off
Ciencia, Natureza — 28 Xuño, 2018 at 6:42 a.m.

A harmonía matemática das formas

by

O príncipe abandonou completamente os estudos, afeccionouse a pasear polos xardíns e deu en matinar longo á beira das fontes. Deleitábase coa música  a meirande parte do día, e tamén lle gustaba a poesía. O seu educador, Eben Bonabben, inquietouse e, preocupado, tentou remudar eses pasatempos explicándolle un severo curso de álxebra. Pero esta ciencia non espertaba no rapaz o mínimo interese.

­_Non a podo aturar!, dicía. _Anóxame! Necesito algo que me fale ao corazón!

Washington Irving (Contos da Alhambra, 1829)

 

Na natureza, e máis aínda nas construcións humanas, encontramos facilmente analoxías, por veces mesmo abraiantes, con multitude de conceptos matemáticos, de por si teóricos e abstractos.

Pola contra, a presentación dominante das matemáticas no ámbito educativo, de teor academicista (acumulación de información e reprodución mecánica de técnicas algorítmicas), está a establecer unha barreira cognitiva difícil de superar para unha parte substantiva do alumnado, procedente maiormente daquelas capas sociais máis desfavorecidas que, no seu entorno familiar, non contan con elementos de reforzo nin persoais nin económicos.

Entre as estratexias de divulgación matemática que emerxen como alternativas de inclusión, encóntrase aquelas que as recrean en obxectos presentes na realidade (naturais, funcionais ou artísticos). Coa expectativa socializadora de engaiolar emocionalmente ao alumnado, pretenden que se involucre activamente no proceso de aprendizaxe potenciando, así, o desenvolvemento das súas capacidades. Entre as ditas estratexias, a fotografía matemática é un recurso moi agradecido.

Foi, nesta perspectiva, que nos adherimos ao  Proxecto Internacional enREDadas  para a “VII Semana de Educación Artística, 2018”, promovida pola UNESCO, coordinada pola artista italiana e profesora de universidade Katia Pangrazi, no que colaboraron, ademais de profesorado de diferentes países que individualmente achegou as súas propostas, o IES San Clemente de Santiago de Compostela e o CEIP Sestelo-Baión de Vilanova de Arousa, coa colaboración especial de Marcos Vence (Coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, no IES), Esperanza Doval (Profesora de Educación Artística, no CEIP) e Pablo Argüeso (Físico e, á sazón, profesor de gaita na Asociación Cultural “Buxainas” de Cedeira).

Polo xeral, as actividades desta “VII Semana Educación Artística” tiñan unha intencionalidade de inclusión social, motivo polo cal cada unha das fotografías acompañouse dun lema co que se intentaba transmitir unha mensaxe emotiva, de maneira que transcendese o contido estritamente matemático, contribuíndo desa maneira á socialización desta disciplina, tan necesitada de esforzos contextualizadores. Concedamos, así, ao termo composto matematicARTE unha dimensión verbal reflexiva que, literalmente poderíamos expresar como un chamamento escolar: “matematícate coa arte”. Non pretendemos que da visitación da exposición de fotografía matemática se deriven directamente aprendizaxes conceptuais ou técnicos propios desta disciplina, pero si arelamos incentivar o interese por aprender.

A xeito de exemplo poderíamos falar da fotografía da “Porta da Música” de Eduardo Chillida, que Miguel Picado Filgueira  publicaba no ComposTimes, escultura que se encontra no parque de San Domingos de Bonaval, Museo do Pobo Galego-Compostela, e que ben pode lembrarnos o número “pi”, esa enigmática e circular razón entre calquera circunferencia e o seu diámetro. Pois así é que, proxectada a súa sombra sobre o contundente valo de pedra, a nosa memoria cultural evoca uns dos versos máis coñecidos, e cantados, de Rosalía de Castro. Sobre deles ousamos facer unha chiscadela de ollos á Matemática:  “Negra sombra que me asombras/ en todo anel estás ti/ no mesmo sol te me amostras”, de maneira que entre o obxecto matemático, , e o poema rosaliano quede suxerido un vínculo.

Nun escenario máis doméstico podemos observar algo tan cotiá coma marabilloso: a caricola dos campos, que deseña de maneira natural unha espiral cuase-logarítmica xerada por un punto que se desliza a velocidade cada vez maior sobre unha recta que xira en torno á orixe a ritmo constante. Se a distancia entre os brazos aumentase proporcionalmente teríamos a espiral logarítmica: Spira mirabilis (espiral marabillosa), descrita alxebricamente por primeira vez polo matemático suízo do XVII, Jakob Bernouille. Nesta ocasión o vencello social é un convite a vencer medos e preguizas, a estarricármonos, espelírmonos: “Expándete sobre ti propia”.

 

Viaxando alén do océano, poderíamos comentar a espectacular fotografía que nos achega Mercedes R. Ruibal  do “Horseshoe Bend” (Ferradura), no Río Colorado, augas abaixo da presa Glen Canyon e do Lago Powell na denominada Glen Canyon National Recreation Area, a 6 km da cidade de Page (Arizona, USA), que nos suxire unha coroa circular e para a que creamos un vínculo afectivo definitivamente agarimoso e integrador: “Abrazándote”.

Rematar dicindo que o medio cento de fotografías matematizadas que compoñen esta exposición testemuñan o acerto daquelas palabras que, entrevistada por Manuel Forcadela,  a poeta Estíbalez Espinosa reflicte no Tempos Novos do pasado xuño: “o pensamento científico pon en perspectiva o ser humano no universo e o ser humano na vida na Terra…”.

Comments are closed.

off