off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 24 Xullo, 2018 at 9:12 a.m.

Anovar o pasado: Alianza Popular voltou!

by
 

O sorpasso de Pablo Casado nas primarias do Partido Popular (PP) fronte a Soraya Sáenz de Santamaría (58%-42%) significa a volta do revés. Gaña a caverna dacabalo do dirixente máis novo do taboleiro político. Resucita o aznarismo insepulto, o da guerra de Iraq polas fake news das “armas de destrución masiva”. Regresa o nacionalcatolicismo e a recentralización de España “unha, grande e libre”. E con ele toda a carcunda que arrastraba aquela Alianza Popular (AP) inscrita xeneticamente sob palio do franquismo. A “reconquista” de Casado (Deus, Patria e Rei), grazas ao impulso do aparello do partido, e contra o escrutinio das bases no envite inicial volta (37%-34%), deixa a era Rajoy como a dun líder moderado.
Chega a nova dereita camisa vella, e Cidadáns herda como trofeo o cetro do centro dereita. Entanto o PSOE de Pedro Sánchez, o outro beneficiado na rifa, xa pode reivindicarse como expoñente da esquerda sen facer nada para merecelo. Porque nin xeometría asimétrica nen trapalladas: o centro sempre depende de onde se sitúen os extremos. A elección de Casado implicará unha redistribución de espazos, tendo en conta de que a primeira forza da oposición moveuse cara atrás e á dereita. Temas como as autonomías, a seguridade cidadá, a educación concertada, o feminismo, os dereitos da familia, a eutanasia, o aborto, a confesionalidade, a política penal, a memoria histórica e as chiscadelas á policía e á monarquía militarán a partir de agora no devocionario dos seus devanceiros.
Pero por encima de todo, a chegada de Casado á cúpula do PP ten que contemplarse como unha proba do medo xerado na Marca España polo reto do soberanismo democrático. Foi a expectativa de desestabilización do statu quo provocado polo auxe do procés e o estrepitoso fracaso das políticas de represión, policiais e xurídicas, o que armou o botón do pánico para esta renovación do pasado. Só hai que enfitar a rara unanimidade de moitos medios de comunicación a favor do pretendente, inoculando unha percepción da realidade ao seu favor que anulase a primitiva decisión da afiliación popular polo continuísmo marianista na persoa da ex vicepresidenta do goberno.
É posibel que o trabucazo político e ideolóxico que xa avanzou Casado consiga detrair para Xénova 13 efectivos de Cidadáns e de Vox, as súas sangrías máis evidentes nos últimos anos, dando unha impresión de reagrupamento. Outra cousa é que eses novos acenos de identidade resulten atractivas a un electorado moderno pouco dado a comprometerse con ideais que exhiben a fragrancia a naftalina característica do tardofranquismo. Tamén existe o país mobilizado do 15-M, do 8-M, dos mozos do Erasmus, do activismo cidadán contra os gobernos que perpetraron os axustes e recortes que provocaron a actual precariedade vital mentres a corrupción institucional campaba ás súas anchas. Dúas lexitimidades, unha ancorada no pasado, “a España das bandeiras”, e a outra ollando do ao futuro por elevación, sen consenso posibel.
E é precisamente desa incompatibilidade innata de onde pode xurdir a oportunidade para abrir unha alternativa constituínte. Porque “o alzamento” que prognostica a dereita sen complexos que pilota Casado supón unha clara ameaza polas forzas políticas e sociais situadas á súa esquerda e especialmente para os grupos nacionalistas proclives ao dereito a decidir.Quer dicer, esa xerigonza  á española que fixo posibel con vascos, galegos, cataláns, a moción de censura “de perdedores” que tombou ao PP sen necesidade de pasar polas urnas. Se esa alianza de circunstancias responde coherentemente á ofensiva unionista do PP do a por ell0s!, afirmándose como unha confluencia no terreo dos feitos, podería configurarse unha sorte de Pacto de San Sebastián como o que en 1930 coordinouse para desaloxar á corte de Alfonso XIII. Algo que, só e exclusivamente, dependerá da que desde agora en diante faga o PSOE de Pedro Sánchez.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off