off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Política — 29 Maio, 2018 at 14:29

Política prêt-à-porter

por

Dias de censura. Malia non ter autoridade para gobernar, non se albisca no horizonte español alternativa substancial  para que as cousas se fagan doutro xeito ao gürtelliano goberno de Raxoi. É patéticamente significativo que o PNB se sincere dicindo que o posibel remedio é pior ca doenza xa que non habendo excusa para non apoiar a moción de censura, esta non arranxaría nada (agás arruinarlle ao País Basco  a inxección de millóns, o PP xa ameazou con non ratificar as contas no Senando onde ten maioría se finalmente os bascos apoian a censura). Porque arestora as contradiccións do PSOE son as mesmas cas do PP. Un PSOE atravesado por casos de corrupción e un Pedro Sánchez cómplice da represión do soberanismo,  non  hai unha semana facia propostas para endurecer as penas contra os soberanistas. Quer dicer, o que lles faltaba era que o saudoso alvo de chimpar ao PP  para restaurar o bipartidismo dinástico, esta nova dereita desinibida de C’s apañara máis poder aplicando no tempo o artigo 155 (goberna co PP en Madrid e co PSOE en Andalucía, pactando con este último o goberno de Canarias) até liquidar o soberanismo por toda parte,  combinar o seu liberalismo económico antirecaudatorio, cumprir cos pagos da débeda e co sacrosanto españolismo, mentras debecemos saber quen será ao final o seu socio principal, os tipos de interese ou os tipos da rúa,  os vontantes ou os acreedores, os investidores ou os dereitos da cidadanía. De nos guiar polos resultados das últimas eleicións na Catalunya, un paso alén de PP e PSOE, Ciudadanos ten un problema coa democracia estandard e arestora chámase 155. A normalización da excepción como protección do estado fronte as interferencias democráticas vai parella ao seu modelo económico, entregado a axencias supraestatais que están por riba do alcance da democracia popular. Un despolitizado laissez-faire pluralista que fai da participación unha variante de consumo avanzado. Eis o aroma de fondo que iguala a maior parte dos partidos con representación parlamentar. De facto, o 155 pódese fitar como a primeira  medida política do pós-rexime do 78 deliberadamente deseñada e aplicada para acrescentar o déficit democrático e seguir sen someter ao control democrático moitas das cousas que en nome dos cidadáns continuan ocultándonos.

Costa maxinar a Pedro Sánchez gobernando con 85 deputados co aval de tanta diversidade após caracterizarse por non negociar nada indo de brazo dado do PP. E máis logo do tono pexorativo empregado por  Iceta (PSC-PSOE):  “non ian convertir a moción de censura nun mercadeo”. Eís en estado ideoloxico puro a falta de sentido positivo da negociación na cultura politica española. O “mercadeo” condena a negociación porque esta precisa deslocarse dos absolutos, comezando por desacreditar que os votaran «porque yo lo valgo». Ao cabo, porque sen o apoio de PDECat e ERC, tentando debullar un horizonte de acción, as posibilidades de tirar adiante a moción de censura presentada  són nulas. O que sería para lanzar un foguete é se finalmente Junqueras e Puigdemont chimparan fora a Rajoy.

Porén, entre o peronismo plebiscitarista de Podemos e o esencialismo rodriguez-ibarrista de Ciudadanos, no meio da pantomima, digamos que a moción censura de Pedro Pedro Sánchez ten alomenos o atrevimento de ter sido ofrecida aos «350 deputados»(e halle tirar rédito a ter a iniciativa) e talvez por iso mesmo axude a  mudar o escenario, ainda que apenas sexa o principio do comezo da aceptación por parte da opinión pública española que o independentismo existe e que é inevitabel contar con el, porque non se pode gobernar o Estado español prescindindo dos outros. E menos cando foran empresonados. Abonda con iso? Unha moción de censura, no modelo estandard de democracia, é para votar outro presidente  no lugar do censurado. Pódese afirmar con certeza que Sánchez fai diferencia de Raxoi en relación a Catalunya e Euscadi ? (na invisibel  Galiza a aritmética parlamentar é a que é  e alternativa ao PP na Xunta pasa por ter tres patas). Non é o pròprio Pedro Sánchez  da moción de censura o do  155 e do partido dos EREs e de inúmeros casos de corrupción? Non é o mesmo que afirma que está xustificada a prisión provisional e os dirixentes no exilio dos partidos a quen agora pide o voto? Para alén da unánime aplicación do 155 e a represión, este PSOE non ten trocado paseniña e gradualmente a lexitimidade política pola disciplina económica? Non é un abandeirado da pós-democracia e da redefinición da política social como  fornecimento público para a competitividade privada e a mercantilización do traballo e a troca de cidadanía  por logros ocupacionais, da substitución da regulación pola “flexibilidade”? Porque o que está en xogo non é apenas o nivel de vida mas a economía moral que se está a inocular, entre as formas locais de corrupción e as globais ao xeito Goldman Sachs, entre a pantomima da moción de censura parlamentar para que nada mude  e a autocensura real dos silencios cómplices e os ataques á liberdade de expresión. Demasiadas censuras (Sierra, Carretero, Valtonyc, Elgio,etc) para tan pouca moción (que significa, lémbrese o, acto ou efeito de mover). Queren apostar? A que o debate xira arredor da “prima de riesgo”?

Nimiedades. O deslocamento de persoas para o independentismo non é cousa de tolos, é unha reacción a unha dinámica excluinte nunha España cada vez menos hospitaleira coa diferenza. Co PP e PSOE arringleirados na condición ideolóxica dun estado liberal-autoritario que representa Ciudadanos, albacea das baixas paixóns do falanxismo rizomático. Porque, ao cabo, a moitos votantes esta caste de contradicións grotescas pouco lles importan, de acordo cos afloramentos frecuentes (“!A por ellos!”), nen pola deteriorada imaxe de España na Unión Europea, como consecuencia de accións xudiciais de difícil xustificación.

Verbo da “nova política” derivada do 15M, alguns diagnósticos estaban errados. Os chamados a realizar a mudanza ten mostrado pouca capacidade e continuan a ordenar os de sempre. Por indignación, ficaran mudos de perplexidade perante a urxencia do “e agora, que?”. Un dos efeitos da fantasía pace Pablo Iglesias de  “non militar nos partidos mas nos meios” é que a política acaba no espazo da moda, do prêt-à-porter, do pronto a usar ideolóxico.  E agora vemos moitas versións pós-modernas de cousas moi vellas e sen intelectuais españois abaixo-asinantes á altura da urxencia do momento malia a clareza da mensaxe enviada polo Estado: se hai procesos democráticos  aplicarei o 155 e a prisión preventiva.

O plebiscitarismo do Podemos lembra aquel modo peronista que arrebola na mobilización en torno a unha especie de democracia delegativa caracterizada, entre otras cousas, por un liderado personalista.  Para ficarmos abraiados de vermos o devalo da “nova política” cara a política da antipolítica. A xente do común, que quería a alguén arranxara problemas económicos inmediatos e urxentes que no podían resolver por sí mismos, para a xente que votou Podemos, representaba a promesa de solucións imediatas aos problemas económicos. Acho que é o fulcral da cuestión. Partindo dun contexto de protesto e mobilidade social ascendente das camadas populares, xerando procesos de forte mobilización  popular que reivindicaron posturas anti sistémicas e demandas de reforma radical, que foran aproveitadas por líderes que as recrearon no seu discurso desde unha apelación á dicotomía do pobo contra as elites e os seus representantes, acabouse consultando sobre o banal sen cuestionar os problemas de fondo. A consulta sobre  o chalé é sinal de como sociedade nos concentramos nos debates sobre as cuestións mais nimias, ocultando as cuestións substanciais. Unha democracia vacía, a pròpria do There is no alternative da globalización como discurso de demponderamento das persoas fronte ao empoderamento dos mercados internacionais. No caso do chalet, temos visto moi pouco debate sobre o modelo de vida económica e o proxecto persoal que implica unha hipoteca dese estilo e como iso contrasta co modelo económico de Podemos. Outro caso é Cifuentes, que cae en desgraza por ter roubado duas cremes nun super e non polo enorme mal que fixo á universidade. Somos uma sociedade distraída por banalidades. Habería que preguntarse se houbo un deslocamento ideolóxico nas preferenzas das bases de Podemos para alén dunha  personalización da política e aceptación tácita do deseño institucional ou  se foi produto da erosión da confianza da poboación nos partidos tradicionais e o tipo de liderado forte e patriarcal que representaban os líderes de EU e PSOE. E a efectividade unha campaña para xerar un grau de certidume, ainda que despois non acompañaran os resultados.

“Ladran, luego cabalgamos”. Cando o inebriante Rodriguez Ibarra afirma que “preocúpame máis o independentismo que o PP teña roubado” está  a afirmar o seu compromiso cunha “democracia vacía” pronto a ser instrumentalizada “porque [os independentistas] queren roubar unha parte do instrumento que, como político, eu precisaba para facer unha política de igualdade”. Unha cilada para colar que en nome dos valores supremos da patria todo está permitido. A ideoloxía sempre se apresenta como o seu contrario. De aí  o exercizo de reformular o “antes roja que rota” como “antes corrupta que rota”, como  suposto garante dun igualitarismo falsario que as políticas do PSOE por ele aplicadas na Estremadura non mostran:  “o unico instrumento que ten a esquerda para facer cunha política de igualdade é o estado, e non estou dispoto que permitir que nolo queran arrebatar, e menos que o fagan porque se sinte superiores aos outros”. Pura miseria política. Primeiro, porque non é certo que o Estado, na súa conformación actual como “monarquía constitucional” sexa a único instrumento da esquerda para políticas igualitarias. Segundo, porque o nacionalismo esencialista coloca o españolismo, a patrimonialización do Estado e  os sagrados valores da patria, por riba dos abusos de poder. Con aliados coma este, cando ainda non se ten debatido a moción,  ben podemos maxinar un Pedro Sánchez presidente cos votos dos independentistas mas acoitelado in extremis polos socialistas. Talvez os mesmos que o animaran a presentala. E se lle sae ben?

Os comentarios están pechados

off
A %d blogueros les gusta esto: