off
Cedeira, Editorial, Meio ambiente, Política local — 5 Setembro, 2018 at 6:28 a.m.

As lamas da EDAR baixo sospeita

by

Non perdamos a exixencia crítica. Aquela exixencia  que precisa un presente factual e non apenas a pasiva recepción de “curtir” na Nación Facebook. Porque padecemos un andazo de autoritarismo que se cola por toda parte cando se vai perdendo a capacidade de distinguir entre os feitos e os desexos, esa pouca consciència da distància entre as  palabras e as cousas que acaba transferindo a problematica da vida en común e o conflicto político a unha parcería virtual que degrada a democràcia , dificulta o debate fundamentado e suma confusión á confusión.

Sempre está ben exixir transparencia, ainda que sexa por enésima vez, a quen xestiona un ben público, como é Augas de Galicia, quer dicer, a empresa pública que explota a EDAR de Cedeira ainda que en ningún caso supoña que esta teña que asumir a titularidade das instalacións que xestiona. Porén, se o que se está a reclamar é a análise da composición real do que seica son “lodos procedentes da limpeza da instalación” mas a empresa non facilita pola educadísima via de pedir “por favor”, por qué non se chama ao Seprona, se apañan mostras e se envian a Sanidade e a un laboratorio certificado, por qué non se tiran fotos, se redactan informes e mostras que sirvan para pór se cadrar unha denuncia? Deitar lama procedente da limpeza dunha instalación de augas residuais ao rio Condomiñas é un “verquido controlado” que non merece atención?

Quizais non saibamos que compre facer coa lama residual, mas sabemos o que non deberíamos facer. Xestionar correctamente a lama residual dunha estación residual é un problema complexo que até o de agora non ten unha solución universal, mas deberíamos ter superado a fase do vertido directo ao río e á ria  sen  termos coñecimento dos riscos asociados e cando na Europa (nen mesmo para un vertedoiro nen para  leiras agrícolas cando non existe control rigoroso dos efectos nocivos dos metais pesados e  alteración do PH!) se ten superado mesmo o seu aproveitamento agrícola (suspicacia sobre os efectos indirectos na cualidade do chan) apuntando cara a sú valorización enerxética e a produción de lamas sen contaminantes, metais pesados  ou microcontaminantes orgánicos. É claro que non se pode obviar que conseguindo depurar unha das principais fontes contaminantes ( os verquidos  de augas residuais) estamos xerando grandes cantidades dun novo resíduo, as lamas das depuradoras. Porque as lamas das depuradoras son resíduos segundo a enumeración que estabelece a Decisión 2001/118/CE de 16 de xaneiro, dentro da categoría 19  ( as instalacións para tratamento de resíduos, das plantas externas de tratamento de augas residuais e de preparación de auga para consumo humano e de auga para uso industrial).  Infelizmente, poucas EDAR teñen  considerado as interrelacións entre a xestión e o tratamento escollido. Malia iso, e ao abeiro da Decisión 2001/118/CE, tendo en conta que a lama de depuradora é un resíduo, é responsabilidade dos entes locais salvagardar, articular a inspección e control respeito ao cumprimento normativo e denunciar polos medios que se precise a insuficiencia ou o desleixo na xestión co obxectivo de determinar que solucións terán de darse ao seu crecemento e como o dereito regula os posibles destinos da lama da EDAR. Tanto a Directiva  2006/12/CE, do 5 de abril, “marco” en materia de residuos, como a Estratexia comunitaria de residuos establecen unha xerarquía nos modelos de xestión. En primeiro lugar, tense que facer o posibel por aplicar o principio de prevención, diminuir a xeración de lamas quer cuantitava, quer cualitativamente. En calquera caso, a inevitabel xeración de lamas da depuración de augas residuais non pode diminuir a exixencia ambiental que regula a eliminación.

A plataforma SomosCedeira xa alentaba en 2013 a que se fixeran análises das augas efluentes da EDAR e o seguimento do seu correcto funcionamento así como un estudo dos rexistros legais conforme á normativa vixente (Lei 9/2010 de Aguas de Galicia e Decreto 141/2012) porque desde que entrou en vigor a Directiva 91/271/EEC  que obriga a depuración de augas residuais sábese que estas instalacións producen unha grande cantidade de lama. Neste sentido, é obvio que non se pode considerar finalizado o proceso de depuración nunha estación depuradora de augas residuais (EDAR) até que non se ache un destino axeitado para xestionar esta lama (30 quilos de lama seca por persoa/ano).

Seguimos igual. No medio dunha pugna declarativa e xestual que non achega solucións na procura do mellor sistema de eficiencia e de control. Porque se resulta intolerabel a opacidade de Augas de Galicia na xestión da EDAR, entón costa entender que o concelleiro de medioambiente, testemuño directo dos últimos vertidos da estación depuradora de augas residuais, teime ainda na política de comunicados de prensa como coartada para a impotència política, nen para disfrazar de vitimismo os erros propios, en conta de canalizar probas aos xulgados do posibel abuso de verquidos incontrolados ao rio. Medida xestual que se foi revelando como ineficaz  para resolver problemas  medioambientais que continuan enquistados ( lémbrense as bolas fecais da depuradora, a erosición invernal e os entullos da praia) malia ser o saneamento das augas unha das principais operacións ás que se destinan os impostos dos cidadáns. O que fica claro é o pouco interese entre todos os axentes implicados e a própria cidadanía por acadar unha solución correctora.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off