off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 15 Novembro, 2018 at 9:17 a.m.

Non é Non: remember

by
"Eu non son sempre da miña  opinión"
(Paul Valery)

Pódese dicer que despois dun pacto Frankenstein o lóxico sería que as súas consecuencias fosen monstruosas. E niso estamos, mas non necesariamente. Porque aínda que o goberno saído da moción de censura de “todos contra Rajoy” é perfectamente legal, lexítimo e mesmo conveniente, o sucedido co Consello Xeral de Poder Xudicial (CGPX) está nas súas antípodas. O todo para un e un para todos que en realidade significa desaloxar ao PP da Moncloa mutou cara ao modelo Hyde-Jekyll no caso da renovación do máximo órgao da administración de Xustiza. Aquí prevaleceu a política do rodete, e o duopolio PP-PSOE volve ás andadas cun consentidor Unidos Podemos como testemuño de cargo con valor.
Até tal punto a manobra para conformar un novo CGPJ supón unha falcatruada á vella usanza que nin sequera os contraentes molestáronse en gardar as formas. Non só compincharan para cooptar as súas respectivas cotas de candidatos (lebreis adictos ao eixo institucional dominante), senón que rubricaron un acordo incluíndo a Manuel Marchena como presidente do Tribunal Supremo e do órgano de goberno dos xuíces antes de que os 20 vogais predestinados exercesen o seu dereito a decidir. Unha mostra de como actúan os aparellos partidistas, e unha afronta a unha cidadanía que aínda anda perplexa pola fraude electoral do alto Tribunal para impedir a retroactividade do imposto hipotecario. Así queda claro que a era Sánchez traerá a ocupación das institucións en dobre formato, vía decreto-lei (RTVE, CIS, empresas públicas, etc.) ou cos seus socios do 135 e do 155.
Visto o visto, a pregunta agora consiste en dilucidar porqué vítima e vitimario da moción de censura puxéronse de acordo para deixar conformado o CXPX entrante cunha maioría “progresista” e un presidente conservador, cando a relación de forzas saída das últimas eleccións sitúa ao PP por diante do PSOE ata que as urnas repáreno. A chave podería estar no lastre que a operación solta ao deixar aos soberanistas e nacionalistas do PDeCAT, ERC e PNB, coadxuvantes no triunfo do sanchismo, fulminados pola repartición. Desta forma insírese un elemento máis de contradición na pócima milagrosa que facilitou o inesperado regreso do PSOE ao poder. Agora temos un Executivo (goberno da nación) en mans do segundo partido máis votado (81 deputados); un Lexislativo (goberno do pobo) con inestable prevalencia do bloque conservador (169 escanos fronte a 156), e un Xudicial (goberno dos xuíces) que non é nin carne nin peixe.
Neste panorama de dedocracia e tiro porque me toca, adquire especial relevo a centrifugación de consultas sobre a forma de Estado que se está alentando desde diferentes territorios e entidades sociais. Comezou ao grande o Parlament catalá, reprobando a Filipe VI e pedindo a abolición da monarquía polo A por ellos! con que o novo rei aderezou o seu discurso contra o Procés. Unha mera declaración de intencións que foi convenientemente encapsulada por medios e poderes fácticos para evitar o efecto chamada entre a cidadanía. Con todo esa prevención fai augas, e non só en Catalunya. Cada vez son máis os sitios (centenares de pobos, sete universidades, decenas de barriadas, etc.) nos que a cuestión se somete a referendo. Case sempre co resultado dunha abafadora goleada a favor da república, ou o que é o igual, en contra da monarquía como forma de Estado. E é que cando se pecha unha porta, se o ambiente está cargado, o instinto de conservación adoita abrir unha xanela.
É apenas testemuño, testemuño. Mais todo é empezar. E o medo garda a viña. Convén lembrar que a Alfonso XIII chimpouno de palacio unhas eleccións municipais nas que trunfaron as candidaturas republicanas. Pero non estamos en 1931, nin agora existe unha burguesía progresista e unha imprensa realmente liberal disposta a cuestionar o escurantismo do trono e o altar. Pola contra, a  esquerda falsaria é o maior bastión do borbonato. Por iso é polo que Pedro Sánchez, tan crítico coa xudicialización do procés polo PP correse a levar o veto monárquico do Parlament ante o tribunal Constitucional, a pesar de desaconsellalo o Consello de Estado. Aínda que a realidade é túzara. A piques de conmemorarse o 40 aniversario da constitución que facturou a monarquía designada por Franco, o setenta por cento dos cidadáns maiores de idade que ven obrigados a acatala non a votaron. Estamos gobernados por mortos. Non é Non.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off