off
Estado, Movementos sociais, Opinión, Pensamento, Política — 6 Maio, 2018 at 08:05

Ser antisistema xa non é o que era

por
"Cando se olla moito para un abismo, o abismo olla para ti" (Nietzsche)

Traballo de Wilfredo Prieto no MARCO de Vigo

Antisistema siamo tutti. Hai anos, o colmo da disidencia consistía en declararse “antisistema”, que era tanto como facer oposición a todo Deus. Nen radical nen ser de esquerda tiñan unha pátina tan subversiva. O verdadeiramente refractario, o enrage químicamente puro, estaba nese universo militante que rexeitaba de plano o statu quo. Todo o demais pertencía á órbita do convencional, banal e conservador. Aínda que á hora das taxonomías ideolóxicas, no subconsciente, o antisistema aínda se situaba como unha categoría do extremismo esquerdista.
Agora todo iso escachou como consecuencia da crise da débeda e as receitas austericidas aplicadas como unilateral devasa polos gobernos da eurozona. Nen dereita nen esquerda, nen arriba nen abaixo, só dentro e con ou fóra e contra. Non fican máis posibilidades. As últimas eleccións en Italia ratificaron a rutura epistemolóxica en brotamento no mesmo epicentro da Unión Europea (UE). Como xa antes acontecera na  Franza co ascenso da Fronte Nacional (FN) e na Alemaña con Alternativa para Alemaña (AA).
O foguete do Movemento 5 Estrelas (M5E) de Luigi Dei Maio e o non menos sorpasso da liga de Matteo Salvini, son a viva expresión de que o antisistema xa non teñen unha única denominación de orixe. Entre outras cousas, ou quizais por iso, debido a que a súa irrupción non se debe a un proceso de decantación ideolóxica, senón a un envorco sociolóxico. É unha revolta contra o politicamente correcto e as súas filiais mediáticas e demoscópicas. Unha expresión de cansazo fronte á realpolitik executada polos mandatarios da UE que fixeron oídos xordos aos problemas da xente á que dicían representar. Ata onte un colectivo de votantes e contribuíntes cumpridores sen rechustar. O estrambótico Donald Trump é o derradeiro figurante VIP desta colleita antiestablishment.
Evidentemente, cando eses poderes viron perigar as súas posicións perante tan súbita arremetida axiran a clasificalos de fedentos. Populistas é o termo á moda utilizado para tentar unha marxinación lexicográfica que conteña o tsunami. Expresión recorrente desde o momento en que as novas siglas veñen certamente abrazadas polos sectores máis populares da cidadanía. É máis, as bases desas formacións políticas emerxidas proceden na maioría dos casos das clases traballadoras. Do transvasamento de traballadores e antigos seguidores dos partidos comunistas, caso de Franza e Italia, e dos seus irmaos na fe na ex República Democrática Alemá (RDA). Parece coma se, por ironías da vida, os epígonos do nacional socialismo e os seus xemelgos do socialismo nun só país confluísen no ponto cego dun novo e catártico compromiso histórico. As masas son imprevisibeis. No 18 de brumario de Luís Bonaparte xa Marx denunciaba “como a loita de clases creou na Franza as circunstancias e as condicións que permitiron a un personaxe mediocre e grotesco representar o papel de heroe”.
Esaxeración, pesimismo antropolóxico? Todo depende da posición do observador no momento mas o marcador experiente é adverso para os antisistemas gauchistas (internacionalistas), que corren o risco da duplicidade coa súa némese ao compartir idéntica socialización eurocéptica e antiglobalizadora. O único expoñente desa tendencia que tocou poder, a Alianza de Esquerda Radical (Syriza) en Grecia, non só está a lexislar as medidas económico-sociais máis draconianas que se viron nunca no lugar que inventou a democracia, senón que ademais, para liderar o goberno, pactou con Gregos Independentes. Unha formación que a dicir do ex ministro de Facenda heleno, Yanis Varoufakis, “nas cuestións sociais e relacións internacionais adoptaba postulados máis propios da extrema dereita, que escorria ultranacionalismo, un velado racismo, un profundo sexismo e homofobia” (Comportarse como adultos). E existe o risco de se tornar como modelo se o M5 forma goberno na Italia cos facinorosos da liga.
Mas acontece que, alén diso, o mapa insurxente antiélites está a deixar sen relato a un dos dogmas da mística revolucionaria. O asalto aos cegos xa non precisa dunha toma violenta do poder por parte de vangardas iluminadas. Pódese conquistar o pazo de inverno a lombos dunha maioría social representativa, e polas urnas. Mesmo estariamos tentados de engadir que “democraticamente” se incorrermos no erro común de reducir a democracia ao exclusivo rito do sufraxio. Ao ledo paso dos votos, as hostes do xenófobo FN pasaran á segunda volta nas últimas presidenciais galas; a ultranacionalista Liga multiplicou o seu aforamento até rubir ao terceiro posto do escrutinio; e os pós-fascistas de Alternativa para Alemaña argumentan enquisas favorabeis que os colocan acima do histórico SPD. Para os radicais de toda a vida debe facerse moi duro admitir que os inimigos de sempre hoxe compiten no seu mesma categoría.
Todo isto aconteceu porque o sistema se converteu nun xogo de monopoly onde non existe diferenza real entre goberno e oposición, entre a dereita e a falsária esquerda. Ambos, cabezas mudadas, reman co mesmo rumbo ao servizo dos grandes poderes económicos e financeiros. Un indecente reparto a quendas instituido que o desastre da crise fixo inaturabel para millóns de persoas que sen o osmar pagaran os pratos rotos da plutocracia dominante. No entanto, non hai un padrón ideolóxico que uniformice aos múltiples populismos en disputa. Como demostra o feito de que sexan precisamente os dous países que aturaran longas ditaduras, España e Portugal, os únicos que se salvaron da peste facha. Mas a socialización do protesto deixou de ser patrimonio da esquerda nominal.
Hoxe o aggiormento desborda as fronteiras ideolóxicas. Asín, o sector ultra defínese anticapitalista; dispón de “casas sociais” okupadas onde amosan as súas específicas propostas antisistema (os nacionais primeiro) e admite a diversidade sexual rompendo moldes coa súa tradición homófoba (a líder de Alternativa por Alemaña é unha vaidosa lesbiana). Mesmo podería atoparse un tranco orgánico entre a face A do populismo, representada pola extrema dereita xenófoba, e a face B, insere na extrema esquerda comunista, na utilización do aparello de agit-prol financiado por Putin e a súa nomenklatura. As campañas de desinformación (pós-verdade) de corporacións mediáticas como Rusia Today e Spunik teñen terminais tanto entre pós-comunistas como entre pós-fascistas. A partido Democracia Nacional e o Movemento Social Republicano (aquí os termos democracia e republicano son simples ardiles) comparten os mesmos padriños cos oligarcas do Kremlin que tan xenerosamente financian á fronte Nacional de Marine Le Pen. Desde a anexión militar de Crimea e o apoio ruso á guerra no Leste de Ucraína, ambas troneiras marcan o mesmo paso.
Aínda así hai un porqué da súa barafunda. O humus que o fertiliza todo ten o seu epicentro nos brutais custos das crises repercutidos sobre as vítimas mediante reformas estruturais, recortes e axustes que devaluaran ás machadas liberdades e dereitos sociais e laborais, deixando á intemperie á cidadanía. As desavergoñadas transferencias de rendas do traballo ao capital e a obscena privatización de servizos públicos, programadas por moitos gobernos europeos ao son da Troika, están na razón de ser do terremoto que cuartea o mapa político do continente. Neste sentido, o caso español, lonxe de ser un á parte, constitúe un agravante pola corrupción galopante que atravesa ao Réxime do 78. Como demostra o súpeto abandono das “clases pasivas” fartas de ser, xunto os mozos, os pagadores das súas falcatruadas
Cando o goberno do Partido Popular di que non hai diñeiro para actualizar as pensións segundo o índice do custo da vida (IPC) e que o Fondo de Reserva da Seguridade Social (FRSS) está esgotado, non fai máis que recoñecer a asignación mafiosa dos recursos públicos, a economía de suma cero que practica (a “expropiación” das autoestradas privadas erradas por 760 millóns de euros é outro indicador máis da súa condición cleptómaníaca). Está oculto que moita desa escaseza fraudulentaprovén de “socializar” os máis de 40.000 millóns de euros que supón ao ano a corrupción, segundo datos da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC). Cifra á que habería que engadir, agora nunha única partida, os outros 60.600 millóns do rescate do sistema financeiro que se dan por perdidos polo Banco de España (en grande parte a conta da Bankia de Rodrigo Rato e da Catalunya Caixa de Narcìs Serra, entre vicepresidentes andaba o xogo). Niso todos os populismos coinciden: o sistema fíxose anti-nós.

(Nota. Este artigo publicouse no número de Abril de Rojo y Negro)

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: