off
Cedeira, Galiza, Saúde — 15 Agosto, 2018 at 11:13

Cidadáns e profesionais da saúde volven esixir máis persoal no centro de saúde de Cedeira

por

O goberno de Cedeira convocara para ás 11.30 do 14 de agosto unha concentración diante do centro de saúde. As razóns son as mesmas que motivaron a mobilización do pasado outubro: a falta de persoal suficiente para atender o incremento de poboación que se produce durante os meses de verán. [Pingota Comunicación] Como acontecera pasado o día 11 de outubro de 2017, esta terza-feira a veciñanza de Cedeira, profesionais do centro de saúde e políticos volveron ocupar a rúa Zumalacárregui para denunciar as carencias que afectan ao centro médico e para esixir dos responsables do Sergas que lles dea unha solución. Tamén se atopaban presentes membros da
plataforma “PACs en guerra” nunha concentración que arrincou pasadas as 11.30 horas. O equipo de goberno recordou que o número de médicos pasou de cinco a tres no último mes e que este ano se está a repetir a situación de compartir con Valdoviño a consulta de pediatría, polo que no caso de Cedeira queda reducida a tres horas os martes e xoves.

Segundo o  executivo local o “Sergas lonxe de actuar en consecuencia, non é quen de prevelo nin de remedialo” e considera totalmente insuficiente que “tanto na segunda quincena de xullo como na primeira de agosto, o centro de saúde de Cedeira ten tres médicos para cubrir as cinco prazas e un pediatra a media xornada dous días á semana compartido con Valdoviño, así como unha media de sete días para unha cita de atención primaria”. Os responsables municipais reivindican que se cubra a falta de persoal, un servizo de pediatría continuado e que desaparezan as listas de espera de até sete días. Situación creada que responde “á política de cortes que se está aplicar desde a Xunta”, e está a afectar tanto aos profesionais da medicina como aos propios usuarios da sanidade, di o goberno local. Ademais de esixir que a sanidade sexa pública, universal e gratuíta, os responsables municipais de Cedeira lembraron aos presentes a
importancia de presentar reclamacións, “porque fan forza”, e apuntaron que as urxencias no PAC aumentaron un 40% nos últimos dez anos a pesares da perda de poboación duns 700 veciños no mesmo período de tempo.
Desde a plataforma “PACs en guerra” agradeceuse a resposta da veciñanza porque axuda a “forzar que muden as cousas” e a que os profesionais da saúde pública poidan ter unhas condicións dignas. Neste sentido, apuntouse que o 70% do tempo anual o PAC ten unha cobertura sanitaria de mínimos, un dato que, segundo aos membros da plataforma, foi o que deu lugar á situación vivida hai uns días no Punto de Atención Continuada da Estrada, onde morreu un home. O acto pechou con aplausos e  berros esixindo médicos.

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: