off
Sen categorizar — 4 Xuño, 2018 at 9:33 a.m.

A incerta aplicación da “lei de prevención e defensa contra os incendios”

by

O 31 de maio remataba  o prazo dado aos propietarios de plantacións de eucaliptos que arrodeen solo urbano e vivendas para “xestionar a biomasa vexetal” nunha faixa de protección de 50 metros, cumprindo así a Lei de prevención e defensa contra os incendios.


A Consellaría de Medio Rural avisaba que son os propietarios e propietarias os responsables de xestionar a biomasa nas faixas de seguridade e os concellos os encargados “de velar polo cumprimento da lei”.  Medio Rural tamén lembrou que calquera persoa pode denunciar os propietarios e propietarias que estean a incumprir as súas obrigas, poñendo en risco as restantes parcelas e vivendas. As multas poden chegar aos 3.000 euros, ao que se pode sumar o custo da execución subsidiaria dos traballos de corta e roza non realizados.

Porén, son moitas as persoas que aínda non iniciaron os traballos de corta e roza destes espazos e que dende este venres están incumprindo a lei.  A norma foi aprobada no ano 2007 e modificada posteriormente en 2012 e o pasado mes de decembro, fixando a obriga de “xestionar a biomasa vexetal” nunha faixa de protección de 50 metros ao redor de edificacións situadas a menos de 400 metros do monte, ao pór en destaque a obriga específica de arrincar especies coma o eucalipto, o piñeiro ou a acacia, alén do mato. Este ano a Xunta adiantou un mes o prazo límite para a realización destes traballos que son fundamentais para evitar o risco de que os incendios se acheguen a núcleos habitados ou a vías de comunicación. Estas faixas de protección actúan, alén diso, como devasas que dificultan a propia extensión do lume.

O dia que remataba o prazo, o presidente da Xunta  tranquilizaba aos propietarios que de momento non serán sancionados e que só haberá “apercibimentos”, dándolles “un tempo prudencial” para levar a cabo os traballos pendentes. As multas só chegarían “cando despois de apercibimentos e de maneira reiterada haxa un incumprimento sistemático”. Segundo Núñez Feixoó as multas aplicaríanse “cando despois de apercibimentos e de maneira reiterada haxa un incumprimento sistemático”.

Está o goberno galego a pór medios  para facer cumprir a súa propia lei ?

A nefasta política forestal aplicada polo PP xerou quilómetros e quilómetros de costa e interior que agora deben ser limpadas nunha faixa protectora de apenas 50 metros, deixando en mans dos propietarios-clientes de ENCE e os concellos un problema colectivo que debera ser defrontado co alvo de mudar o modelo forestal e non apenas como medida preventiva.

Algúns concellos, coma o de Cedeira, enviaran notificacións a esgalla aos propietarios de “luchas” de eucaliptos e  están traballando para garantir o cumprimento da lei autonómica.

O de Ribadeo anunciaba o pasado mes de febreiro que multaría os propietarios que incumprisen a obriga de arrincar os eucaliptos próximos a vivendas e iniciou a notificación aos propietarios e propietarias de 676 parcelas de que estaban a incumprir a lei. Ribadeo, ao igual que outras localidades.

O BNG denunciou no Parlamento que os concellos, nomeadamente os de menos de 5.000 habitantes “non teñen capacidade para asumir un plan de actuación sistemático e continuado e tampouco contan con persoal  persoal para vixiar e levantar actas que poidan rematar en sancións”.

ILP a favor da recuperación dos 100 metros

Cando Galiza viña de sofrir a pior vaga de incendios da década, o 19 de outubro de 2017 rexistrabase no Parlamento unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para a defensa do Bosque Autóctono e a Loita contra os Incendios Forestais.   A iniciativa pedía mudar  o modelo forestal, de abandonar o monocultivo de especies pirófitas, de fomentar todas as potencialidades dos nosos montes, non só a forestalista, e de procurar o asentamento da xente no rural. A ILP propuña  unha moratoria á plantación de máis eucaliptos até que non se avalíe o seu impacto e a prohibición total de especies coma o Eucalyptus nitens, que deberían ser erradicadas progresivamente.

A ILP pedía a recuperación dos 100 metros de largo  para as redes secundarias de xestión da biomasa e o incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación, etc. pídese a recuperación dos 100 metros de anchura para as redes secundarias de xestión da biomasa e o incremento das distancias das plantacións forestais a terras de cultivo, ríos, zonas habitadas, vías de comunicación, etc. Cun perímetro de exclusión dun mínimo de 50 metros das plantacións forestais aos xacementos arqueolóxicos. Alén diso, apostaba pola promoción do pastoreo e a gandería extensiva como elemento natural de cerca e prevención de incendios. E determinaba que os cultivos forestais destinados a biomasa deberan ter quendas de máis de 10 anos.

Comments are closed.

off