off
Política, Politica espanhola — 4 Novembro, 2018 at 8:29 a.m.

Villarejo e o quinto elemento

by

Dos sumidoiros aos esgotos e daí á esterqueira. O efecto Villarejo está a enlear, porque a causa eficiente está noutro lugar. Quero dicir, na ristra de gravacións divulgadas urbi e orbi por unha piadosa mao invisibel. En paralelo ás pescudas xudiciais, “os canutazos” do comisario xubilado e o seu compañeiro de fatigas, Enrique García Castaño, alias “El Gordo” e “Blasillo”, buscan montar unha causa xeral incontrolábel. Un nen contigo nen sen ti teñen os meus males remedio que impida debullar o acontecido e que ao fin se faga xustiza (ilusos ao poder).
Como tanto o PSOE e o PP empregaron os servizos deste muxidor do despropósito de Estado, a estratexia é emendalo todo para que ninguén resulte responsable. Por iso o bipartidismo dinástico hexemónico, co reforzo de Cidadáns, impediu que se abrise unha comisión de investigación ad hoc no Congreso. Precisamente eles, que son tan dados ao paripé desas operacións de branqueo (luz e taquígrafos, e dous ovos cocidos). Sobre todo para confundir á opinión pública cando os casos de corrupción política organizada chegan aos tribunais. O derradeiro destes simulacros apadriñárono o PSA + EU na Andalucía dos ERE e os clubes de alterne.
Nesas conversacións tócanse todos os paus. Hai ministras (Dolores Delgado), xuíces (Baltasar Garzón), políticos (Cospedal e Margarita Robles), xornalistas (Ana Rosa Quintana por gaño), policías (Olivereas, hogano secretario de Estado de Defensa), e o que fica na artesa. Porque o kit doutrora está minuciosamente monitorizado polos seus fornecedores. Divúlgase ás toas, a fin de deixar constancia do municionamento dispoñibel, mas sen facer moita pupa onde  doi.
De feito, as primeiras cintas coñecidas, coas acusacións da princesa de bote Corinna zu Sayn-Wittgenstein sobre a bulimia crematística do rei emérito (“non distingue o legal do ilegal”), saíron dun medio (OK diario) e un xornalista (Manuel Cerdán) que os seus adversarios sinalan como “infiltrados” do ex comisario encarcerado. Esa é a tese de Carlos Enrique Bayo e Patricia López, do dixital Público, que en honra á verdade foron os primeiros en denunciar o complot mafioso. Ruído e furia que, con todo, ocultan moito máis do que mostran.
Resulta chocante que de García Ferreras, multimillonario presentador da lume vivo, e os seus encontros en reservados de cinco estrelas con Villarejo non soubésemos nada. Tamén que Pedro J. apareza como espiado, cando o tándem García Castaño-Villarejo tanto fixo para destapar o “caso Exuperancia Rapú” e a súa choiva dourada. Aquel videogate financiado con fondos reservados na etapa de Barrionuevo-Beira en Interior. Igualmente sorprende a estolidez da actual ministra de Defensa, segundo Villarejo a persoa que lle encargo un dossier (Informe Véritas) contra o maxistrado Garzón (o de Cospedal con Areas é un xogo de nenos en comparación). Sobre o portal Moncloa.com, que é o gran irmán deste pudridero, acoutar que o leva un profesional que acaba de publicar un libro sobre as andanzas do subtenente da garda civil Manuel Pastrana como xefe no GAL, relatadas polo propio sicario de Estado. Prescribe o crime de Estado?
E os medios de comunicación que agora se escandalizan coas revelacións por entregas, a que xogan. Sen dúbida a borrar pistas da súa colaboración coa trama. Fan coma se con eles non fose a historia. Pero non poden ocultar que foron colaboradores necesarios da banda mafiosa. Cantas exclusivas xornalísticas non saíron desa factoría de chantaxes sen que os beneficiados fixesen o menor espavento? Onde mandaron a deontoloxía cando as redaccións aventaron escoitas ilegais de Villarejo e García Castaño ao ex presidente da comunidade de Madrid Ignacio González? E cando pasaron as televisións mostraron o momento orwelián dunha Cristina Cifuentes furtando unhas cremas nun supermercado?
Non fica monicreque con cabeza. A corrupción por xunto, a venalidade da clase política, o descrédito das institucións, a devastación social e moral desatada pola crise, todo conspira para aflorar o que até hai pouco parecía un esperpento. Terra, ar, lume e auga, os elementos primordiais, e agora o quinto sobrevindo a grupas dos anteriores. Estamos a un telexornal de que boa parte da cidadanía así dopada busque respostas na antropofaxia. O último capítulo desta deriva, inenarrabel se quedase un gran de cordura, protagonizouno o presidente que foi xoves.
Soster unha cousa na oposición e defender o contrario no poder, xa era sacramento na política nacional. Mas o devandito o pasado xoves por Carmen Calvo, esa eminencia intelectual!, supera a categoría dos memes predicibeis. Mellorando o a axenda cultural co Mystere para ir a un concerto, a máxima valedora do goberno con máis mulleres do mundo, argumentou que o Sánchez de hoxe ten todo o dereito do mundo a desmentir ao Sánchez da véspera ao axuizar o procés. Rebelión or not rebelión, o importante é que cace ratos.

Teñen razón por motivos equivocados: os antisistema son eles.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off