off
Cedeira, Ecoloxía, Editorial, Galiza, Meio ambiente, Política, Política local — 16 Novembro, 2018 at 12:30 p.m.

Menos anuncios e máis feitos!

by

Teimar nos “anuncios” só se explica pola lóxica eleitoral, ese modo da vella política de se comunicar cos  cidadás convertidos en simples eleitores cada catro anos. De que serve iso de se “anuncia” – xa se anunciou máis veces- e  non foi acompañado de feitos e de avanzo nengún. Velaí ben visibeis os efeitos do modelo territorial que desenvolveu o PP e o PSOE (os paseos marítimos) e a corrupción urbanística a ele asociado.

Unha praia inserida nunha reserva mariña e un cordón dunar verde que a separa do espazo “urbano”, enriquecendo  paisaxe e densificando a diversidade do territorio, pódena declarar “urbana” e ninguén dí nada…Agás emitir un novo “anuncio” de estudo de impacto ambiental. Está Moreda en condicións de exixir cumprir a lei e executar un preceptivo estudo de impacto ambiental ou mais ben “anuncia” o que agora a Madrid lle convén dicir en nota de prensa,  misturado todo coa recuperación da cetaria? Porque se non está orzamentado non se licita e porque cómpre non esquecer que “anuncios” xa houbo moitos por parte da Demarcación de Costas, mas por detrás permanecen os mesmos axentes (alcaldes, constructores, promotores) e a estratexia de boicot a todo  plantexamento integral de recuperación e conservación das praias e costas como principal activo da súa promoción. O que precisa o territorio, A Madalena, Cedeira e o país, non son novos anuncios de estudos e investimentos mas o cumprimento da preceptiva normativa e das promesas realizadas.

Maquinaria pesada removendo áridos na Madalena

O fracaso da experiencia das praias “rexeneradas” artificialmente (cando o remedio é pior ca solución) con enormes despesas económicas  e ambientais perden cos primeiros temporais de inverno a maior parte de area que se depositou e deixan á luz a vergoña do entullo (compartindo protagonismo cos residuos de todo tipo da sociedade de consumo, vergoñas dun entullado previo incomprensibel) que se deitou en anteriores movimentos de áridos.O custo de proxetos de rexeneración artificial é muito alto e, alén diso, esas actuacións teñen  data de caducidade, unha vez que non axe sobre as causas que orixinan a erosión.

Este tipo de obra pública de suposta “rexeneración” ten servido de reclamo eleitoral sen que nada teña mudado, a ritmo de temporada estival, sen información nen exposición pública adecuada e sen estudos de impacto ambiental. Agora anúnciase mais unha vez a realización dun estudo de impacto logo de que a propia Demarcación de Costas   removera  áridos do alto da duna empregando maquinaria pesada e sen o acompañamento de estudo de impacto ambiental. En que quedamos? Non tería sido máis asisado ordenar o territorio respectando o cordón dunar, sendo menos invasivos, coa prudencia exixibel a un organismo que se supón dirixido a tratar cunha problemática que non ten solucións máxicas? Ou trátase da excusa da rexeneración de praias para que “os de sempre” engraxen a maquinaria de obra pública?

Non podemos pretender facer recuar a costa, o que pasou non é que a praia desaparecese, senón que a invadimos (praza roxa, escola, cementada do “paseo marítimo” na zona da Revolta,etc). Mesmo desde unha perspectiva estrictamente turística, de se declarar  totalmente “urbana” atoparíamonos diante un modelo escasamente diferenciado, que tende á “artificialización” da primeira liña de praia, baseado nun crecimento ilimitado ( só cómpre observar a cantidade de vivenda vacía) que está a levar ao litoral a unha situación de deterioro, devalo acelerado e perda de identidade, características pouco procuradas polo turismo e lesivas para a biodiversidade. As terras gañadas ao cordón dunar da praia que foran cubertas con cemento e formigón perderan o efecto amortecedor e cando a chegada de temporais xa non atopan area de praia que sirva para suavizar a súa forza, senón  paredes e paseos marítimos contra o que rebota apañando así máis forza. Como adoita acontecer co litoral, as actuacións para “solucionar” os danos non pasan por resolver o problema de raiz, mas por “artificializar” ainda máis o litoral. Iso é o que significa declarar “urbana” a Madalena. Quere poñerlle “remedio” á natureza ainda sabendo que o mar volverá reclamar o que é seu.

Dia da Anunciación. Estamos en precampaña, mas precisamos feitos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off