off

Que feras salvaxes, cando atacadas, deféndense!

by

Por se non abonda coa salvaxe agresión perpetrada polo Estado contra unha parte da poboación catalá o 1 de outubro de 2017,  por se ainda hai inxénuos que pensan que o uso da forza  non fai parte da definicion do Estado- de calquer Estado- un policia nacional vén de agredir ao grito de “Viva España” e “Viva Franco” ao fotoxornalista Jordi Borràs coa mesma impunidade consentida coa que  hxoe se move a ultradereita polas rúas desde que  aqueles uniformados desprazados a Catalunya en nome da “prerrogativa legal” cuxa versión popular se acabou substanciando no futboleiro ¡A por ellos, oee, oeee, oee…!. Seica foran as despolitizadas e atomizadas masas proletarizadas sen saber o que di a Constitución e a besta parda carpetovetónica as únicas que entenderan que a Lei é simples correlación de forzas que o Estado encobre de dereito para lexitimar o monopolio da violencia e do estado-guerra. O que Rajoy denominou “o imperio da lei”, ese totem sagrado, quer dicer, esa formulación do fascismo pós-moderno tamén expresado como “o que non é legal non é democrático”, tan do gosto de Pedro Sánchez,  Pablo Iglesias e…o reconvertido Artur Mas (“ti es ruin, entón eu son bo”). Cando é instrumentalizado o democrático emprazado tórnase o marco do pensabel e do que está permitido vivir,  cando o democrático decisionista é como o poder exerce hoxe o seu dominio. Após ter contribuido a “defender as urnas” a deriva ao testemuñoismo parlamentar da CUP  e do movimento libertario é sintomático do alcance do “efecto normalizador” da táctica do mal menor e a dun cidadanismo democrático domesticado de máis para axir de seu e con vontade própria á marxe das institucións.

O goberno central dereitista e autoritario do PP, corrupto e  teimudo no corte de dereitos sociais e liberdades coa sempre eficaz colaboración do PSOE, a monarquía borbónica, a aplicación do 155 e a represión do 1-O non fixeran mais do que darlle asas ao coléricos que  berraban “¡que nos dejen actuar!” ameazando e mexando sobre os veciños desde os cuartos dun hotel onde pernoctaban cansados despois de darlles hostias ao persoal. Pura descarga testosterónica e sen risco de quen se sinte impune. Que a fiscalía que leva o caso contra os dirixentes cataláns intitulara o dosier como “Más dura será la caída” mostra a fasquía vingativa de quen se sinten vencedores do reto secesionista.

Triste Coda.O 27 de outubro houbo vidros rotos e conato de asalto dunha turba de fascistas a Catalunya Ràdio.Non sorprende que a onegué Reporteiros sen Fronteiras coloque España na posición 31 no ránquing mundial de liberdade de imprensa.Unha pena que ningún medio de comunicación español  teña denunciado a agresión  a Borrás.  Nen a Antena 3, nen a Tele 5, nen a TV1, nen os xornais de papel, nen os dixitais sempre atentos ao xermolos de violencia periférica, real ou non , non teñan adicado  espazo que merece. Que feras salvaxes, cando atacadas, deféndense!

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off