off
Cedeira, Infraestructuras e Comunicacións, Meio ambiente — 13 Maio, 2018 at 9:08 a.m.

O concello de Cedeira pide a Portos que suprima as fosas sépticas e limpe o ribazo da Arealonga

by
[Pingota Comunicación] O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, mantivo esta semana un encontro de traballo co alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, e o concelleiro de Medio Ambiente, Camilo Casal, para tratar dous asuntos ben diferenciados. Por unha banda, falouse da sustitución das fosas sépticas das distintas dependencias portuarias pola conexión coa rede xeral de saneamento, como xa existe nalgún concello da comarca das mesmas características. Trátase dunha obra costosa pero que garante unha solución definitiva diante das verteduras puntuais que teñen ocurrido hai pouco tempo e que podería levarse a cabo con fondos europeos. Nunha próxima reunión a tres bandas entre representantes de Augas de
Galicia, Portos e o propio concello decidiranse os pasos a dar tal e como transmitiu o presidente de Portos aos representantes municipais. Na xuntanza tamén comentouse a urxencia da limpeza do ribazo ubicado na parte posterior da praia da Arealonga -no que se produciu un derrubamento hai pouco tempo- ata os lindes co castelo da Concepción, tanto na zona onde hai arborado como a que está inzada de matogueira.
Os responsables municipais aportaron documentación en poder dalgúns propietarios na que se pon de manifesto a expropiación forzosa de parte das súas fincas, que tivo lugar nos anos setenta,tanto no relativo aos metros cadrados de superficie expropiada como á compensación económica correspondente. Na reunión quedouse en comprobar de xeito inmediato a veracidade desta información e aclarar ata onde chega a zona de deslinde para saber con certeza a superficie que teñen que talar ou adecentar tanto os devanditos propietarios particulares como a autoridade portuaria, para que cadaquén asuma o seu custo económico.

 


Este texto é un servizo da axencia Pingota Comunicación.O Ollaparo non interveu na seleción, nen no editorial, nen no contido da notícia


Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off