off
Cultura, Movementos sociais, Opinión — 25 Outubro, 2018 at 12:21

A hipertrofia acusatoria da blasfémia

por

“O que é cristián é o odio contra o espírito, contra o orgullo, a coraxe,

a liberdade, a libertinaxe;o que é critián é o odio contra os sentidos, contra a alegria!”

Anticristo, Friedrich Nietzsche

Un xulgado de Compostela admite querela contra o dramaturgo Carlos Santiago por “ofensa aos sentimentos relixiosos” presentada pola Asociación Española de Avogados Cristiáns (AEAC) – os mesmos que denunciaron, entre outros, ao actor  Willy Toledo e  á poeta Dolors Miquel  pola leitura do ‘Mare nostra’ na entrega dos premios Ciutat de Barcelona que achaban ofensivo e que pretenderan tamén a retirada da concesión de ente de ben público á  Federación de Planificación Familiar Estatal.  En 2012, denunciado esta vez polo presidente do Centro de Estudios Jurídicos Tomás Moro, Javier Krahe foi procesado e dispensado  por una escena de apenas 54 segundos filmada había 34 anos. O mesmo ten acontecido con Cèsar Alegre, Leo Bassi e  Abel Azcona, a manifestación do primeiro de maio ‘Procesión da Anarcofradia do santísimo coño insubmiso e o santo enterro dos dereito socio-laborais’ e a Cajita de fósforos (2005), obra do  colectivo arxentino feminista Mujeres Públicas exposta no museu Reina Sofía, e moitos máis daquí e dacolá (o ilustre poeta Curros Enríquez  foi submetido a proceso penal por blasfémia por ter publicado o poema A Virxe do Cristal, por certo, foi o Ilustre Colexio de Avogados de Ourense quen en 2001 se  implicou na edición dos textos do proceso penal ).

Avogados Cristiáns seica é un ‘lobby’ ultra-conservador  cuxo revival cruzado alicerza en litigar na  “defensa xurídica da liberdade relixiosa e os valores inspirados no cristianismo”.  Na práctica, a súa acción vai direccionada a atallar as mofas, quer dicer, todo o que enxerguen contrario a súa interpretación do dogma, nomeadamente coaptar organizacions a favor dereitos sexuais e reproductivos e que contrasta, por exemplo, coa laxitude amosada coas violacións  ou  coas vítimas da pederastia. O alvo desta asociación de letrados é tirar partido da blasfémia como tipificación xurídica, unha subordinación humana non apenas ante o estado (as leis) mas ante Deus (as súas leis), se ben nun estado español insuficientemente secularizado, con vestixios de nacionalcatolicismo (entre outros, o artigo 525 tipifica como delito a ofensa aos sentimientos relixiosos mas non a apoloxía do franquismo) pervive o resentimento de quen defende de xeito intransixente determinados valores, de brazo dado, por certo, doutros privilexios asociados ao poder  estatal que non se poden obviar: a igrexa católica recibe financiamento de toda a cidadanía para salario e seguridade social dos bispos e sacerdotes, salario e seguros sociais de 25.000 catequistas de relixión nos centros de ensino público ou no privado católico subvencionado con diñeiro público e mantemento do patrimonio histórico artístico católico.

O rol da Igrexa Católica, primus inter pares, no Estado garantizado pola constitución do 78, non permite a súa plena secularización porque pertence á mesma textura de sacralización estadual.  O sagrado é unha afección, a meio camiño entre a autocensura e o tabú, un componente do cal é o medo paralisante. A definción do que é sagrado, ben como o estabelecimento dunha hierarquia no sagrado, estan fortemente influenciados polos intereses das elites e polo tipo de rexime político en vigor. No Occidente, a relixión sempre procurou  o rol de potencia tutelar sen límite, concebindo as relacións humanas en termos de dominación.  As institucións  relixiosas teñen cultivado o medo para acalmar o espírito crítico, reforzar a docilidade, promover a submisión e evitar calquer cuestionamento. A falta dun lindeiro entre o temporal e o espiritual, cando o equilibrio de forzas rachou, o poder teocrático abafou a totalidade da vida social ( non é por acaso que duas das súas maiores manifestacións teñan sido a Inquisición española e o nacionalcatolicismo). En sociedades pré-republicanas ou non-seculares, o sagrado e a autoridade están intimamente conectados. É por iso que, en calquer referencia ao sagrado, debemos cuestionarmos que poder tende a reforzar.

O avanzo da relixión está correlacionado co recuo da razón. Coa aparición do estado-nación configurose o mito dunha adecuación entre nación, territorio e relixión, é dicer, cando se torna unha ideoloxía asentada e profesada. Asín, onde a impostura  teocrática se impón en “nome de Deus”, recuan os instrumentos da razón (filosofía, matemáticas, socioloxía, historia…). Apenas os dereitos humanos son “sagrados” e a Igrexa nunca os respeitou, nen no pasado nen no presente, por exemplo, nas áreas de igualdade de xénero e nas formas de sexualidade propias dunha sociedade aberta. Apelar ao sagrado é moi útil para xustificar priviléxios. E quen se atreve a desafiar a autoridade cando ela foi desexada e instituída polo próprio Deus ou a própria caste estadual? Jean-Luc Mélenchon  lembra no «Dictionnaire de la laïcité» publicado por Armand Collin que na República, a blasfémia non existe, retomando asín ao piadoso Pierre Bayle  cando afirma que “só é blasfémia para quen sacraliza o obxeto supostamente profanado”. Portanto, a noción de blasfémia é contraria ao secularismo por ser estritamente relixiosa. Certo que o secularismo francés non é comparabel ao español, porque na Franza  xurdiu como un proxeto radicalmente emancipatório, democrático e universalista e porque os lobbies de crentes continuan tendo en España unha posición dominante e malia a maioria dos crentes axir e non cuestionar  o secularismo. E porque os españois, do Borbón para abaixo, están lonxe de seren iguais perante a sátira, a caricatura  e a vallinclanesa «deformación grotesca da realidade».

Só desde o cinismo (as condenas na Europa adoitan ser pecunarias) se pode xudicializar hoxe a expresión de sentimentos e  valores.  Algo que, por certo, todo o mundo ten. Non é certo que vivamos unha época de ausencia de valores, pola contra, hai sobreabundancia deles.  Sobreabundancia de valores mas perda do sentido dos límites. Porén,  non podemos comprometer o xuizo a unha avaliación que dependa da suscetibilidade de quem se considera vítima, agás para acabar restrinxindo considerabelmente o princípio da liberdade de expresión¹. En sentido voltaireiano, só as persoas merecen respeito e ningunha sátira xustifica a inseguridade de quen a defende. En ningún dos casos acima reseñados existe  vontade deliberada de ofender directa e libremente á comunidade dos católicos como un todo (visan apenas as fraccións integristas) ainda podendo ser necesariamente desconfortábel, mesmo doloroso ou insuportábel. Nesa perda de límite pola lei hai que inscrever, de xeito paradoxal, o “abuso procesal” de AC, vertente antipática dun proceso de descomposición avanzado dun xeito de vivir a experiencia relixiosa nun mundo no que a nova “catolicidade” xa é a economía (Serge Latouche).

Sen dúbida, o vacío dunha modernidade desencantada alimenta o rexurdir de integrismos relixiosos que pretendendo trascender os seus valores á pluralidade de culturas, mesmo ignorando a su propia tradición herética-erótica (seria atrapallado expandir aquí o erotismo de toda a mística occidental  ou as fontes bíblicas do Cántico dos Cánticos),  retoma o que mellor sabe facer: endereitar os paus tortos, mostrar que os homes e mulleres son uns pecadores que veñan marcados na orixe polo mal radical. A violencia deriva desta pulsión de negatividade contra un mesmo e contra os outros en forma de control social.  A hipertrofia acusatoria de AC é mais unha mostra desa pesada relación co mundo, dunhas liñas pastorais cada vez máis magras nun contexto no que a relixión católica ten que competir con outras confesionalidades no mercado da fe.

A crenza en si mesma non é problema. Agás cando o crente acha que debe ser un misionário. Porque non é obvio que o afán misioneiro recomendado por Xesús no Evanxeo (“Ide por todo o mundo, e pregade o evanxeo a toda criatura, batizandoos en nome do Pai”) houber de desabar necesariamente nunha ideoloxía de conquista que ainda impregna eidos da súa doutrina e da práctica (a idea de que a verdade revelada nas Escrituras e revelada aos apóstolos outorga á Igrexa cristiá o dereito a exercer autoridade suprema sobre toda a vida da comunidade humana).  Nada é pior do que a fé que dá a ilusión do coñecimento último. Sobre a ligación verdade-autoridade poderiamos falar a eito, desde o herdo platónico até a disolución filosófica de toda metafísica ou verdade última. Tornarse consciente da pròpria ignorancia leva a unha actitude mais modesta, que tamén está mais de acordo coa  condición humana. O exercício do pensamento libre, especialmente a oposición a todos os dogmas, exixe que aceitemos unha grande diversidade de modos de considerar a existencia.

O grau de relixiosidade na Galiza, ainda sendo maiormente católico como na España, deita indicadores como que só o 27% dos e das contribuíntes galegas escolleran achegar o 0,7% dos seus impostos á Igrexa, 7,6 puntos por debaixo da media española, sendo os matrimonios relixiosos  unha minoría con respecto aos civís. Parece que avanza a secularización na sociedade galega, faise mais plural, ogallá tamén máis tolerante.  E, no entanto, a igrexa católica e seus lobbies continuan a ter unha influencia e papel social moi relevante, quer través da educación, acción social, os media, quer na preeminencia dada polo Estado. Outra cousa é a sua conexión real coas persoas, incluindo a maioria dos católicos: a falla de renovación do seu discurso, especialmente en cuestións de moralidade sexual (contracepción, aborto, sexualidade, etc.) ou de igualdade de xénero (rol das mulleres na sociedade e na Igrexa), afástaos  da realidade. Unha disidencia que tamén ten raiceiras históricas no anticlericalismo popular como resposta ao papel político e económico desempeñado pola hierarquia eclesiástica durante a maior parte dos séculos XIX e XX. Ainda hoxe existen xestos e pegadas  incompreensíbeis nun estado aconfesional como a imposición de bandeiras a medio mastro durante a Páscoa, a presenza oficial de autoridades civís a actos relixiosos, condecoracións policiais ou nomeamentos de alcaldesas perpetuas a vírxes e santos católicos que acumulan “patronazgos”  ou que a simboloxía relixiosa ince as dependencias estatais e o privilexio  dunha determinada crenza relixiosa (exención do IBI).

Non é por acaso que o ensino da filosofia recebera golpes de extrema dureza durante os gobernos do PSOE e do PP. Problematizar a tolerancia respeito ao insustentábel das burlas de actores e poetas fai parte desde hai moito tempo da crítica secular ilustrada. É claro que os costumes mudaran, porén continua tipificándose un delito que non está relacionado cos costumes da sociedade. De feito, ainda que actualmente o Occidente é mellor caracterizado pola democracia liberal do que polo cristianismo, o cerne demócrata cristián da Unión Europea non prohibe a punición da blasfémia, proliferando no entanto crenzas à la carte: perder a misa de domingo, facer sexo fora do casamento, casar de novo, etc., non son pecados mortais, mas pequenas fallas veniais; encanto ninguén for morto,  Deus  é bo e o Demo non é mau, non nos punirá desproporcionalmente no inferno eterno. Algo parecido ao escrito polo Willy Toledo afirmaba un vello da miña tribu (daquela non había contas de Facebook):”á Virxe do Mar que non ma toquen, me cajo en D.!

O fundamentalismo sempre estivo aí, no confesionario e na escola pública e cripto-católica (isto é, pública por fora e católica por adentro) e na contorna familiar, exercendo  censura e vixilancia moral quer como tecnocracia opudeista, quer como think than. Abordar o conceitos chave atinxidos (liberdade de espresión, blasfémia e intolerancia) obriga a combinar a análise erasmiana da estulticia (stultitiae laus) coa análise dos actos xurídicos. Porque o realmente abraiante  non é a denuncia en si (tramitada porque o delito contra sentimientos relixiosos está no Código Penal) mas que un xulgado de Compostela teña admitido a trámite a querela contra o humorista Carlos Santiago  por ter satirizado o Apóstolo e a Pilar no pregón do entroido compostelá  “por presuntos delitos de inxurias, incitación á discriminación e contra os sentimientos relixiosos”. Santo e virxe, as máis claras manifestacións simbólicas de asociación da Igrexa Católica ao poder en España, e como tais obxectos lexítimos de sátira e crítica. Ao cabo, o que é unha modesta provocación propria do Entroido² comparado coa obscenidade e cinismo permanente de quen viola seus próprios princípios proclamados? Eís os abusos sexuais da Igrexa, só na Irlanda 25.00 vítimas da pederastia, España ten unha decena de sacerdotes condenados por abusos.

O problema xurde cando a hermenéutica de AC xulga a práctica social e cultural, na súa expresión verbal, sob o ditado das leis de Deus como se fosen universais, os defende pola via penal e un xurista interpreta  que malia o “abuso procesal e hipertrofia acusatoria” as querelas encaixan  coa “realidade social do tempo en que ten de ser aplicadas” (Artigo e Código Civil). Anacronismo esperpéntico sob a forma de AC ou do Tea Party nos EUA, xa que calquera expresión, texto o intervención artística opera desde o imaxinario, portanto é suscetíbel de múltiples interpretacións e leituras e non apenas sob a lei ou a excelencia da vontade divina. Lémbranos Slavoj  Zizek que recoñecer a blasfémia exixiría aceptar tamén as razóns antiabortistas ou as de quen defende o racismo, os sexismos ou outras formas de intolerancia. Para o filósofo esloveno  o cerne da cuestión non é o individualismo exacerbado, mas a incompatibilidade das formas de vida relixiosas, supersticiosas, étnicas, etcétera con unha cultura laica e racional.  Se continuarmos ese raciocínio, ideas ou crenzas, políticas ou relixiosas, non poden mais ser criticadas. Ollo cos reximes que non toleran besteiras! Haberá quen ache que ainda é posibel ser ateo sen ser desnecesariamente tunante, descortés ou parvo (mas ese é outro tema que ten a ver co exercicio de estilo). O dereito de expresión, acaso tamén as babecadas, é, portanto, un componente esencial da liberdade e da democracia. Debemos tolerar a impropriedade e a irreverencia sarcástica de que a apreciación de cada un é  libre, que non pode ser percebida sen levar en conta sua vocación abertamente satírica e humorística, que permite exaxeros, deformaciónss e apresentacións irónicas.  O que estamos facendo se nen mesmo o entroido ten presunción de sátira?

O artigo 525 da lei criminal na España considera “difamación” de “sentimentos” relixiosos, “dogmas”, “crenzas” ou “rituais”. Ainda dependendo da interpretación dun xuiz, esa extensión a “dogmas” e “crenzas” a torna de facto próxima a unha “lei da blasfémia”,  máis propia dun rexime teocrático do que un ámbito de diversalidade. Con certeza, a tipificación é mesmo confesional, favorecendo unha intepretación dogmática. Ao xudicializar un pregón satírico de entroido ou un poema feminista por consideralos “blasfemos” ou de “parodia sacrílega do noso pai” a AEAC procura xustiza. E até clarividencia, a teor de que entre os seus obxectivos figuran a defensa da mulleres “enganadas” nos centros de aborto.  Porén, non é xustiza o que así se procura, mas o que o poder ten de falta de amabilidade cara o múltiple, o plural, o diverso e mesmo o marxinal. Por outras palabras, a tolerancia (respecto as sensibilidades diferentes) non é o que funciona como necesidade do sistema relixioso (o panteón romano era ben mais tolerante e plural) .Con certeza, a hipertrofia acusatoria dos avogados cristiáns é pouco franciscana xa que combate a suposta blasfémia como se for herexía, pasando a ser obxecto de persecución legal nun estado laico ainda demasiado atado á pretensión de autoridade de quen acredita ter descuberto a verdade.

O xusto reserva o seu xuizo. Dicía Nietzsche que “máis escaso resulta absterse de xulgar: decote, non é paifoco sinal de humanidade non querer xulgar ao outro e negarse a pensar sobre ele”. Con certeza, o pensador alemá asisaba unha amabilidade ilimitada que daba a benvida a todo o fuxitivo, “a todo o que procura”. De feito, a xustiza exércese absténdose da própia convicción. A mera xudicialización non é xustiza. A xustiza está máis perto da hospitalidade ilimitada arelada por Nietzsche que afirmaba o que ficaba fora da “congregación”. Unha “caridade distinta”, ao cabo, que nada ten a ver co resentimento.

A lei mosaica decretaba a morte por lapidación como penalidade ao blasfemo. Afinal de contas, desde o pedestal da Lei só se ven blasfemos e adúlteras. A punición mais común para os blasfemadores era a pena de morte por enforcamento ou apedrexamento, xustificada polas palabras do Levítico 24: 13–16. No entanto, Xesús fitaba todo desde abaixo porque a súa é unha ollada que non é legalista. Lémbrese a escena cos “gramáticos” (os mestres da lei) segundo o Evanxeo segundo Xan 8,1-11 levaran cabo de Xesús unha muller que seica cometera adulterio e a quen preguntaran que castigo merecía. Xesús escribiu algo efémero no chao e como os “gramáticos” insistian,  levantou a cabeza e dixo: “Aqueles que non teñan pecado, que guinden a primeira pedra”. Malia a apariencia é a muller que ocupa a centralidade do acontecimento e non o preceito escrito a lume na pedra. Esta singular amabilidade cristiá é a de quen non precisa obedecer a lei para se afirmar na súa fe mas gorentando da presenza do outro. É obvio que iso presupón honestidade na experiencia da finitude. Porque se a lei non pode limitar a conducta do crente menos poderá limitar a do non crente. Blasfemos foran os primeiros cristiáns, lémbranos Voltaire. En Mateus 9: 2–3 , Xesus dille a un paralítico “seus pecados estan perdoados” e foi acusado de blasfémia, o que mostra a impracticabilidade da punición da blasfémia cando a liberdade de consciencia e de expresión son recoñecidas nunha  sociedade.  Portanto, a lei dificilmente poderá responder ás demandas da vida en común. Non só desde a soberbia se pode ignorar o feito de que é o proprio  cristianismo  quen cuestiona a posibilidades dunha teoloxía política, é dicir, pon en causa as posibilidades da lei para acabar coa dor humana e coa conciencia de fracaso.

Nos Estados Unidos, moitos estados teñen lexislación que a tornaran delito. Ao desexo de que a blasfémia se torne unha ofensa puníbel por lei subxace a idea de que un ataque á relixión é necesariamente un ataque ao Estado. Esa idea probabelmente ten sido a razón pola cal fora punida a blasfémia nalguns códigos legais seculares. Quer dicer, a blasfémia ten sido usada para significar “irreverencia” nun contexto non relixioso, por outras palabras, perseguir o politicamente disidente e, portanto, ser obxecto de vixilancia e punición. Na linguaxe contemporánea, a noción de blasfémia é frecuentemente usada hiperbólicamente, mas algo moi diferente  é cualificar a blasfémia de  “imperdoábel” do que “puníbel”. Seica os “dogmas de fe” non poden ser submetidos a sátira  e crítica para denunciar determinadas inxustizas  cando as súas institucións son expresión acabada e manifesta de poder temporal?

Cada sociedade educa nunha determinada razón comunitaria, porque a facultade de xulgar ben, muda, é social, relativa. Por iso sa relixións, nomeadamente as monoteistas, tenden a incitar á submisión e a obediencia, a estabelecer unha sociedade ideoloxicamente homoxénea. Como vimos vendo, desde 1979 o estado español acorda un estatus privilexiado con confesións comunidades relixiosas (católica,evanxélicas, israelita e islámica) se enfitamos o rexime fiscal e o Código Penal e continua habendo pretensións de autoridade eclesiástica sobre leis e estructura do Estado. Con certeza, as igrexas teñen perdido poder “temporal” máis ou menos directo de determinar conciencias. A hipertrofia acusatoria impede enxergar que non se inscreber para o feito de que Moisés abra o mar en dous non é anti-semitismo, que Xesús resuscitara o terceiro dia non é cristianofobia, que Maomé foi transportado de Meca para Xerusalén non é islamofobia, mas unha leitura histórica, exexética, racional, crítica, de textos que non se despreza quen acredita nela, mas se desexa poder abordar á vontade, do mesmo modo como se teria lido Platón ou Bakunin.

No início do século XXI, a blasfémia tornouse un problema nas Nacións Unidas, aprobando várias resolucións que instaban o mundo a tomar medidas contra a “difamacion de relixións” encabezada pola Organizacuión da Cooperación Islámica.A campaña terminou en 2011, cando a proposta foi retirada en Xenebra, no Consello de Dereitos Humanos, debido à falta de apoio, marcando o fin do esforzo para estabelecer restriccións à blasfémia en todo o mundo nos moldes do Paquistán, Arábia Saudita e Irán. En xullo de 2011, o Comitê de Dereitos Humanos da ONU divulgou unha declaración de 52 parágrafos, o Comentário Xeral 34 sobre o Pacto Internacional sobre Dereitos Civis e Políticos(PIDCP) de 1976, relativo às liberdades de opinión e expresión. O treito 48 afirma:

Prohibitions of displays of lack of respect for a religion or other belief system, including blasphemy laws, are incompatible with the Covenant, except in the specific circumstances envisaged in article 20, paragraph 2, of the Covenant. Such prohibitions must also comply with the strict requirements of article 19, paragraph 3, as well as such articles as 2, 5, 17, 18 and 26. Thus, for instance, it would be impermissible for any such laws to discriminate in favor of or against one or certain religions or belief systems, or their adherents over another, or religious believers over non-believers. Nor would it be permissible for such prohibitions to be used to prevent or punish criticism of religious leaders or commentary on religious doctrine and tenets of faith.

Sempre é máis doado prender persoas do que razóns, palabras e ideas. Porque é fácil ser forte cos fracos. O secularismo aparece como un proceso de longo prazo que nunca é adquirido e que debe ser sempre custodiado. Os paises nos que se instala o nesgo teocrático (no nome de Deus) instálase  tamén “o odio contra os sentidos, contra a alegria!”. Ese pesimismo antropolóxico que condena a quen proba o froito da árbore do coñecemento, de quen se arrisca a asisar por si mesma (Eva) para debullar entre o ben e o mal cos pròprios meios. Ao cabo, o infinito só existe no que podemos construir, criar ou amar.Queremos ser libres? Non inventamos Deus para deixarmos de ser libres e responsábeis?

1.É especialmente ao Tribunal Europeu dos Direitos Humanos que debemos o recoñecimento do princípio da liberdade de expresión. Nun acordo fundador de 1976, afirma que “a liberdade de expresión se aplica non apenas a informacións ou ideas fervorosamente recebidas ou consideradas inofensivas, mas tamén aquelas que ofenden, chocan ou perturban o Estado ou a poboación. É iso que requer o pluralismo, tolerancia ou abertura, sen o cal non existe unha sociedade democrática “.

2.Un valor non existe como tal agás nun contexto cultural dado. O Entroido é unha festa tradicional galega  cuxo leivmotiv é precisamente o da provocación e a sátira nun ritual de inversión de estatus de quen adoita exercer poder e  control moral. A retranca, o escarnio e o maldizer, son unha crítica, unha das motivacions relacionadas co mellor da tradición satírica da nosa literatura oral e escrita. Quer dicer, o entroido e a sátira son inherentemente “abusivos”

Os comentarios están pechados

off
A %d blogueros les gusta esto: