off
Europa, Globalização, Opinião, Política, Politica espanhola — 26 Novembro, 2018 at 8:16 a.m.

Spam(tando) o abstencionismo

by

“Me gusta cuando votas porque estás como ausente”.  Con ese aroma poético ao Pablo Neruda mostraba a súa indiferenza ao acontecemento eleitoral unha pintada rueira nas pasadas eleccións europeos de 2014. As primeiras que se celebraban despois do atraco austericida perpetrado pola Troika, coa lóxica colleita de abstencionismo consecuente, máis do 56 por 100 dos convocados déronlle as costas. Un principio lóxico de calquera persoa ben nada é non bicar a man que che losquea. Xa van 42.621 millóns de diñeiro público perdidos no rescate financeiro.

Este flagrante desafecto non é moi aceitábel por un sistema político, teóricamente democrático e formalmente representativo, que se lexitima no consentimento expreso dos gobernados. Unhaanduriña non fai verán, mas que en unha consulta non e en cinco si os eleitores fiquen na casa e que o quorum sexa meramente virtual,é outro asunto. Por máis que os  unxidos se sintan escolleitos a divinis, o efeito pinga malaia se deixa sentir cando desde acima se peden sacrificios e comprensión aos subordinados damnificados.
Para acirrar aos preguizosos sen remedio o sistema tentou case todo. Desde presentar os comicios como a gran festa da democracia até espabilalos con malgaste de purpurina mediática. “Vota pobo, vota”, e tiro porque me toca. Algunhas medidas eran tan obscenas que non tiveron máis remedio que pór límite a tanta impudicia. Inaugurábanse obras públicas e usábase a publicidade institucional, a nivel de Estado e de Comunidades Autónomas, para dar un empurrociño ás candidaturas amigas. Aínda que quen fai a lei adoita facer a trampa. O goberno de Pedro Sánchez, pola mostra se coñece o pano, aprobou un investimento de 1.100 millóns de euros para o Campo de Xibraltar a unha semana desde Susana Díaz convocara as urnas para o 2 de decembro, na Andalucía.
No entanto, hainos piores. O confesionalismo institucional chega ao momento de considerar o sufraxio como unha obriga e non como un dereito. É o que acontece en países como Grecia, Bélxica, Chipre, Italia ou Luxemburgo, onde mesmo se pode multar aos infieis. Un conflito entre liberdades positivas (as que se orixinan na razón de Estado), en plan supremacista, e as liberdades negativas (o ámbito de autonomía do individuo), que Isaac Berlin non valorou. Un bo cidadán, como probo fregués, é aquel que santifica as institucións co seu óvolo. Os que prefiren non facelo brillan como peste. Aínda que tamén contribúan a través dos orzamentos á caixa dos partidos concursantes con ese novo díezmo que pagamos por escanos logrados e votos recibidos.
Por esas cousas da vida, o caso español era até agora unha rara avis entre tanto integrismo rampante. Até o punto que nas pasadas eleccións europeas, Bruxelas tivo que retirar valos e carteis que animaban a votar aquí porque a nosa lexislación prohíbeo, nunha interpretación extensiva do sufraxio como dereito e non como obrigación. É o que prescribe a vixente Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG). A propaganda despregada por todos os actores durante electoral deberá ser informativa “sen influír en ningún caso na orientación do voto dos electores” (Art.50, 1).
E niso chegou o spam. Como o que non pode ser non pode ser e ademais é imposible mentres a xente responda coa indiferenza e o abstencionismo activo á carnicería social que propende a UE, o parlamento inventouse a dialéctica do spam. Que é tanto como dicir, se non querías caldo, dúas cuncas. Aprobou unha lei que permite ás formacións políticas acceder aos dispositivos electrónicos dos cidadáns para enviar mensaxes a móbiles e correos sen a súa autorización. Coa posibilidade de que crear arquivos cos perfís ideolóxicos da poboación. Un paso máis na vixilancia maciza (ensaiada por vez primeira co panóptico carcelario), por máis que o portavoz do PSOE no Senado, Ander Gil, afirme que se trata dunha lei garantista que respeita a Lei de Protección de Datos. Orwell nunca pensou que a súa distopia seria legal para as democracias de antiga linaxe. Como dereito de pernada partitocrático. Por certo, o 25 de maio entrou en vigor en toda a UE o Regulamento para a Protección no Tratamento de Datos das Persoas Físicas (RGPD) por parte de empresas e organizacións que establecía o consentimento previo dos afectados. Todos fichados.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off