off
Economía, Estado, Opinión, Política — 8 Novembro, 2018 at 10:17 a.m.

O nunca máis de Pedro Sánchez

by

Até onte había unha única “operación tándem” en marcha. Era a dos sumidoiros do Estado e comprometía ao ex comisario Villarejo e ao seu socio El Gordo. Unha sorte de poli malo e poli bo, segundo o cristal mediático con que se mire. Mas agora existe outra nova “operación tándem” de semellante bipolaridade con dous poderes do Estado a escote. Iso é o que se deduce do “nunca máis!” do presidente de goberno na rolda de imprensa exprés sobre o imposto ás hipotecas. Só que aquí os conxurados chámanse Pedro Sánchez e Carlos Lesmes.
Dous gallopan xuntos. As varas do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPX) e o xefe do Executivo socialista. Un derrogou o fallo da sección especializada en tributos do TS que interpretaba o artigo 29 da Lei Hipotecaria en favor do cliente. Todo para a banca. Como até a véspera desde que en 1995 o felipismo introducira o imposto de Actos Xurídicos Documentados (IAJD) para facer caixa. O outro, aparentando que emenda a un adversario e con todo amigo, salta á palestra anunciando que fará un decreto-lei para que “nunca máis” o suxeito pasivo recaia no hipotecado.
Resultado: tanto dá que dá o mesmo. Os grandes do sistema financeiro celebran o triunfo. É o seu particular “non nos moverán” no Ibex. Porque o de Lesmes & Sánchez persegue o mesmo obxectivo: que non haxa “nunca máis” retroactividade polas multimillonarias estafadelas. Ambos e dous respectaron xuntos o pautado da vergoñane nota oficial onde se xustificaba a revisión do fallo proscrito polo Pleno da Sala. Pola “enorme repercusión económica e social” da sentenza de referencia, dicía o papeliño. Quen perde por goleada é a Xustiza, cada vez vista con maior desconfianza polo cidadán. Nin é cega nin é o fiel da balanza.
Unha separación de poderes a paus. Se o de Lesmes e os seus palmeiros é un gol no noso propio cu, o de Sánchez é a versión peronista do guerrista Montesquieu morreu! Perpetrou outro Aquarius, boiante por fóra e emborcando por dentro. Dunha parte, co seu anuncio de decreto-lei ad hoc trata de gañarse ao oito millóns de hipotecados encabuxados, desactivando de paso as mobilizacións dun Unidos Podemos de canga baixa. E doutra, á vez que bota o cadeado a reclamacións ex ante contra a banca, salva ás Comunidades Autónomas, verdadeiras beneficiadas do tributo transferido, de dolorosos reintegros a gran escala.
Xa o prognosticou oportunamente a ministra de Facenda, María Jesús Montero, na mañá de autos. Mentres deliberaban os maxistrados do Supremo en conclave deixou caer que o montante total en litixio alcanzaba a bonita cifra de 5.000 millóns de euros, grosso modo. Un aviso a navegantes. Especialmente cando o goberno con máis mulleres do mundo pode verse abocado a repetir, no decisivo ano electoral do 2019, o mesmo orzamento do PP (“antisocial”, segundo Sánchez na oposición) que asumiu tras o triunfo da moción de censura. Por non falar das negativas consecuencias sobre o nivel de déficit e débeda convido con Bruxelas que tal dispendio sobrevindo provocaría. Polo demais, a futuros a banca repercutirá o imposto no total do “crédito” hipotecario, porque a adquisición dunha vivenda é un ben semielástico, pertence ao grupo cuxa demanda non se frea coa subida do prezo.
É o que ten a ofuscada razón de Estado. Nunca descobre as súas verdadeiras intencións coa banca. Onte inventou a doutrina Botín, co epílogo do indulto ao seu número dous e conselleiro delegado do Santander, Alfredo Sáez. E hoxe, ao virar a esquina do gran rescate, proclama un “nunca máis” en tándem para que xamais se lle pida contas polo herdo recibido.

Grazas por leres e colaborares co Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off
A %d blogueros les gusta esto: