off
Cultura, Libros, Língua, Literatura — 17 Maio, 2018 at 08:03

Actos do Día das Letras Galegas no territorio

por

A  plataforma Queremos Galego convoca á “festa e reivindicación” na manifestación que sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Compostela. Desde a plataforma agardan que a mobilización sexa “masiva” en torno a un idioma que “non só non conta con amparo institucional, senón que recibe desamparo e agresividade sistemática” dende a Xunta.


Coruña

Leitura pública colectiva da obra da homenaxeada aberta á veciñanza desde o balcón do Pazo de María Pita. Será unha iniciativa máis nun programa de actividades que inclúen, durante a noite do mércores 16, concertos no Campo da Leña coa participación de diversos grupos galegos. Así, ás 22 horas, O Leo i Arremecághona subiranse ao escenario, para dar paso, contra ás 23.15 horas, á banda The Tetas Van. Finalmente, Terbutalina pechará a sesión cunha actuación que comezará contra ás 00.15 horas da noite.

Lugo

Na rúa Aguirre e na praza Maior, a homenaxe a María Victoria Moreno correrá a cargo das agrupacións corais de Lugo: Coral Asociación Amigos do Camiño de Santiago, Cantar Delas, Coral Ecos do Miño Astelu, Coral Polifónico Hospital Xeral, Conjunto Vocal Lugh, Grupo Vocal Solo Voces, Orfeón Lucense, Orfeón Xoán Montes e Coral Xolda. Encerra o recoñecemento que durante toda a semana percorreu e percorrerán todo o territorio lugués ás iniciativas impulsadas pola Deputación.

Compostela

O concello organiza paseos comentados para facer un repaso polas persoas homenaxeadas cada 17 de maio. Alén diso, na capital do país, o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións en galego a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido (na praza das Praterías) ao longo do 17 de maio e ata que se esgoten as existencias. Tamén terán lugar paseos comentados, do 16 ao 18, itinerarios pensados para facer un repaso pola historia do Días Letras Galegas e polas persoas homenaxeadas en cada 17 de maio desde 1963. As visitas están organizadas en colaboración con MaOs Innovación Social e o percorrido conta con nove paradas, durará ao redor de hora e media e permitirá “resumir 800 anos de historia da literatura de Galicia e lembrar as 56 persoas homenaxeadas ata o de agora no Día das Letras Galegas”.

Os paseos comentados partirán das escaleiras do Museo do Pobo Galego e rematarán na praza de San Martiño Pinario. Mércores e o venres, os percorridos comezarán ás 20 horas. O 17 de maio, o inicio está previsto para as 19 horas, e o paseo incluirá un recital da man de Celia Parra e unha actuación de peche de Alba María. A inscrición é de balde, a través do correo paseos.compostela@maos.gal. Tamén se pode realizar por Whatsapp ou Telegram no teléfono 694 474 166, indicando o nome, correo electrónico e día no que se desexa participar no paseo.

Pontevedra

Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, abriran o acto da RAG en Pontevedra. Ambas as dúas partillan coa homenaxada  fruición pola literatura infantil e xuvenil. Alén diso, Fina Casalderrey partilla con María Victoria Moreno a condición de pontevedresa, e foi a súa alumna nos cursos de literatura galega que impartiu como mestra de mestres nos primeiros anos 80. Ambas as académicas son, como a homenaxeada, persoas moi vinculadas á xente nova desde o ámbito laboral. As dúas asinan tamén a biografía de María Victoria Moreno que pode lerse no espazo da web da Academia

A máis do pleno extraordinario da RAG, a Asociación Sociocultural do Burgo celebrará tamén un acto na praza de Curros Enríquez ás 19.00 horas cunha actuación da Banda de Música de Pontevedra. O día 18 de maio, na avenida de Montero Ríos, inaugurarase a exposición Os Bolechas e as variedades dialectais, organizada pola Deputación de Pontevedra. O día 19 de maio, ás 20.00 horas, celebrarase o Día das Letras na parroquia de Ponte Sampaio coa inauguración dunha exposición e unha conferencia de Montse Fajardo. Por último, o día 30 de maio, ás 20.00 horas, o alcalde recibirá no Pazo de Mugartegui ás asociacións da cidade que colaboran activamente na promoción da lingua durante todo o ano.

María Victoria Moreno, é a cuarta muller á que se lle dedica o Día das Letras, após Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). Nada o ano 1939 en Valencia de Alcántara, Cáceres,  e finada en Pontevedra en 2005,  foi mestra de profesión e  autora de moitas obras de literatura infantil e xuvenil en galego, entre elas a que talvez é a súa obra máis coñecida, Anagnórise.  A escritora deu clases entre entre 1965 e 1967 no Instituto Masculino de Lugo, “unha etapa decisiva no acordar do seu activismo a prol da lingua galega en plena ditadura”, como afirma a RAG. Foi no Masculino de Lugo onde coñeceu a Xesús Alonso Montero, de quen herdou, segundo expresión da propia Maria Victoria Moreno, a súa actitude ante a lingua galega e a ética e o compromiso cos seus falantes. O profesor e académico prologou Mar adiante (1973), un título “pioneiro na literatura infantil galega”, como lembra Xoán Babarro na Tribuna de Academia.gal. Con Babarro partillou uo seu compromiso coa lingua galega e co público infantil: “o idioma na creación literaria, e na vida, sería en diante sempre o galego e a gran maioría das obras que escribiría dedicaríaas á xente miúda e adolescente, se ben tamén escribiu poesía e relatos para o público adulto, ensaio e crítica literaria”.

Biografía. Formato pdf. 785 KB (Portal da Lingua Galega)

Deixar unha resposta

Ten que ser rexistrado para publicar un comentario.

off
A %d blogueros les gusta esto: