off
Economía, Movementos sociais, Política — 1 Maio, 2018 at 1:50 p.m.

Millares de persoas saíron ás rúas de Galiza para conmemorar o 1º de Maio

by

A Confederación Intersindical Galega baralla o martes 19 de xuño como posíbel data para convocar unha folga xeral, a expensas de que o resto de sindicatos decidan sumarse á iniciativa e opten por propoñer unha data alternativa.


A CIG celebrou a súa manifestación central en Vigo, que foi novamente a máis numerosa de cantas se celebraron en todo o país. A realidade é que vivimos tempos de emerxencia nacional e social: aumentan as desigualdades, os salarios son máis baixos e as pensións non garanten un mínimo poder adquisitivo. “Até o punto de que hoxe en día ter un traballo ou unha pensión non permite vivir en condicións dignas” afirmou o responsábel da CIG Paulo Carril, anunciou que a central sindical baralla o martes 19 de xuño como data para convocar unha folga xeral, aínda que abriu a porta a consensuar outro día no caso de que o resto de sindicatos se sumen á iniciativa e opten por propoñer unha data alternativa. No seu discurso Carril salientou o medre do emprego precario, o avanzo a pobreza laboral, os contratos de traballo en condicións escravizantes e como se van instálando novas formas de explotación laboral, con cadeas interminábeis de subcontratación, coas ETT, coas empresas multiservizos, coa imposición dos falsos/as autónomos/as.

 

Cada día son máis as persoas que estando no desemprego non perciben unha prestación, non teñen ningún tipo de ingreso. De feito, máis do 50% dos desempregados/as que hai na Galiza non cobra ningunha percepción económica. “Corremos o perigo da consolidación dunha situación social sen saída, á que se lle suma o imparábel avellentamento da poboación, unha emigración interminábel e a destrución dos nosos sectores produtivos e do tecido industrial”.

Unha folga para facerlle fronte á patronal, para parar os seus abusos como consecuencia directa da reforma laboral do Goberno do PP direccionada a desmantelar a negociación colectiva, individualizar as relacións laborais, paralizar a negociación dos convenios, e atacar as nosas condicións laborais e salariais e impoñen convenios e acordos marcos estatais que non dan cabida ás nosas necesidades.

Segundo a CIG  os orzamentos do Estado están a preparar un novo recorte do sistema de protección por desemprego, unificando as prestacións asistenciais, que sendo competencia das comunidades autónomas pretenden reformar por decreto desde Madrid para recortar o tempo e as contías do subsidio de desemprego.

 

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off