off
Cedeira, Fotografía, Historia, Opinião — 4 Decembro, 2018 at 8:55 a.m.

Entre Laurussia e Wondwana

by

Limiar de Antom Labranha publicado no catálogo da exposición fotográfica “Cedeira no século XX”


"Se no abrente deste día poidéramos voar sobor da nosa terra

e percorrela en todas direicións, abrangueríamos o portento dunha mañán única"

Castelao ("Alba de gloria"; Bos Aires, 25 de xullo de 1948)

Limiar:

Quen pode subtraerse ao feitizo sedutor dunha vella fotografía?

Revistas locais coma Ollaparo, A Javiota ou Litoral Norte, a través de fotos de épocas pasadas, rescataban anacos da nosa historia colectiva. O impacto na poboación era enorme e as publicacións esgotábanse nos primeiros días. Tamén sucedeu así con aquelas edicións fotográficas da Asociación de Veciños “A Marieta”, da Sociedade Cultural “Chirlateira” ou da Sociedade de Caza e Pesca.

Panorámica do barrio da Area coa Vila ao fondo, contra 1930. O peirao remataba máis ou menos no que foi “a rampla”, onde vemos atracado un barco. No perfil rectilíneo da beira do cantil, esbózanse as obras de ampliación. Aínda non estaba feito “o Ramón” (que é de 1955); o primeiro edificio da esquerda, de dúas vivendas, correspondería ás casas do Culoro e da Pita. Enriba está o cemiterio vello, que foi utilizado ata 1929.

En formato libro debemos citar “Imaxes para unha historia” do noso inesquecible André López (Willy) e outros textos, máis específicos na súa temática, coma “Redes e Peixes” de Xavier Rodríguez Vergara (Sotavento; probablemente a persoa que máis ten contribuído ao afloramento da fotografía antiga de Cedeira), “A Música Popular en Cedeira”, de Antón Suárez ou “Cedeira, SD, o fútbol no tempo”, de Camilo Casal.

Contamos, ademais, con grupos e páxinas do Facebook que amorean fotos e seareiros. Destacamos especialmente os albumes “Cedeira Antiga” e “Xente de Cedeira” (na site “Cedeira Marabillosa”) que xestiona Lisardo Mtz. Ardura, con fotografías achegadas por multitude de foristas para seren divulgadas e de onde obtivemos moitas das fotos aquí empregadas, alén das outras fontes citadas e das que persoalmente se nos proporcionaron.

Algunhas delas -as máis antigas- poden ter sido realizadas polo fotógrafo ferrolán Genaro ou o coruñés Ferrer; outras corresponden á serie editada nos anos 30 do pasado século polo fotógrafo francés afincado en Barcelona, Lucien Roisin; outras, máis próximas no tempo, serían feitas por fotógrafos locais coma Freire, Hermida, Barge, García, Marino Lago…

Na perspectiva de facermos agromar memorias antigas que nas vellas fotografías se atesouran, a Asociación Maiores de Cedeira vén organizando esta serie de exposicións, convidándovos a visitalas e gozalas. Con todo, o máis fermoso deste traballo foi a abondosa colaboración que encontramos entre a veciñanza. Ducias de persoas achegando lembranzas: ben fosen fotos, ben identificando lugares e xente, quer proporcionando datos da época e da contorna, quer acrecentando a información con anécdotas… Non sería errado, pois, dicirmos que se trata dunha obra colectiva: un labor aberto que precisa da vosa colaboración para continualo, melloralo e corrixilo onde cómpre facelo.

Ao longo destas páxinas encontraredes debuxos realizados por Pepín, que nos axudarán a “reconstruír” no maxín elementos esenciais das épocas representadas.

Rematamos esta presentación cunha referencia á primeira fotografía coñecida,creada por Nicéphore Niépce no 1826

“La cour du domaine du Gras” (Punto de vista dende unha ventá en Le Gras –Francia-). (Wikipedia

Os procesos que se seguían para elaborar unha foto eran moi artesanais e levaban consigo unha grande complexidade no tratamento con produtos químicos. Non será ata 1880 que se fabriquen placas fotográficas en serie (de vidro), polo que  é difícil que teñamos fotos de Cedeira anteriores a ese ano. Pouco despois, no 1888, dáse un adianto fundamental para a expansión da fotografía: a Kodak comercializa a película fotográfica en rolo. A partir de aquí xa resultará máis fácil atoparmos fotos de calquera lugar.

Cedeira, outono de 2018. Zoa o vento e brua o mar.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off