off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 10 Xullo, 2018 at 9:44 a.m.

A representación como superstición

by

Segundo a súa versión canónica, a democracia é un xogo de maiorías sen grave prexuízo para as minorías. De aí o bruído dalgúns, segundo lles pete, a favor de que goberne a listaxe máis votada. E con todo, a realidade cotiá, está nas antípodas. Porque son determinadas minorías de pompa as que mandan sobre as maiorías. Con iso, o cacarexado interese xeral tradúcese na práctica no interese particular. É dicir, se asiste a unha extrapolación en valores do método deductivo ao método inductivo, sen interrupción.
O tantas veces invocado 15M tivo entre as súas moitas virtudes a de anticipar a autopsia do réxime con dúas prevencións fulgurantes. Son os famosos “non nos representan” e “chámano democracia e non o é”. Porque nas sociedades a escala, a fórmula “democracia” perdeu o seu principio autoxestionario (o goberno do pobo, para o pobo e polo pobo) e sempre se conxuga coa mochila da “representación”. Nisto segue a pauta do que acontece coa economía real, que se activa operativamente só por xunto. Oferta e demanda son variables dependentes do termo “masa”. Como os seus equivalentes no eido político, representante e representado. Igual que non é rendibel a produción artesanal, tamén non cabe a acción directa. Eís onde entra o consello aristotélico sobre que unha orde de actividades humanas nunca debería superar o perímetro atinxibel pola voz do heraldo (Ética).
Duas entelequias resoltas a través do mecanismo da “representación”, un concepto  estudado pola pensadora norteamericana Hanna Fenichel Pitkin. O problema xorde cando esa dualidade perde a súa cualidade reversibel e se fosiliza no ríxido esquema representante (pasivo)-representado (activo). Non xa porque, como escribiu Rousseau, o único momento en que o cidadán eleitor é soberano é ao introducir a papeleta na urna. Senón porque nas sociedades complexas ese vínculo materialízase a través dunha prótese organizativa chamada partido. Entón, igual que a economía positiva (é dicir, a arte de xestionar recursos limitados para satisfacer necesidades humanas, segundo a clásica expresión de Lionel Robbins) está referenciada á propiedade dos medios de produción, a política fica confiscada nos aparellos partidarios. Unha estrutura que, como afirma Robert Michels na súa “lei de ferro da oligarquía”, responde igualmente a unha dinámica privatizadora.

Durante este proceso xibarizador, ata agora sen alternativa viable, o factor Traballo pasa a ser subalterno do Capital, ao que se ancora mediante como consumidor. Na mesma lóxica que o representante delega a súa capacidade democrática no representado.Balanzando o poder desde a universal inicial ao particular final. O que leva, nun e outro ámbito, unha subversión de valores que institucionaliza o modelo de explotación e dominación vixente. Así, os máis encargan a xestión social aos menos. Unha especie de “síndrome de Estocolmo” que leva implícita investir a secuencia lexitimadora. Do abaixo-arriba propio da experiencia democrática orixinal pásase ao arriba-abaixo característico do despotismo.
Na práctica diaria esta alquimia representacional acaba de evidenciarse nas chusqueiras primarias do Partido Popular, a formación máis votada nas últimas eleicións e até hai pouco as siglas á fronte do goberno da nación. O esperpento, neste caso, concrétase no asombroso feito de que un partido con pouco máis de 66.348 militantes (inscritos coas súas cotas a corrente de pago) “represente” aos preto de 8 millóns de cidadáns que o apoiaron nas últimas eleicións. Unha distancia estratosférica que revela a insolvencia do sistema. Mas nen sequera esa proporción é xenuína. Porque agora o escrutinio de marras, que decide quen dirixe a formación e por tanto a aliñación que concorrerá a novos comicios, ten de pasar a peneira purgativa dos compromisarios. Un mosquito a levar ás costas un elefante.
Iso acontece no partido favorabel a que goberne a listaxe máis votada, mas non é o único que aplica a lei do funil. O PSOE, agora no poder grazas a unha moción de censura por acumulación de forzas, retén 5,4 millóns de votos cunha militancia constatada de 187.949 persoas. Case igual que Podemos, con 5 millóns e 190.000 activos dun total dun total de 487.772 inscritos, segundo o censo do plebiscito sobre o chalé dos seus dirixentes, aínda que aquí o referendo é telemático e non contempla cota de adhesión. Aínda que nen PSOE nen Podemos inflan os seus datos até os 869.535 adscritos de que blasonaba o PP antes de descubrirse a gran bóla. E se trasladamos estas contas aos momentos presentes, teriamos que o executivo que hoxe decide por 46 millóns de españois fai causa dunha formación como o PNB, que ten 24.650 afiliados e cultivou 286.215 votos nos pasados comicios. Por non falarmos dos chamados “sindicatos representativos” que asinan acordos para todos os traballadores imitando o modelo partidario. Unha andrómena representativa tan falsA como aquela Tripla A con que se avalaba a emisión das subprimes que logo escacharan en crise mundial.
A abismal distancia entre representantes e representados que fai posible a democracia cuantitativa sen que se note a trampa, pon a carga da proba nos partidos políticos. Definidos na Constitución española como órganos que “expresan o pluralismo político, concorren á formación e manifestación da vontade popular e son instrumento fundamental para a participación política” (Art. 6). Pero xa habemos visto que a suposta participación política ten precisamente nos partidos o seu ogro filantrópico. Unha deriva similar ao que di a norma suprema respecto da economía. Que “toda a riqueza do país nas súas distintas formas e sexa cal for a súa titularidade está subordinada ao interese xeral” (Art. 128). Neolinguaxe, realidade virtual e pós-verdade como lexitimidade constituínte para designar partidocracia e crematística (a produción para o gaño, que dicía Einstein)
É a fatalidade do algoritmo disfrazado de representación. Un desenlace que só podería ser emendado asumindo como propio un decrecimento económico-político equitativo. Algo que a maioría da xente viciada polo modelo imperante non que, nen procura, nen pretende. Prefire darse novos amos, como proba o auxe dos césares xenófobos por todo o mundo. O que supón admitir sen remorsos pque cada xeración vivirá pior que a anterior e ao mesmo tempo enarborar por toda resposta a divisa “os nosos primeiro”. A guerra de clases endóxena. A forma máis extrema de competencia intersocial, xerárquica, autoritaria e tribal. Até as estatísticas da Axencia Tributaria o proclaman: aumenta o número de ricos mas os asalariados seguen sendo os que máis achegan.
Conclusión. A auténtica democracia prospera en sociedades a escala humana mentres nas grandes conglomeracións de masas é unha simples superstición. O decrecimiento equitativo e a confederación solidaria poden ser o seu bálsamo.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off