesma o principal vieiro de entrada da antipolítica  e do voto que  acompaña á ultradereita populista española.

Miraxe.Por último, mas non menos importante, poder decidir sobre todas as cousas non é o mesmo a resposta impulsiva que as redes sociais prometen. É unha miraxe de liberdade, que dispersa até o esgotamento, porque no seu espazo pobre en decisións cresce a despolitización, xa que podendo decidir sobre moitas cousas o que realmente importa fica á marxe, non é debatido e non se define, considérase sagrado:  o estado do ben-estar como afinco exclusivo do capitalismo, a dimensión perversa do campechanismo, o estado patrimonialista e represivo,… E as numerosas razóns para a raiva. A simples concorrencia formal de diferentes opcións ideolóxicas sendo desexabel, de seu non vivifica  a democracia cando esas opcións incluen un ermo cada vez maior entre os ricos e os pobres, novas formas de exclusión e subordinación social, sentimentos xeneralizados de impotencia social e política, ben como os danos irreparábeis ​​que xa foran causados ​​ao ecosistema global. Para que a fúria fose libre de xenreira, os movimentos sociais que non alicerzan na xenreira precisarian dispor unha visión utópica, unha visión dun mundo en que haberia causas menos sistémicas para padecer inxustiza. O principal eixo, real o imaxinario, da extrema direita é a xenreira, baseada na ideia de que os outros gozan (servizos, priviléxios) no meu lugar, encanto a esquerda é a repulsa, a indignación, que nasce da idea de que ninguén gorenta deles, e é, portanto, un conceito máis relacionada ao ben común. Por esa razón, as persoas que votaran Vox non votan Podemos e vice-versa. Finalmente, é un problema político. Dar proeminencia ao populismo e colocar a opción pola esquerda en segundo plano non é, obviamente, a mellor maneira de reconstruir a esquerda. Ese foi o erro de Podemos (esqueceu que vindicar as minorías é o xeito de mudar a maioría).

Así escribía Fernando Pessoa,  “nascemos já em plena angústia metafísica, em plena angústia moral, em pleno desassossego político”. Deste xeito, acrescenta Pessoa por voz do Bernardo Soares: “Uma sociedade assim indisciplinada nos seus fundamentos culturais não podia, evidentemente, ser senão vítima, na política, dessa indisciplina; e assim foi que acordámos para um mundo ávido de novidades sociais, e com alegria ia à conquista de uma liberdade que não sabia o que era, de um progresso que nunca definira”. Un cético mas visionario Pessoa enxergaba a democracia moderna como “”uma vida social feita dos elementos secundários da actividade”, quer dicer, cando  só se atenden as necesidades elementares da vida e a maxima do sentido común (“non hai que facer, non hai alternativa”).  Precisamos máis educación e máis concretude na esquerda. De modo que quen sauda a democracia desde a falta de valores democráticos, quer falando en termos de “reconquista”, quer desde o machismo, a  homofobia e o racismo non acabe gallopando sobre as nosa testa. O que poderiamos reformular arestora segundo a fórmula platónica vivificada por Hannah Arendt segundo a cal se non somos quen de formular preguntas fundamentais que non teñen resposta, difilcimente poderemos formular calquer pregunta daquelas que teñen resposta. Trátase de colocar preguntas fundamentais perante a claudicación que dita que o neoliberalismo é o punto final da Ilustración.

En Galiza este voto só pode vir do PP, que nas cidades tamén poderia apañar votos do vazquismo político, complicándolle a vida ao xa residual Ciudadanos. Eís a cocteleira: antigaleguismo, homofobia, localismo, providas, Galicia Bilingüe,…Vox pode engalar de aquí: o franquismo e fascismo galego desaparecido por décadas pode atopar a súa oportunidade, ainda non se sabe ben como nen con que cartos, nos desafectos a décadas de “goberno autonómico” do PP. A impostada fasquía do aznarismo de sempre xa non precisa peneira nen artificio cosmopolita nen europeista para disimular.Está por ver se o feixooismo, a dereita tecnocrática que nos goberna, o que explica o papel marxinal de Ciudadanos até o de agora, se agarra o autonomismo kich de fasquía fraguiana ou rapeta no que representa a España uniforme e monolítica, xenófoba e homófoba.

É o vieiro do neoliberalismo ao autoritarismo cando o “banco de raiva” é abandonado sen concesións que muden os desequilibrios sociais. É o fracaso da “esquerda falsaria” (Rafael Cid), do establishment liberal de esquerda que abriu as portas para o xurdimento de VOX e figuras como Casado, Rivera e Abascal (a radicalización do discurso aznarista que sempre estivo aí). 

Coda.Eis a política do abatimento, a grande decepción:a esquerda soerguida co discuro dos enimigos e dos falsos culpabeis para engañar a xente e elidir as responsabilidades que conleva mandar.  A esquerda relegada a posición adxectiva que mantén a súa retórica mas axe coa lóxica de dereita.A opción socialdemócrata a se confundir coa da dereita, con mínimas diferencias. Ese pacto debalou coa xudicialización do Procés catalá cando ese establishment esqueceu que mesmo a democracia multipartidaria baseada en partidos funcionaba apenas por pacto. Un consenso en ruinas que a situación propicia do Procés a nova esquerda española non aproveitou para facer algo e propor un novo pacto social abaixo-acima que incluría as minorías. Convén, portanto, non confundir o síntoma coa causa: o xurdimento da dereita populista non se combate con populismo de esquerda, mas recuperando o  fólego internacionalista. E non esquecer tamén que a singularidade da democracia é a oposición, o antagonismo e a polémica. 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off