off
Agro, Ecoloxía, Europa, Galiza, Natureza — 17 Novembro, 2018 at 9:39 a.m.

Polo carreiro das maceiras esquencidas

by

Por saber como sabía. Dí Rilke que quen non ten casa non vai mais construíla, que quen está soliño terá que esperar por moito tempo, quen asistirá, quen escreberá longas cartas, quen irá vagar para cima e para baixo, rolando como unha folla entre as follas. Tempo, o paso do tempo é unha dádiva, e se sabemos ficar á espreita unha beizón. Polo San Cibrao apáñase a mazá. Setembro. E despois virán os meses de espera e de promesa vexetal. De brión e acebo. Ao seu tempo veñen as uvas e as mazás maduras. Porque a mazá madura de seu se cai e todo  nela se aproveita  agás o rabo. Quen non adentou unha mazá por saber como sabía?

Cando andabamos ás mazás, nas hortas non había granny smith. Na altura, andar a elas era sinónimo de andar a froita. No Antigo Testamento, ao cabo, fálase dun froito que Eva e Adán non podían rilar sen especificar cal. Mas esa froita prohibida  non  identificada do Edén e ausente da Arca de Noé, como para aqueles pintores do Renacimento, foise tornando mazá.

Lembro a avó Isolina deitando no mantelo as mazás restrolladas na xenerosa horta do Peneiro, con  aquel andar lampeiro e agatiñado de muller espelida, de cacho para testo, que a falta de vinculeiro, imitabamos os lerchos mentres íamos apañando mazás ao recitado daquelas palabras que  habian madurecer en nós como madurece ateigadiña a froita na ucha:  de ollo e sangue de boi, pardas e tabardillas, repinaldos e cascudas... Touporroutou da froita a soltarse das pólas e bater no chao. Quer escudando coa abaloira, quer rubindo en horta allea, andar á froita ten algo de intrépido. Lembremos que un dos doce traballos de Heracles foi viaxar ao Xardín das Hespèrides e apañar as mazás de ouro da árbore da vida que medran no seu centro. En latin, as palabras para “mazá” e “mal” son semellantes (malus ‘mazá’, malum ‘mal’) e mesmo idénticas no plural (mala, que tamén significa caixa para transportar[franc. malle]) o que debeu ter axudado para súa asimilación na taxonomía do prohibido.
Óllome a rillar unha mazá verde, co aire inexperiente de quen nada fixera, empoleirado no muro da distinguida e vizosa horta de Lola Cora, no camiño das maceiras esquencidas,  balanzando as pernas como un Balbino que vén de descobrir, mentras acaba de roer no carozo, que para arelar algo, só é necesario que sexa difícil de acadar.  Debe ser pola queda no pecado, condenada a humanidade enteira a andar pola codia, que as mazás saben millor en horta allea. 
As hortas clasifícanse como as familias: a horta de abaixo, a horta do cimal, a horta grande e a horta pequena, a horta do lugar…o pomar das maceiras (que a redundancia é propio do que vexeta  con forza e celma na terra vizosa). Horta ou horto do latín hortus (tamén xardín e herbario), espazo fechado ou cercado en proto-indo-europeo, cognato en grego antigo χόρτος, /kʰórtos/ (pasto, curral), leva no seu cerne etimolóxicoda a nocion de cercar. No alto alemán médio  o xardin chámase garte e no antigo alto-alemán garto; en gótico garda significa cercado para os animais, encanto gards equivale a quintal, casa, família. Eses termos derivan do indo-germánico ghordho que está para trama, sebe, cercado, recinto, zona recintada. De facto, a noción do xardin como espazo recluso é, desde as suas orixes, acompañada polo conceito de propriedade privada. Os primeiros xardins na cidade nascen no interior dos cuartos nobres coa intención de recriar o ambiente natural do campo, abandonado grazas ao desenvolvimento económico e social das cidades. Posuir tal espazo era unha explícita manifestación de riqueza individual; o xardin e a horta era consideradas un ben precioso, pois nen todos podian gozar de tal luxo, dado que por moito tempo a súa fruición foi limitada á unha restrita camada social. 
David E. Cooper no seu A Philosophy of Gardens escrebe que coidar da horta e do xardin é unha práctica que, se feita con atención  e sensibilidade adecuadas, vén achegar dun xeito auténtico a verdade da relación entre os seres humanos e o seu mundo. Alén diso, as hortas ben cultivadas e os xardíns fermosos lémbrannos non apenas a nosa co-dependencia da natureza  e, en concreto, do mundo vexetal, mas un elo fértil coa “terra profunda” do mundo e de nós mesmos. Para Cooper, o hortus é unha epifania da relación do ser humano co mistério da vida. Un vieiro para a “boa vida”.  A vella aspiración de se tornaren filósofos todos os homes. Hortus como un anaco de universo (microcosmos) no cal a intervención humana alicerza en finalidades, lato sensu, de recintar, cinxir, circundar. Procurar unha definción unívoca á palabra xardin, non é das mais prosaicas empreitadas, embora o significado de espazo fechado onde se cultivan árbores, flores e plantas ornamentais, moitas veces asume o sentido de “horto”, significado ese co cal, nun tempo, eran chamados os xardins primixénios. Sempre me suprende que nun país inzado de árbores non haxa cemiterios entre elas. Galicia non ten nichos verdes, non hai cemiterios entre árbores. Todo o máis circundados dun aglomerado de altos eucaliptos ou piñeiros no monte. Foise impondo a morte urbana, entre carreiros de granito, mármore, placas e flores de plástico que non convidan á visita. O formigón e a lápida deshumaniza, por iso non reciben visitas. Conciliarmos paisaxe e memoria dos mortos  era mais doado cando se enterraba na terra. Os cemiterios deberian ser hortas e camiños de maciñeiras, florestas que acubillen a vivos e mortos. Mentres a terra administraba as cinzas no profundo, as fantasmas habitaban as leiras e carreiros que levan á casa. Galicia prívase das leccións que a súa memoria pode darlle: unha horizontalidade que lle permite ficar no mundo para afondalo, penetralo e vivilo.
Debrucemos, antes de máis, no fermoso treito do canto VII da Odisea no que Homero reflicte a dignidade ontolóxica das árbores de froita : “Fora do pátio, comezando cunto ás portas, estendiase o enorme pomar, cunha sebe de cada un dos lados. Nele nascen altas árbores, moi frondosas, pereiras, milgrandas e maceiras de froitos brillantes; figueiras que daban figos doces e vizosas oliveiras. Destas árbores non murcha o froito, nen deixa de crescer no inverno nen no verao, mas dura todo o ano. Continuamente o Zéfiro fai crescer uns, amadurecendo outros. A pera amadurece sobre outra pera; a mazá sobre outra mazá; acio de uvas sobre outro acio; figo sobre figo”.
Seria posibel vermos o mundo do lado das árbores? Se a árbore representa, coa súa permanencia,  o ser agora, aquí, tamén encerra no fruto os grandes atributos do ciclo cósmico, o que caduca e o que crece, a proliferación e a rexeneración, a vida e a morte, nunha dualidade que nos mergulla no  ciclo da vida e no desexo, quer dicir, a xenealoxía da posesión e a domesticación e alzado de tapumes e sebes vivas. No poema de amor eròtico Cántico dos Cánticos, atribuído a Salomón, que expresa a atracción sexual e o gozo de amor entre o sabio rei mozo, “home de paz”, e Sulamita, “a pacificada”,  hai entre os seus controvertidos versos algún relacionado á maceira, quer metáfora do amado, quer da muller-xardín: “debaixo da maceira te despertei…”; “deixe seus seios seren para min como uvas dunha videira, o perfume do seu rosto, como o das mazás! [Ct.7, 8-10];”como maceira entre as árbores do bosque, tal é o meu amado entre os fillos”;”con gran gozo senteime á súa sombra; e o seu froito era doce ao meu paladar”. Como a pagana Eva, quen non adentou unha mazá por saber como sabía?  Saber que consola. A mazá adentada ven a saberse, a revelar-se. Eva transgride e se revela por saber de…
Se ben é certo que o vincallo entre muller e o mundo vexetal  e as comparanzas ligadas á terra, ao formento e á maternidade están ben presentes e cuxa interpretación ten subxugado as exexetas, este patrístico «hortus conclusus»  é un inventario de froitos e plantas aromáticas no que o tema do xardín (idea arquetípica da natureza no platonismo medieval) leva ao paraiso (erótico, místico e relixioso) como lugar do amor. Non é por acaso que desde a mazá da discordia as mesmas plantas e árbores fosen cultivadas e preservadas nas hortas dos conventos. E ainda por outras cousas,  topariamos a maceira e o seu froito como indistintos testemuños de afago e de astucia, de disputa e de vida como no xardín das Hespérides. Nas Metamorfoses de Ovido a ninfa Atalanta correu contra todos os seus pretendentes nunha tentativa de evitar o casamento. Derrotounos, mas Hipómenes (alcuña de Melanión, un nome derivado de melón, posibelmente, a palabra grega para mazá e para froita en xeral)  derrotouna coa súa astúcia. Hipómenes sabia que  non a poderia vencer nunha corrida limpa, entón guindou trés mazás de ouro do xardín das Hespérides (os presentes de Afrodita, a deusa do amor para os gregos) para distrair Atalanta que demorando en apañalas perdía así a corrida.
No  Canto XXIV da Odisea descríbese a Ulises indo para a casa de seu pai, Laertes traballa na horta. O home vai andado e está aflixido pola longa ausencia do seu fillo. Para ser recoñecido, mostra a cicatriz e lembra as árbores que seu pai lle deu cando crianza. Dez maceiras, entre outras, identifican Odiseo coas orixes. Unha citación apócrifa de Lutero que ten sido repetida, ainda que lembra a un dos hadisos do profeta  Muhámmad, di: “Se vexo que o mundo está prestes a sucumbir, plantarei unha maceira no xardin”. Quer sexa unha maceira ou unha palmeira, as árbores de froito lémbranos a intelixencia do connosco e do bén común e do mútuo gozo, dos praceres da vida. Dun vitalismo e dunha vontade de poder visibel na oportunista proliferación do eucalipto cuxa promiscuidade non é compatibel coa hibridación. O pumar é un xardín que precisa ser coidado nas partes e na súa diversidade, pois non é un monte calquer orientado ao gaño imediato do monocultivo que non deixa verde nen seco, mas o  efeito de cultivar e ser cultivado. O tema do xardín como alvo da procura da felicidade non é outro que o da historia da cultura: cernar, curtar, enxertar, enramar, talar….Grazas ao bocado de Eva que nos levou á tentación, grazas a ela que nos tornou seres éticos e a algúns insubmisos. A foita podre que simboliza, tamén, a posibilidade de eleición. O que Newton asisara da queda dunha mazá sentado á sombra das macieiras que  tiña no xardin da sua casa e o inexperiente Tom Sawyer descobrira rillando nun carozo mentres os seus amigos rifaban por ver quen pintaba a cancela da súa. A mazá como libre albedrío e escolla.Vitalidade invisibel para os nihilistas eucaliptizadores que non poden ver a grande saúde politeista das hortas e xardíns.Ao cabo, a cultura xurde da agricultura, do que Nietzsche chama “o sentido da terra”. O labrego e o horticultor tratan ás árbores como se fosen seres humanos, cultivan o que hai de bravio nela para atenualo. O vello xardín epicúreo onde achar o que alimenta e cura, gorentando co recendo do que madurece e prace e contenta os ollos. Unha relación sá e gozosa de si para si, cos outros e co mundo.
Conta Vicente Risco na súa etnografía de Galiza que cando Noso Señor andaba polo mundo, chegou unha vez a Teixido en compaña con San Pedro, e ian tan cansos e tan ardidos de sede, sin poderen atopar auga ningunha pra beber, que Noso Señor pideu axuda ó ceo, e o ceo mandoulle unha mazá, e ó partila en duas pra comela, no miolo da mazá, atopou a San Andrés. Debía estar o santo apoucado, amaceirado, talvez por ter sido surprendido en flagrante delito dentro daquela mala, que emprincipiou a se laiar de que o deixaran alí de patrón daqueles sitios desertos onde nin tan siquera había auga que poidera matala sede, e pediulle que o sacara dalí. O Señor compadeceuse dele e alí ficou e con ele tamén debeu ficar a mazá xa que o San Andrés mora á miñoca nas terra de Ortegal, como verme e eiruga no meio dos cantís, que no miolo da froita fan acubillo estes bichos lambeteiros e deles sempre algo de aprende. Ao cabo, tamén na tradición atlántica, a mazá é froita de ciencia e revelación. Daquela mazá na que viña acubillado o polisón andresiño, que ben podería ter vido de lonxe ou da China, derivan as maceiras galegas. Por iso este santo de lonxe pertence á estirpe do Jim da  Illa do Tesouro acubillado no barril de mazás da goleta Hispaniola e ao barón rampante de Calvino  agachado a unha árbore para evitar o prato de caracois cociñado na casa pola súa extravagante irmá, para alá riba, no mato en flutuante,  ficar para sempre. Afastarse para mellor escoitar desafiando a lei da gravidade non é o mesmo que desaparecer.

Talvez é hora de precisarmos menos alegorías e máis hortas e verdadeiros xardíns paganos onde a luz peneirada compoña mosaicos vermellos e ocres de follas e froitas pronto a vivificaren o chao. Unha horta murmurante e non apenas a saturación aromática do cineol  e a opacidade glauca do perenne, a castrante alosteria que non deixa medrar árbores e herbas doutra caste ao redor: monoteismo do eucaliptus globulus. Precisamos máis sentido primixenio da agricultura no que ten de coidado de seu, de relacionamento saudábel cos outros e co mundo e non apenas  da doma e  do dominio. A morte do local en beneficio do unidimensional-global conleva a perda de sentido do límite. Cantas árbores senlleiras, cantas hortas e xardíns foran desaparecendo de súpeto, por desleixo inexplicabel de diversas administracions ou por cobiza e falta de apego sensorial das persoas facendo posibel que se talen árbores ou se arruinen casas con horta? Non se fai evidente que a consciencia cidadá do século XXI non debería estar aceptando que o legal acabe imperando, case sempre, sobre o que é lexítimo?

A horta representa a reconquista dun espazo colonizado pola concepción industrial do campo e das prácticas dominantes de produción (normalización, quimización, industrialización…). O traballo da horta “cura un território doente”, tórnao comestibel. Reivindica a resistencia ventureira do caxigo no meio dos depredadores que xogan con avantaxe. Fronte o plantón de eucalipto,  a saúde salvaxe do caxigo e a vitalidade da horta achegan a noción de inxetar unha vida rexenerando e nutrindo un lugar simbolicamente antinomiano coa diversidade, sob condicións hostís favorecidas polo gallaeca hominem. A ideia é ainda mais paradoxal porque este pomar das maciñeiras é baseado nunha relación cos vivos profundamente intervencionista e transformadora. A depredación, ao cabo, preside todo o que vive (Nietzsche chámalle “vontade de poder”). Ao comezo non foi o monocultivo, antes da Terra é o mar,  porén cómpre non inocular moralismo porque aquí non hai unha vontade de destruir. Esta noción convida á nugalla mental, ao barbecho reflexivo, e conduce ao intelecto á crenza que sempre é obediencia, nos relatos mitolóxicos que adubían o real. O que embalsama e parasita sempre  recibe nomes múltiples. O relevante aquí é diferenciar o que depende de nós e o que non depende de nós.Con certeza, a denominada eucaliptización do agro galego non é máis do que a marca no territorio da redución do país do sagrado na natureza (o máxico, o pagano, o céltico, o farturento, etc) a mercadoria. A brutalidade prometeica e dominante, o instinto sen sublimación. Porén, o camiño das maceiras esquecidas fornece perspectiva da acumulación de unha só especie, que expresa a vontade de poder dunha  planta australiana, mas que dí moito de quen a alenta.

Malus domestica. Alomenos 21 nomes xenéricos recibe esta rosácea: pumar, pomar, pumedo, mazaqueiro, mazaneiro, mazanceira, mazairo, mazaira, mazagüeiro, mazaeiro, mazaeira, manzaneiro, manzaneira, manzanairo, manzaeiro, manciñeira, macira, maciñeira, macieira, macera, maceiro e maceira. Apelidos, toponimias e alcuñas: pumares, pumariño, pumarega, pumareda,pomarada, pomareiro

No mundo foran documentadas 7.500 variedades de maceiras. A mazá autóctona galega achega o 5,43%. Galiza ten 408 maceiras autóctonas cun nivel de variabilidade do 86%, segundo o estudo “Colección de cultivares autóctonos galegos de maceira (dometica ou sieversii,) do Banco de Xermoplasma de Mabegondo”(2001). Non é por acaso que Galiza concentra a maior diversidade xenética de maceira cultivada do estado español. Entre os séculos XVI e XIX  a froita galega embarcaba rumbo Inglaterra, Franza, Alemaña, Holanda e Portugal. Contra a primeira metade de século XIX, a exportación galega foi substituida por froita portuguesa e levantina. En 1918 o tratado de fruticultura de Laffitte consideraba Galiza a principal productora de mazás de España, o que mudou cara os anos cincoenta coa fruticultura industrial, nomedamente a de Lleida e outras zonas da península. Con tanta fartura de malus domestica Galiza ben merecía ter un Dia da Maceira. Mesmo poderiamos estabelecer una xenealoxía do ser galego por vía das maceiras. Vermos Galiza desde a perspectiva das árbores.

O Reino Unido vén de celebrar o seu Apple Day , unha xornada festeira e comercial de grande suceso en todo o territorio, nomeadamente nas comunidades rurais, porén nos últimos anos teñen proliferado hortas urbás nas grandes cidades. A proliferación de  hortas comunitarias urbás, escolares e en leiras de man común está a facilitar a recuperación de maceiras perdidas, o que favorece un mercado de “Km 0” que xungue tradición e coñecemento. Desde hai tres anos a criazón do banco de diversidade People’s Trust for Endangered Species  e o Welsh Perry and Cider Society están a desenvolver proxectos de plantación de variedades autóctonas consideradas patrimonio nacional.  En Gales seica había 200, e fican apenas cincoenta variedades que serian menos se non fose pola recollida da súa pegada xenética co obxectivo de comparala co perfil da base de dados do National Fruit Collection e certificar asín se a variedade está rexistrada. Moitas delas xa comezan a verse nos mercados locais.

Para os británicos o Apple Day e o Halloween son as portas de outorno e  inverno, o Magosto e o Samain seria os nosos equivalentes. En Galiza, a colleita e consumo da castaña centra a chegada da estación fria, malia contarmos con ese farturento legado varietal  e co esforzo pioneiro de Manuel Ponte, Santiago Silvar, Jesús Tubío e Juan Piñeiro que entre 1978 e 1981 localizaran os cultivares autóctonos de maceiras, pereiras, ameixeiras, cerdeiras e pexegueiros, comezando así a colección viva do Banco de Mabegondo. Ainda que nos últimos anos xurdiran asociacións,  plantacións de mazá da sidra, festas de exaltación e proxectos de comercialización de variedades galegas nalgunha feira local, a entrada das grandes superficies comerciais con tres ou catro variedades de mazás importadas e o abandono do agro, certificou a desaparición, esquecimento e substitución dun conxunto único de plantas e sementes:  “Tres en Cunca”(ou en Ramo), “Sangue de Boi”, “Do Cú Negro”, “De Cera”, “Príncipe”, “de Inverno” e “de Reste” “Cascuda”,  “Roxelia”, “Ollo Mouro”, “Repinaldo”, “Tabardilla” e  grande familia dos Peros ou Perazas, cilíndricas de excepción por pareceren peras: “Pero Canela”, “Pero do Can”,  “Pero Dourado”, entre outras que se chaman baionesa, bicuda, camoesa, cunqueira  e que madurecen  na ucha dun tempo ido e ainda por-vir.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off