off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 5 Xullo, 2018 at 7:16 a.m.

Cando o inquisidor é un dos nosos

by

Pedro Sánchez non só está a gobernar cos orzamentos de Rajoy. Eses que cando estaba na oposición desenfreada (“botar ao PP das institucións”) parecíanlle tan antisociais que esgrimiu unha emenda á totalidade. Agora tamén utilizou a mesma cicuta que os de Xénova 13 inocularan no ente público de Radio Televisión Española (RTVE). A designación “provisoria” do xornalista que accedeu á dirección de Radio3 na etapa do PP pon de manifesto unha vez máis a ninfomanía do poder.
Así que meu dito meu feito. As primeiras de cambio non veñen coa derrogación das reformas laborais e de pensións perpetradas por eles e os seus adversarios políticos para facer que a crise financeira a pagaran os traballadores. Tampouco leva o imperativo reformista de mellorar o financiamento autonómico a fin de que as comunidades poidan ter máis recursos económicos para atender adecuadamente as súas necesidades sociais. Con semellantes trazas non resulta estraño que a tribo conservadora decidise non presentar candidatos da súa corda para renovar a cúpula de RTVE. En certa medida, o PSOE do “váyase señor Rajoy!” está a recuperar a un dos seus.
Porque, o escolleito para pilotar RTVE (máis de 1.000 millóns de facturación e máis de 6.000 empregados: un escuro obxecto de desexo) é un xornalista que fixo méritos nada máis aterrar en R3 como saben facer os que queren cegar ao señorito. Cargouse o programa “Carne Cruda”, un dos poucos espazos críticos da emisora pública, que tiña a ousadía de mostrar que existen outros mundos alén da propaganda e o “si, boana”. E se iso non bastase, para deixar sentado a súa autoridade no antenicidio, proclamou que “Carne Cruda” era pouco menos que unha “radio pirata”. Tomás Fernández Flores, ecce homo, será o novo chefe de RTVE polo dedazo do tándem Sánchez-Iglesias, e o xefe ao que terán que seguir os restantes conselleiros desa listaxe, na súa maioría xornalistas da contorna do dixital Público, propiedade do vermello Roures.
O que se ten feito até hoxe polo “pedrismo” devese principalmente a unha política de xestos e remenbranzas que ván desde o Aquarius ás plataformas rexionais de desembarque; da momia de Franco ao torturador Billy El Niño; e cuxo “punto G” é até agora o continuidade orzamentaria e mediática. Porque vender case como un avance civilizatorio que o presidente do goberno concorde en se encontrar con Torra “sen restricións” non deixa de ser un insulto á intelixencia. Cal é o feito diferencial entre esa “cimeira de diálogo” e a que outrora protagonizo Rajoy con Puigdemont? Só unha cousa: que agora a batuta tena quen propuxo sozinho agravar o código penal para que o crime de rebelión non exixise a disputa de violencia. En outras palabras, retornar à tipificación do franquismo.
Gato branco, gato preto, o importante é que cace ratos, dixo aquele que tivo que inventar as rateiras. De ilusión tamén se vive. De feito desde que hai un novo inquilino na Moncloa os protestos de aposentados indignados e sindicalistas prontos para dar a batalla cesaran, ainda que o goberno lles teña dito “volten amañá”. Será porque a un dos outros sucedeu un dos nosos. E como dixo Gloria Fortes neste mundo traidor “todo vale, todo se aprovecha, de un cuerno se hace una percha”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off