off
Eleicións Andalucía 3-D 2018, Opinião, Politica espanhola — 2 Decembro, 2018 at 10:45 p.m.

VOX nas portas

by

O engalo andaluz do até agora partido extraparlamentar de extrema dereita Vox é a última xenialidade do alargado bipartidismo  formado por PSOE, PP e Ciudadanos. Só á súa calculada estupidez deben os andaluces a presenza na asemblea autonómica dunha formación ultra e xenófoba. Eles son os verdadeiros patrocinadores desa infausta revelación. Por que unha formación insignificante, cuxa militancia liscou a fume de carozo de Xénova 13 por considerar a Mariano Rajoy pouco fiabel patrióticamente, salta agora ao mapa político autonómico con 12 escanos e perto de 383.000 votos? Nas eleicións xerais de 2016 Vox obtivo 46.781 votos en todo o territorio español e nas andaluzas de 2015 déronlle a súa confianza 18.017.
Sen dúbida una das razóns é estrutural. Ten que ver co caldo de cultivo que supón a persistencia durante 36 anos ininterrompidos do nepotismo socialista naquela comunidade. Unha das que conta cos peores índices sociais da península e case de toda a Unión Europea, sen que se rompeu o encantamento entre mandatarios e mandados. A campaña eleitoral desenvolveuse coma se o xuízo dos ERE non existise, cos seus perto de 800 millóns de euros presuntamente defraudados, dous ex presidentes andaluces acusados e outros 21 altos cargos da Junta no banco. Unha atonía destas dimensións entra no eido da patoloxía social. De aí o preocupante significado da aparición de Vox. No mellor momento da extrema dereita, cando todas as súas correntes concorreran ás eleicións baixo a sigla de Unión Nacional, só sacou 1 escano e 378.964 votos (algo menos que Vox en solitario o 1 de decembro de 2018 na Comunidade andaluza).

Porén a grave irresponsabilidade da clase política acadou o que os pròprios dirixentes de Vox levaban anos tentando. O xogo sucio de Susana Díaz metendo ao Partido Popular e Cidadáns no mesmo saco ideolóxico que Vox serviu de acicate. Grazas á súa teimosía no voto do medo ao facha, Vox obtivo de balde unha publicidade que estaba moi por riba das súas expectativas. Colocouse en órbita ante uns eleitores que apenas repararan nas xentes de Santiago Abascal. Algo máis que unha torpeza bumerán. Porque, visto o sorpasso cultivado, por primeira vez desde a transición á democracia conseguiuse dotar dun líder e un estandarte común á extrema dereita españolista para lidar posteriores escaramuzas. Ten razón Teresa Rodríguez de Adelante Andalucía (o No Logo de Unidos Podemos, que tropezou na mesma pedra que no seu día EU ao unirse con Podemos) ao denunciar que Susana Díaz deu ás a Vox durante o debate. A iso hai que engadir a incompetencia e o oportunismo dos dirixentes do PP e C´s, incapaces de zafarse do pressing a que lles submetía Díaz para que revelasen se pensaban pactar con Abascal. En casa do ferreiro? Porque os mesmo tastarabás foi o argumento utilizado por ambos os partidos para deslexitimar a moción de censura que levou a Pedro Sánchez ao goberno. Proclamar que foi “vendido” a secesionistas e ex etarras para chegar ao poder. Que tropa!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off