off
Estado, Opinión, Política — 27 Setembro, 2018 at 20:32

Esperando aos bárbaros

por

A explotación partidista das institucións que sistemáticamente levan a cabo PSOE e PP está a achandar o camiño para que España deixe de ser un dos poucos países europeos onde os ultranacionalistas xenófobos carecen de apoio cidadán. Trátase dunha competición librada non só nos seus ámbitos naturais de actuación senón que se amplifica tóxicamente a toda a sociedade a través das súas acólitos mediáticos. Todos a un tempo arrimando a brasa a súa sardiña. Sen importar o uso depredador que se faga dos procedementos para manterse no poder ou nos seus arredores a calquera prezo. A forma catatónica de celebrar o corenta aniversario da funambulesca Constitución.
Unha lameira que parte daquel compadreo entre Rajoy e Sánchez para prohibir o dereito a decidir en Catalunya desenfundando o artigo 155 da Carta Magna. Entón, a única maneira que atopou o duopolio dinástico hexemónico para imperar oligárquicamente foi suspender os acordos tomados no exercicio da súa soberanía por un Parlament xurdido dunhas eleicións por imperativo legal. Como non había precedentes, botouse man do código penal do inimigo e duns xuíces (ela Carmen Lamela, a responsable de mandar a prisión ao “terrorista vegan” Nahuel, agora promocionada ao Tribunal Supremo, e el Pablo Llarena, o “flaxelo do procés“) que non dubidaron en aplicar a xustiza sumarísima urbi et orbi. O resultado, para escarnio do dereito equitativo e o sentido común, foi un “a por ellos” que culminou en causa xeral contra todo o que husma a autodeterminación. “Provisoriamente”, todos ao cárcere, e despois vamos ver.
Veu despois a pírrica vitoria do sanchismo mediante unha moción de censura ao PP con 84 escuálidos escanos grazas a unha piñata de compañeiros de viaxe na esquerda e o nacionalismo plural. Mudou a música mas a letra seguiu sendo igual de marcial que coa caverna. A blocaxe da mesa do Congreso, en maos do rodete dereitista de PP e Ciudadanos saído das urnas, respondeuse desde o novo Goberno con impúdicos atallos para festín de fieis e adventícios. Brandindo o martelo do pilón do decreto-lei aprobáronse normas necesarias como a recuperación da sanidade universal para os migrantes; panfletos como a exhumación da mumia de Franco do Valle de los Caídos (aínda pendente de resolver); e a renovación da dirección de RTVE (porque un poder sen agitprop non ocupa lugar: hoxe temos tarifa plana para Pedro J. Ramírez e os seus galgos do Español nos faladoiros e á Igartiburu e o seu “Corazón” un día si e outro tamén como aval do aggiornamento catódico).
E así foi en tanto os desafiuzados de Moncloa trataban de rumiar a resaca do caso Cifuentes e as súas trolas; a mudanza no trono do Partido Popular; e as tanascadas sobre os méritos académicos do seu novo líder Pablo Casado. Ata que desactivado este postreiro sufoco, o medo cambio de bando e o goberno con máis mulleres do mundo, feministas probadas, engolía a súa propia cicuta. Se o do ministro de Cultura Maxim Huerta quedou só nun nasciturus, e o do “gol pola escuadra” da titular de Traballo nun rictus de estulticia, a saída pola tanxente da titular da carteira de Sanidade Carmen Montón, por colmatación de erros, abría unha crise certa en Ferraz. De pouco serviron os inventos do rasputín da demoscopia Iván Redondo emparellando a Sánchez con lentes de sol no avión presidencial, facendo footing polos xardíns da Moncloa (nada que ver co casposo running de Rajoy) ou de cicerone da residencia oficial. A procesión xa saíra do paritorio.
Así que a grandes males grandes remedios. Mentres xogaba ao gato e ao rato con Podemos aproveitando o sabático forzado de Igrexas para atender aos seus bebés, o PSOE decidiu botarse ao monte. O primeiro foi pór o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), o prestixioso organismo de sondaxes dependente do Goberno, aos pés de José Félix Tezanos, un guerrista de larga estampa, que tentou compaxinar o novo cargo coa súa cadeira de brazos na Comisión Executiva Socialista. Man de santo. O primeiro barómetro do CIS publicado baixo os seus auspicios certificou o chupinazo do “efecto Sánchez outorgando o sorpasso dos socialistas sobre os populares; e no segundo e última sondaxe levantoulle ao podio do ranking de dirixentes políticos. Aínda que o estudo pechouse o 11 de setembro, cando o Executivo aínda permanecía en estado de graza, os resultados son desconcertantes: en estimación de voto (con cociña) o PSOE avantaxa ao PP en case 10 puntos, mas en intención de voto (directo) Moncloa perde 5 puntos e Xénova 13 sobe 2,7.
Prognosticar o pasado ten eses riscos. O próximo CIS atoparase con Casado case exonerado de responsabilidade pola fiscalía do Supremo; a defenestración sobrevinda de   Montón deixando tocado ao famoso gabinete feminista; o bumerán curricular sementando agora sospeitas sobre a tese doutoral de Sánchez; o episodio das bombas que “non se equivocan matando iemenís” facendo estragos nas conciencias progresistas; e a Dores Delgado, ministra de Xustiza e notaria maior do Reino, compartindo mesa, mantel e confidencias delituosas con Baltasar Garzón e os seus colegas da mafia policial para celebrar a concesión dunha medalla policial ao comisario Villarejo (outra máis, como a de Billy El Niño ou a do tenente coronel Rodríguez Galindo). Para os que queren quitar ferro ao asunto por datarse en outubro do 2009, hai que lembrar que só catro meses antes o Supremo revogara o peche do diario Egin e a súa radio argallada por “Balta” e os seus galardoados conmilitones. E que xa no temperán 2007 José Díaz Herrera denunciara esa trama con todos os nomes e precisións da chusma no libro “Garzón: xuíz ou parte”. Non se fagan de novas, señores mediócratas!
Nada disto, porén, estaba nas previsións cando se divulgou a enquisa do CIS que retrataba ao PSOE e ao seu líder coa camisola amarela. Tampouco se esperaba o lume amigo de El País aventando o plaxio do libro de Sánchez e cía, e a “exhumación” pública das figuras de Felipe González e José María Aznar para conmemorar o 40º da Constitución. A destra e sinistra, o que a opinión pública ha contemplado por parte do partido no poder e o seu rival na oposición, xunguidos ambos cos seus afíns ideolóxicos e as terminais informativas, foi o cúmulo de despropósitos e desmáns perpetrados contra os valores democráticos. Carentes xa da maioría absoluta doutros tempos que lles facilitou tantas falcatruadas, utilizan agora a súa posición dominante nas institucións co descaro e a prepotencia de tempos pasados. Con nocturnidade e aleivosía incrústase unha emenda dos Orzamentos nunha proposta sobre formación de xuíces en violencia de xénero para evitar o bloqueo do Senado, onde o PP ten vantaxe. Un “atallo legal” avalado pola “maioría progresista” na Comisión Xustiza que desatende a última doutrina sobre as normas ómnibus do Tribunal Constitucional (TC). Política de feitos consumados que logo sería agravada pola Mesa do Congreso, acaparada por PP e Cidadáns, cun corte de mangas que furtou a súa prerrogativa ao pleno da cámara. Esperpentos antidemocráticos que, por unha banda, copian o actuado por Maduro en Venezuela contra os representantes da nación e, por outro e en sentido contrario, nesa especie de “Brunete xurídica” munido por PP-PSOE-C`s para anular o aprobado polo Parlament de Catalunya no seu proceso constituínte.
Todos eses artificios do bipartidismo debalante minan a eficacia do dereito e revelan unha tentación confiscatoria da casuística democrática máis elemental. Como Romanones, antes que dar o seu brazo a torcer PP e PSOE se bunkerizan nos regulamentos. Abusando da falta de antecedentes que sirvan de guía para un claro proceder e de que un recurso ao TC só obtería resposta ad calendas graecas, sen paralizar o actuado, o duopolio pasou do absolutismo electoral ao rodete das maiorías intraparlamentares. Unha forma de abonar o descrédito das institucións, minar a democracia de valores e preparar a pista de abordaxe para movementos populistas de corte xenófobo que capitalicen o hartazgo da xente coa caste de aforados, irresponsabeis e apaniaguados. Táboa rasa para a corrupción sistémica á vez que o actor Willy Toledo é procesado por atentar contra “os sentimentos relixiosos”. Santiago y cierra España!

,

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: