off
Arte, Cedeira, Cultura, Galiza, Historia — 19 Novembro, 2018 at 12:32 p.m.

O Carbono 14 confirma que o uso e ocupación da “pedra formosa” do Sarridal de Cedeira é anterior á romanización

by

A datación por Carbono 14 confirma a súa plena identidade castrexa e desmite a tese que limitaba o horizonte cronolóxico destes monumentos ao mundo romano. A sauna castrexa ou monumento con forno do Sarridal está no interior da croa, o que xa o diferencia doutras atopadas.


Restos de carbón recollidos durante as escavacións do mes de xullo foran sometidos á proba do Carbono 14 pola empresa Beta Analytic, con sede en Londres. As analises  da “pedra formosa” do Campo do Castro (Sarridal), fornecen un momento de uso e ocupación da sauna no século III a C, por volta do ano 2.250. Iso quere dicir que puido ser construida no IV a .c, época plenamente castrexa, toda unha inflexión para a arqueoloxía galega. Alén diso, este dato demostra unha ocupación do xacemento demorada no tempo xa que foran achados restos de cerámica da época romana. Durante moito tempo, unha corrente dominante na arqueoloxía do noroeste peninsular considerou que estas saunas eran unha adaptación castrexa de edificios relixiosos ou públicos romanos. Coa excavación realizada por Emilio Ramil (Axa Arqueoloxía) confírmase   a identidade castrexa do monumento con forno, das que en Galiza existen un total de cinco. A última foi a localizada no Sarridal por Ramil, durante a campaña levada a cabo en decembro do 2017. Segundo manifestou a concelleira de cultura de Cedeira María Xosé Rodríguez Pérez, a tipoloxía do achádego non ofrecía dúbida ningunha o que vén a ser confirmado polo Carbono 14, creando expectativas fundadas para realizar novas investigacións neste xacemento arqueolóxico.

No mes de xullo deste mesmo ano remataba a terceira intervención arqueolóxica no Sarridal, o Campo do Castro, a primeira financiada exclusivamente con achega local. O investimento ascendeu a 12.000 euros e os traballos realizados tiñan como obxectivo a consolidación dos elementos ata o de agora localizados. Anteriormente e con financiamento directo de Patrimonio, o lugar acolleu outras dúas campañas arqueolóxicas.

Atopáronse anacos de bronce e unha “faca” da época

As pedras formosas son edificios que levan o nome da súa especial decoración portical (totum pro parte), teñen distribución axial, un forno extremo e a continuación unha cámara, logo unha antecámara e finalmente un recinto sen teito no que hai unha pía á que chega unha canle de auga. A chamada “pedra formosa” separa a cámara da antecámara. Estes edificios serían saunas semellantes ás nórdicas que, á luz deitada polas novas técnicas de datación, son anteriores á romanización. Os restos enviados a analisar foron excavados no forno do edificio e apuntan a un momento de uso do s. III a.c, porén a construción puido ser do IV a.c. O seu demorado período  de ocupación fica constatado coa aparición de cerámica romana.

A sauna do Sarridal, anterior á excavada en Espasante, vén confirmar a tese de arqueólogos como Ángel Villa Valdés,  un dos maiores expertos nesta tipoloxía arquitectónica da cultura castrexa: súas son propias, varios séculos antes da chegada dos invasores romanos. A cultura dos castros daban un tratamento monumental a estas construccións, rompendo a trama do poboado. Presentan planta rectangular e cabeceira  absidiada e a súa distribución interior tiña varias estancias sucesivas baixo cuberta e  a dúas augas sobre falsa bóveda, con canalizacións, depósitos para a auga e zonas de combustión. Solucións construtivas que contrastaba en monumentalidade  co resto do conxunto arquitéctónico castrexo e que servian ou estarian  vinculadas segundo diversas intepretacións a ritos de paso, culto a divindades indíxenas relacionadas co medio acuático.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off