off

Da provocación algunha cousa fica

by

O chamado dos policias españois convocados polo Jusapol en Barcelona  co apoio e presenza de deputados de Ciudadanos, a formación de ultradereita VOX  e  María de los Llanos de Luna(PP) exdelegada do goberno español na  Cataluña, non foi apenas unha provocación para mais de dois millóns de eleitores na véspera do 1-O, mas autorizalos a celebrar a violencia exercida contra os cidadás en pleno centro  sumou á provocación  un grande absurdo xa que dificilmente podería a Generalitat de Catalunya equiparar salario, que consiste en cobrar o mesmo que outros corpos policiais que seica cobran máis. Mas non foi o único: entre a indumentària dos axentes máscaras espartanas, escudos e faces pintadas coas cores corportativas dos corpos policiais españois. Que a convocación oficial foi por razóns traballistas das forzas de seguranza do estado non serve como excusa. Se non quixeran chegar á prohibición, o lugar non deberia estar a poucas decenas de metros da praza Sant Jaume e das ruas adxacentes -previo desaloxo,  a cuarta-feira,  da acampada independentista- , mas noutra área da cidade onde a manifestación dos polícias ao chamado do sindicato Jusapol non tiver chance de encontrar outras concentracións.

República, que República? A perspectiva de desbordamento independentista vén de comprobar a estreiteza dalgúns dos seus plantexamentos, nomeadamente o de ter primado a forma xurídico política estatal en detrimento do modelo social e das formas sociais de non dominación. E velaí agora a represión de mao da policia catalá, os Mossos d’Esquadra , contra alomenos unha parte da cidadanía que defendeu as escolas e as urnas hai agora un ano, o 1 de outubro de 2017 . Ironía da historia? Quizais non tanto. A xente protesta, cerca edificios e deita cousas.Con certeza, mas o que pide Albert Rivera pedindo “orde” non é máis do que a banalización da “violencia”. Rivera confunde o protesto e a tensión coa “violencia”. Como todo é espectáculo, sen ele non hai noticia. Non vaia ser que con tanta banalización nos acabemos encontrando co que non se desexa.  Porque é o mesmo credo estatista o que bateu onte contra os manifestantes de CDR, ANC, CUP e Arran. A CUP teno doado retirando o apoio a Torra. A mesma lóxica  interior de Estado, coa súa policia que pouco ou nada serve para mudar a sociedade. A cilada da provocación e a mesma violencia de Estado, logo de ter permitido unha manifestación de policías para celebrar a represión do 1-O.  Ao cabo, un Estado é un Estado e a súa maquinaria xurídica-represiva teña ou non teña forma de  república. Baño de realidade e inocencia perdida da fracción contestataria do soberanismo ou talvez a proba de que a falta de resolución do Govern, apoucado perante a expectativa de encergar o axir real do democrático, viña a adaptarse a fume de carozo ao novo cenario malia os presos políticos. O de onte hai que enmarcalo como expresión dun conflicto que existe no colo do próprio independentismo que deu máis munición ao españolismo.

Non é difícil enxergar arestora,  co president Quim Torra escollendo salvar a partitocracia e non o suxeito soberano que deixou o televisor pola rúa, que non era tanto o medo á acción do Estado mas ao que a xente poidera chegar a facer como suxeito político -ainda que fose efémero vislumbre das clases meias asalariadas e o seu cidadanismo- á marxe dos intereses plutocráticos após a impresionante manifestación do 3 de outubro refugando a represión. No horizonte imediato, o incendio que pode provocar a sentenza xudicial dos presos políticos. No meio, é certo, da brega eleitoral das municipais, se Pedro Sánchez aguanta e se non racha antes a coalición govern con disolución do Parlament e convocatòria de elicións- precisamente polo desacordo de como xestionar la suspensión dos deputados presos e exiliados. Porén, desaba en enxurrada a certeza de que se está  a desactivar  e desmobilizar a multitude desde o momento que non se deu cumprimento ao mandato popular e á DUI, conducindo aos sectores contestatarios a actos voluntaristas na rúa que deitan luz sobre o plano de regreso da solución política face o seu topos hexemónico naturalizado de pragmatismo e cálculo,  a medida das respeitivas clientelas eleitorais, lonxe pois do que por momentos semellaba ter posibilidades de desbordamento democrático abaixo-acima.

 

 

 

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off