off
Editorial, Galiza, Movementos sociais, Política, Politica espanhola — 6 Maio, 2018 at 8:38 a.m.

A ultra-política de Mayor Oreja e o espectro da ETA

by

O  fin da actividade armada da ETA no final de 2011 e o comezo do procés català foran praticamente simultáneos no tempo. O independentismo non tería crescido na Cataluña  se a ETA tivese continuado a asasinar políticos. Ninguén como Mayor Oreja percibiu que sen a desculpa da violencia, España terá moitas dificuldades en non abordar o conflito territorial. Eís o sentido das súas declaracións en El Español: ““A ETA non precisa matar, xa está  política”. PP e Ciudadanos mostran un grande desconforto co fin da ETA do mesmo xeito que o PSOE, que conduciu a última fase das conversas de brazo dado de Jesus Eguiguren, tirou partido do seu papel nesta quenda final.

O Procés e o xulgamento dos mozos de Altsasu son dous exemplos recentes para comprobamos que en ausencia de contexto de violencia, tíraselle  partido, mesmo comparando a rifa dun bar con unha campaña etarra dos anos 70. Carod-Rovira atinaba na prognose cando, alén de ser éticamente repreensibel, a actividade da ETA estaba  impedindo o posibel crescimento do soberanismo na Cataluña e  na Galiza, malia a diferenza de tempo e acción política de ambos. A súa entrevista con Ternera e Antza na Catalunya Nord hai 14 anos- que provocou a inelutabel crise do tripartito- debe ser enxergada como un intento de favorecer o desarme e a pacificación ao tempo que desligar da connotación pexorativa da componenda violencia-independencia que tiña sido o catalizador da consciencia nacional española desde o comezo da Transición xa que permitiu crear o relato da criminalización do independentismo e banir o debate político. Ese relato permitiulle ao Estado prohibir partidos politicos (a lei de partidos de 2002 foi aprobada co apoio de CiU que permitiu a ilegalización de Batasuna), fechar xornais e artellar o terrorismo de estado dos GAL. Afirmábase na altura que en ausencia de violencia podíase falar de todo, quer dicer, sen a ameaza da ETA tamén desaparecería o imaxinario que conecta violencia e independencia e permite enzoufar a realidade a conveniencia.

O Estado continua a tratar o soberanismo e  independentismo en Euskadi, Cataluña e Galiza como ideoloxias potencialmente violentas porque atentan contra a Constitución. O Rexime do 78 resucita á vontade o espectro da violencia en determinados nodos sociais co plano territorial cando lle permite criminalizar ao outro. Se a política, como Hannah Arendt ten dito, non consiste apenas en manifestacións de verdade, mas na acción necesaria para crear un ámbito público no que os cidadáns coexistan libremente ao tempo que protexe un espacio privado de desenvolvimento persoal, non podemos inhibirmos da crítica perante as tentativas de quen como o exministro do interior Mayor Oreja teñen a pretensión  de regular os procesos de obxectivación co fin de os impor para teimar en ocultar  que o relevante non era violencia, mas os obxetivos politicos. Eís o por que Oreja afirma agora que “a ETA non foi derrotada, mas polo contrario”. A espiña dorsal da acción política do Estado é a admisión como proxecto político dun único relato. O da fin da ETA co fin de habilitar o vieiro político é o exemplo paradigmático. Porén, a invasión de Irak en 2003 ou o regaste bancario en 2008 informan, entre outros exemplos, desta “política da verdade” e á vez serven de exemplos do seu fracaso. Do fracaso da política como para-política ( simples competición dos actores lexitimados para a alternancia obrigatoria),a ultra-política (segundo o esquema bélico interior-exterior). E é que a despolitización dos procesos políticos sob a desculpa da violencia cando o estado de cousas obxectivo a desminte, desactiva toda aspiración de maior participación dos cidadáns no ámbito de decisión que lles afecta. Quer na criminalizacíon da letra dun rapeiro ou a censura da instalación dun artista nunha sala de exposicións; quer nos procesos xudiciais contra independentisas; quer na ausencia dun xesto de recuperar o diálogo político no achegamento do prisioneiros; quer, en fin, no devalo das pensións, o que está en xogo é a substancia do Político (clausurado dentro do marco mental do binómio nós-eles)  no que resta de democracia formalmente constituida en España polo Rexime do 78, se a queda da ETA acaba por revelar que o elemento binario violencia-independencia ten un papel estructural defensivo do esencialismo hispano emprazado nas institucións do Estado e un regreso á ultra-política malia importancia de o independentismo axir polos vieiros propios da pós-política (tolerancia multicultural, xestión de intereses). Resta saber cando tempo manterán vivo o espectro da ETA.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off