off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 23 Novembro, 2018 at 11:54 a.m.

Ao sur de Despeñaperros: “cuando tu te hayas ido…”

by
"Sabemos por que gaña o PSOE en Andalucía.
Porque quere á xente"
(Susana Díaz nun mitin)

A regueifa política está chea de lugares comúns. O nós “temos os gobernantes que nos merecemos”, coa súa carga de responsabilidade engadida, é un dos máis resgatados. Noentanto, ninguén contestaría a obviedade que iso reflicte: eles gobernan porque os escollemos. E aqui a paz e depois a gloria. Iso no  abstracto. Aínda que cando se desce á pedestre realidade a historia fica complicada. Especialmente se, como acontece na Andalucía do susanismo rociero, constátase a perversidade da súa lóxica. O instinto de conservación di que ninguén no seu san xuízo quérese mal. Así que haberá que buscar noutra parte a razón de que a comunidade máis poboada de España vote relixiosamente durante 36 anos un monocultivo ideolóxico que lidera o ranking de atraso, pobreza, desemprego e mandanga. Por puro masoquismo non será.

Dans le défilé du Despeñaperros

Emulando ao Hegel de “todo o racional é real e todo o real racional”, Marx dicía que a “”a humanidade só coloca problemas que pode resolver”. Para comprarllo habería que deducir que en Andalucía faltan problemas, cousa de xeito evidente incerta, ou humanidade, algo igualmente desatinado. O que nos leva a focar a causa eficiente do trauma na incapacidade de ruptura con esa inercia. E de aí a pensar que o inmobilismo político e a reiterada aceptación dun statu quo tóxico tería moito que ver cunha dopada adaptación ao medio. O que noutros ermos se coñece como “servidume voluntaria”, por autoinflixida. Tamén sobrevinda, xa que a conformidade non radica na natureza das cousas nin se trata dun fenómeno á marxe da evolución histórica. En liña co pio argumentario de Susana Díaz que coroa esta nota, o sempre boiante socialismo andaluz actuaría como ese “ogro filantrópico” con que o poeta Octavio Paz cualificaba ao PRI mexicano.
E como quere á xente o PSOE de “Despeñaperrros abaixo”. Velaquí algúns datos. Taxa de paro no terceiro trimestre de 2018: 22,85% (nacional 14,55 %); en Huelva 25,98% e entre menores de 25 anos 46%. Riqueza per cápita: 18.000 euros (española 25.000). Limiar de pobreza: 37,3% da poboación (21,6% resto).Sanidade: a comunidade que menos inviste por habitante. Todo iso na rexión máis favorecida polos fondos estruturais de Bruxelas. Máis de 102.000 millóns de euros dunha Unión Europea (UE) que acaba de situala entre o grupo de zonas en desenvolvemento, aquelas que teñen un PIB por baixo do 75% da media comunitaria. Educación: o último informe PISA por autonomías colocaba a Andalucía na cola en ciencias e no penúltimo en lectura e matemáticas. E para finalizar, segundo o índice de calidade de gobernos (EQI) da Comisión Europea (CE), a Junta sitúase no nivel máis baixo de toda España, comparable ao dalgúns territorios polacos. Fogo amigo, a meio camiño da queda a primeira vista e a síndrome de Estocolmo.
Ainda como paisaxe distópica, unha foto fixa que camiña cara á corentena, non só ten que ver co modelo clientelista das institucións andaluzas dependentes do palacio de San Telmo. Tamén fomenta a compracencia unha estratexia cultural e informativa que enxalza tradicións populares de charanga e pandereita, facendo da súa idiosincrasia unha reivindicación do nacional-folklorismo de antiga linaxe. Desde a feira de Sevilla e as súas casetas personalizadas á cabalgata endomingada do Rocío, pasando polo circuíto procesional, as confrarías de penitentes, os festexos taurinos (unha dirixente de Podemos tivo a ocorrencia de suxerir a súa abolición e a punto estivo de ser linchada; por iso agora o seu camarada exhíbese de nazareno en Semana Santa) e un rosario inacabable de castizos seráns. Sen esquecer a inaudita contribución a ese rosario de valores patrios de Canal Sur, a tele do réxime, que inocula un continuum de espazos para papa-brebas, entregando a súa grella a médiums. Os Morancos, Juan e Medio e Pepe o Marismeño. Por certo, naquela demarcación o PSOE non aplica os mesmos códigos que no Estado. Entanto Ferraz utiliza un decreto-lei para designar unha nova dirección de RTVE, sorteando así o bloqueo de meses de PP e Cs na mesa do Congreso, Canle Sur TV mantén en funcións un consello de administración cuxo mandato venceu en 2014.
Cousas do querer da esquerda andaluza no poder. O mesmo troquel político que en 2006, baixo o mandato do EREmita Manuel Chaves, designou filla predilecta de Andalucía á duquesa de Alba, a maior latifundista do continente. Nen na Galiza pepeira chegouse a tanto durante tanto tempo, malia o que pensen os meus amigos galegos, con ser moito e proceloso. A resistencia ao cambio en Andalucía non ten só que ver coa escasa credibilidade e indixencia social das oposicións en liza, que tamén. É ante todo unha proba da eficacia da mainstream oficialista que conseguiu inocular na conciencia dos votantes a idea do “máis vale mau coñecido”. Posibelmente temendo que, como di a canción de Alberto Cortez, “Cuando tu te hayas ido”, envolverannos as sombras?. Nese sentido, a terceira vía de Evita Díaz copia á dama de ferro británica e o seu “there is non alternative” (non hai alternativa).A extraordinaria resiliencia deste modelo andalusí provén en boa medida dunha hábil campaña de comunicación emocional. Unha poalla teimosa e paternalista que ten inoculado a anestesia local necesaria para cohesionar un grupo de pertenza identitaria (“espírito de corpo”) inhibidor da mudanza. Por suposto, atrasando a operatividade dunha verdadeira sociedade civil autónoma.
Todo o anterior, ainda que semelle desaxeitado, non xustifica o feito de que fose precisamente na Andalucía socialista onde se estreara o partido xenófobo Vox, mas nen foi exonerado. E non!, o bautismo político desa ultradereita emerxente prodúcese precisamente no principal lugar de entrada dos migrantes que tentan o salto á península e con iso á UE. No final, as formacións populistas de fasquía parafascista chegan alí onde o sistema da falsaria esquerda corrompeu os cimentos da democracia mediante o clientelismo (o dilema imposibel de Navantia entre fabricar armas ou comer). A Andalucía do destino manifesto é experta en converter a penuria en radiante porvir. Os case 80.000 millóns de euros comprometidos na rifa dos ERE contémplana desde a cimeira da Junta . Encanto, na súa declaración de bens a presidenta Susana Díaz di ter 80,69 euros nas súas contas bancarias. Certamente porque a camaradaxe económica cos subordinados (gobernados-representados) é a mellor guía do liderado consentido. A forma antropófaga de facer da necesidade virtude.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off