off

Novelo de odios, aquén e alén Brasil

by
“Eles não querem o Lula de volta porque pobre na cabeça deles não pode ter direito.
Não pode comer carne de primeira. Pobre não pode andar de avião.
Pobre não pode fazer universidade.Pobre nasceu, segundo a lógica deles,
para comer e ter coisas de segunda categoria”
Lula da Silva

Alén do formato eleitoral, a esquerda brasileira non acadou intensidade e alcance necesarios para reverter  a cilada xurídico-policial-mediática que resultara no impeachment Lava Jato da presidenta Dilma Rousseff hai dous anos. Rumo ao segundo turno, o próximo dia 28 a extrema-dereita militar pode chegar ao poder sen a necesidade de dar un golpe de estado. E a bolsa bate palmas. Como o UKIP no Reino Unido, Vox en VistaAlegre e Trump a dirixir o coro.  Non é só na retórica neofascista que o capitão da reserva Bolsonaro lembra Trump. É a tendencia á que aderiran Orban, Salvini, PP e Ciudadanos. Todos eles transgresores propiciados polo ascenso da insignificancia (Castoriadis), quer dicer, polo relativismo pós-moderno sen lexitimación ética partillada, propiciador do imperio das forzas vivas do interese privado(Marx) que arromban a política propiciando que non teña resposta ás demandas sociais. O próprio conceito de “gobernanza” non é máis do que a transposición da dirección da empresa por asegurar o control dos accionistas principais ao eido político para evitar a suposta falta de habelencia da democracia representativa e partidaria. O que fica apenas é unha ilimitada voráxine de relacións de forza. 

O neoliberalismo – quer dicer, as elites financiarizadas que impuxeran con total impunidade políticas de austeridade- foise decatando que non precisa da democracia para continuar a espoliación do fondo de activos públicos, de recursos naturais e sociais, alén da super-explotación da forza de traballo. Non precisa de requintadas enxeñarias políticas de coalición de clases privilexiadas. Abóndalle o neoliberalismo econòmico xunguido á retórica conservadora do patriotismo, tan querida para sectores das clases medias aderiran a ese proxecto espoliador. Un paradoxo xa que o neoliberalismo ortodoxo tende a afondar na desnacionalización e desindustrialización da economia.  A extrema dereita gaña espazo a eito en todo o mundo porque as transnacionais e o capital financeiro xa non precisan defender a democracia metafísica, o que en Occidente vimos chamando democracia parlamentar liberal ainda que en puridade non o sexa (un sistema soerguido por quen dentro da sua orden de feitos , normas e institucions se sinten a conveniencia). Mas o suceso de  Bolsonaro no primeiro turno eleitoral no Brasil reflicte o xeral desleixo dun “A por ellos” global contra o Outro: imigrantes, pobres, pretos, indixenas, independentistas, feministas, etc.

O fascismo non acouga. O seu alimento é a rabia, a frustración e o resentimento, todo o que non acha espazo na deliberación democrática. O desafio é imenso mais non é novo. Porque é vella a pulsión a esvaciar a implementación de dereitos sociais con alcance universal. Por iso non abonda con derrotar na casa a Bolsonaro, Salvini, Casado e Rivera. Estes dous últimos hai tempo que adoptaran a axenda e retórica de extrema dereita co invento das “fake-news”, a fantasía dunha sociedade enxergada como un organismo simples, harmónico e estábel. Ao cabo, a súa idea da historia bebe do que Benjamin denominada alles dem Erdboden gleichmacht, quer dicer, a idea de continuum que todo o iguala (Das Kontinuum der Geschichte ist das der Unterdrücker, o continuum da historia é a dos opresores) cando para o pensador alemán é precisamente a de discontinuum o cerne dunha tradición auténtica, é dicir, emancipatoria.  Indiferencia e simplificación de pensamento que reduce a realidade social a un marco exento de diversidade e de complexidade, cando non é excepción mas a norma. Eís a robinsonada utópica e non a real e constitutiva espacialización do poder. Porque do que se trata, actualmente, é non seguir o vello decoro de pensar antes de falar. A comunicación xa non precisa do pensamento  nen da credibilidade, apenas falta de escrúpulos e aumentar a resonancia e intensidade do ferro. Velaí Pablo Casado afirmando “no es posible que España pueda absorber a millones de africanos que vengan a buscar un futuro mejor en Europa”. Ainda hoxe PP e Ciudadanos abstivéranse nunha resolución  de ERC “pola convivència democràtica e contra la pervivència franquista e auxe da ultra-dereita”. Previsibel mais non menos escandaloso xa que a dereita española  teima e non condenar o franquismo, aderínose a ese continuum que cresce na Europa e no resto do mundo, normalizando o conservadorismo reaccionario.

Como é posibel ignorarmos a xeografía de arame farpado con millóns de persoas concentradas nas periferias urbanas pauperizadas á espera dunha reforma planetaria democratizante! O amoreamento humano non é o da solidariedade mútua mas o da agregación de oprimidos. É por iso que, actualmente, cando debatemos os dereitos non estan en xogo apenas dereitos políticos (asociación, tribunais, voto, opinión…) mas tamén o dereito de cada una ser o que é, quer dicer, os dereitos das persoas (dereitos fundamentais quizais tan importantes do que os políticos: ter o que é necesario á subsitencia, aloxamento, traballo,etc). Temos de repararmos aquí que o Estado liberal, tal como foi definido a finais do s.XVIII non é mais do que unha asociación de propietarios. Eis como se constituiu a concepción do poder lexítimo que “tornou ao home señor da natureza”. Todos o homes ou só algúns de entre eles? O problema tornase concreto cando se trata da lexitimación de un poder preciso. Abonda que as persoas deleguen os seus poderes para que  o poder sexa lexítimo?Non apenas o rápido esquecimento das conquistas máis imediatas mas a propia substancia do poder lexítimo.

O slogan da campaña de Bolsonaro ” Brasil acima de tudo, Deus acima de todos” ( replicando  o “Deutschland über alles” da Alemaña nazista ) insire a conciencia algo tremendamente irritante que nos lembra a fraxilidade do progreso político e moral. O ódio  aos comunistas e aos homosexuais, o discurso de combate da corrupción e o apelo a “reunificar o país” foran algúns dos atributos do relato nazista para alén da goebbelsiana fabricación de fake-news. O que Bolsonaro di: “não vou combater nem discriminar, mas, se eu vir dois homens se beijando na rua, vou bater”, “eu sou favorável à tortura, tu sabe disso”,  “o erro da ditadura foi torturar e não matar” (en entrevista no rádio, en xuño de 2016).   Cando o ouvimos colocar Deus sobre a democracia e a “sociedade civil” (ese lugar onde hai homes que dan ordes a outros homes que obedecen)  ficamos coa impresión de que a situación é bélica, que é unha cruzada na que as palabras desaban sen vergoña. Para darmos unha resposta ao xeito hegeliano:  Deus axindo por trás de todo isto como unha especie de Providencia. Se o  Estado en canto potencia soberana é un herdo teolóxico, o Estado moderno como producto da sociedade civil, non sendo de maneira ningunha un árbitro acima dela, foise afastando da idea de que a súa lexitimación- que o dereito está do seu lado-  se trata dun dereito concedidio pola providencia de Deus. Brasil acima de tudo, unha especie de “Make Brazil Great Again” que poderia ser interpretado como expresión do acto contractual polo que os homes se despoxan da sua liberdade, mas entregándoa a si mesmos, na medida en que se constituen en corpo social. Porén,máis do que unha enxurrada mediático-eleitoral de patriotismo evanxélico  o que importa é que designa unha orden política encamiñada a desleixar os alicerzes do estado de dereito, quer dicer, os dereitos individuais,  ao identificar a lei  coa relixión do pobo, impoñendo  así a crenza e costumes da maioría.  Un estado brasileiro soberano en relación ao exterior, mas soberano tamén en relación aqueles que son os seus cidadás (Deus acima de tudos). Non define o límite que afasta o espiritual e o temporal, pola contra, rexeita calquer límite. Se a Ilustración procuraba ceibar ao home da vasalaxe á trascendencia, o lema de Bolsonaro reintroduce os límites naturais da desigualdade e das diferencias. Non é apenas fundamentalismo relixioso mas unha mostra de pós-liberalismo. Porque unha cousa é a noción de límite moral partillado na deliberacion ética  política  e outra moi distinta constituila e lexitimala por unha lexitimidade exterior a ela mesma. Con certeza, hai unha ambivalencia insolúbel entre o ilimitado da mao invisibel da economía ( o credo do crecimento ilimitado) e a obertura sen límite dos dereitos e diferencias, porque ambos e dous fan parte da arela ilustrada a crear unha potencia ilimitada e o alvo de crear unha sociedade libertada da relixión após séculos da súa ilimitada potencia tutelar.A hexemonia do economico deitou en baixo os límites entre moral, política e economía.Non é por acaso a anovada faceta do neopentecostalismo e sua teoloxia da prosperidade na actual axenda do liberalismo da burguesia brasileira organizada.

Se o liberalismo político procuraba a defensa do individuo da opresión, o a-liberalismo comunicativo  e sen escrúpulos de Bolsonaro xúnguese aquí cos náufragos do neoliberalismo económico, presa fácil do populismo de dereitas.  Se o Brasil perde  os xermolos de tecido social e as políticas de apoio a aqueles que as precisan, o fascismo pode ir alzándose por todo o continente, aquén e alén do continente americano. De feito, na Europa hai serios síntomas de substitución da política pola técnica e do procedimento pola simples mobilización que, como sabemos, non é sinónimo de participación tanto formal como informal no proceso lexislativo. Para o freudiano heterodoxo  Wilhelm Reich, retomando a La Boétie, o arrepiante non é que os home obedezan mas que non desobedezan máis, quer dicer, que obedezan máis aos medos do presente que á conciencia racional.O cidadá mutado en consumidor apenas ten noción dos límites para contrabalanzar a inflación de valores.

É mesmo irónico que o Museu Nacional do Brasil ardera poucos dias antes das eleicions brasileiras. Non podemos esquecer nas últimas décadas – desde unha Europa que deita nos museus a súa melancólica conciencia moral- que  foi a América Latina o berce de oposición máis afouta á reestruturación neoliberal dun continente no que principal atranco vén das minorías brancas herdeiras dos colonizadores españois e portugueses, unxidas dunha mentalidade racista e fascista após séculos de control e que teñen dado mostras de auténtico odio e aversión perante a perspectiva dun futuro en maos das maiorías subxugadas e das maiorías indíxenas (Bolívia) e da plenitude de dereitos das minorias.

Sobre o desenvolvimentismo autoritário da ditadura empresarial-militar, concentrador de renda e riqueza, ergueuse o neoliberalismo no Brasil que na prática, esvaziou a o desenvolvimento de dereitos sociais con alcance universal. Fácil non foi, mas a chamada redemocratización brasileira de brazo dado dun reformismo fraco, non alicerzou en mudanzas estruturais da sociedade brasileira no sentido de redistribución de renda e riqueza e de instauración de canais efetivos de participación popular, afirman os traballadores sociais brasileiros Renata de Oliveira e Felipe Brito. Unha das críticas recorrentes aos gobernos do PT  foi o pouco estímulo á participación popular no cenario político, inhibindo procesos mais amplos de politización que dotaran de sentido sucesos como o Programa Bolsa Família, un dos símbolos da era petista. Mas como emponderar o que non pondera no cenario político se esa “mobilización” non vai de brazo dado de reformas estructurais  que defronten a concentración de renda, riqueza e poder político? O poder executivo por si só non pode xerar poder máis alá da forza ou da resistencia. Atina Hannah Arendt, non sen ambigüedade, cando afirma que “o poder xurde” de cando “operamos en común”, e iso “coincide coa fundamentación do grupo”. Porén, o poder actuante precisa aderirse a outra cousa, ” un si próprio” que Byun-Chul Han deriva dunha vontade de si non reducibel a simples acto comunicativo(Habermas), a  un “axir en común” que precisa de “cualidade estratéxica”  ( o suceso comunicativo do Procés en Catalunya por si mesmo non leva á independencia).

Como di o sociólogo Wolf Lepenies “o conflicto norte-sur foi substituido por un conflito entre globalistas e populistas que trascende as fronteiras nacionais”. Aquén e alén Unión Europea. Ao cabo, trátase do replantexamento do papel do Estado nacional e o clientelismo eleitoreiro fronte á financiarización da vida. E iso tamén non atinxe apenas o Brasil: reflicte as prohibicións sobre a participación das persoas do común nas decisións do estado público, os numerosos pactos das elites esquisitas e clases medidas financiarizadas e a renuncia, entre a tentación da inocencia e o  simples colaboracionismo, a políticas públicas sociais baseadas en dereitos con alcance universal cando goberna a esquerda,

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off