off
Feminismo, Opinião, Política — 29 Abril, 2018 at 8:21 a.m.

A manada que nos domina

by

A sentenza do Tribunal Provincial de Pamplona sobre o caso de estupro dun  grupo de cinco homes a unha rapaza de 18 anos nun portal da capital navarresa durante os Sanfermines de 2016 provocou abraio, indignación e raiba. A sentenza condenaos a 9 anos de prisión por abuso sexual e non por agresión sexual e estupro, conforme o solicitado pola acusación e representación da vítima. Os xuíces (dous deles, porque un terceiro considera que eles foran sexualmente consentidos e deben ser absolvidos) consideraran que “a víctima sentiu unha intensa angústia e desgosto que produciu estupor e a levou a adotar unha actitude de submisión “, mas porque non houbo” intimidación e violencia “o tipo criminal de agresión  sexual non  foi aplicado, o que implicaria maiores penas.  Non é por acaso que tivese acontecido no contexto dunha celebración tauromáquica que rende culto a unha ideoloxía da crueldade que alimentan nomeadamente as culturas sádicas, a própria dos paises católicos e da educación católica, apostólica e romana. Aquela  que asocia o sometimento co goce, quen pretende acadalo debilitando, anulando e torturando ao outro. Cinco homes de forte complexión levan unha muller a un portal de onde non poderá fuxir e practica sexo con todos eles. Sen violencia, sen intimidación? Realmente? Poderemos ignorar por acaso que é a escenificación dunha virilidade debilitada que precisa do recoñecimento do grupo para se afirmar humillando e sometendo?  É casual que prime o componente exibicionista de satisfación inmediata, filmando e fotografando uns aos outros? Se  insisto neste trazo  cultural é porque  a eventual mudanza da norma actual non levará ao que na rúa indignada se está a pedir. A unha mudanza da ollada, ao cabo.

As leis – como a linguaxe– son  xeneralizantes que precariamente cobren os “delitos” individuais. Porque o fulcral do caso non é a pena (9 anos) mas o argumentario. O problema radica sempre en como se lé, interpreta e aplica a norma. Portanto, o problema non é  que os xuices teñan ditado unha sentenza impopular. Súa é a obriga de non caracterizarse por non emeter opinión ou cinciguirse á regulación moral popular, porén cando a sociedade non entende as abstraccións legais baixo o ditado eumetístico de “ditar xustiza” é que algo non funciona.  Ainda por arriscarnos a intelectualizar un veredicto negativo emitido por a vontade dun tribunal de xustiza lanzamos a pregunta: ten que ser así? Se o tribunal optou por abusos, no canto de aplicar o artigo de agresión sexual e alegando que non houbo intimidación nen violencia, é porque a ollada dos xuíces, os de Pamplona mas tamén os que  antes deran xuizos semellantes  partillan a mesma ollada patriarcal e  a mesma que alimenta unha concepción mecanicista do dereito penal cuxo contido  doutrinal deseña o Tribunal Supremo, formado por maxistrados designados polo extremamente politizado Consello do Poder Xudicial. Vamos ver.

Abuso ou violación. A diferenza entre abuso e violación é a existencia de violencia. Pode darse unha relación incialmente consentida (o consentimento é a vontade de facer algo) que acabe derivando en abuso e en violación. Segundo a víctima non houbo consentimento. Os condenados afirman que houbo consentimento, non de palabra mas porque seica así o dera a entender. Unha definición xeral de violencia é “o uso intencional de forza ou poder físico, ameazante ou real, contra si mesmo, contra outra persoa ou contra un grupo ou comunidade, que resulta ou ten alta probabilidade de resultar en ferimentos, morte, danos, mau desenvolvimento ou privación “(WHO 2002, 5). Esta definición divide a violencia en tres formas: violencia auto-inflixida, interpersoal e colectiva. Embora sexan distintas, claramente son encontradas en situacións de asimetría. Alá onde hai unha situación de inferioridade física, económica e  política, hai violación. A sentenza alicerza en que non houbo armas ou feridas causadas pola forza,  determinando así a intimidación e a superioridade para deducir logo que  houbo abusos sexuais en vez de violación. É dicir, non había consentimento nen violencia. Con certeza? Do Código Penal dedúcese que logo de teren comprobado que cinco homes tiveran relacións sexuais con unha moza nun portal, abusada sexualmente, todo acaba reducido a unha baremación do grao de violencia ou mecanismo empregado para acadar o fin criminal?  Para que sirven os textos legais nos que ningún ser humano poden basarse desde o momento que eles mesmos son utilizados para detupar a linguaxe dificultando a súa comprensión para a sociedade que a lei di servir? Desde cando a definición de abuso sexual sen consentimento non é a definición de violación? Cinco contra un non é unha situación  de prevalimento e de superioridade e intimidación real? A violencia exércese de moitas maneiras. É tan ameazante un portal escuro e barrado polo poder físico de cinco homes como un só home con unha faca. No entanto, talvez tivésemos menos medo de enfrentar un único home armado con unha faca do que cinco homes desarmados. Porque unha vez comprobado que non houbo consentimento, o que se deduce despois desvalía o valor real da sentenza.

A sentenza como esteriotipia patriarcal. Profesariamos un mal entendido respecto aos xuices e á xustiza toda, cando nos centrarmos exclusivamente na súas conclusións, xa que ainda que non se consiga evitar as consecuencias discursivas desta sentenza, precisamente por elo, cómpre debullarmos o seu sentido porque sendo o significado de violar “abusar con violencia”,  o que acaba sendo cuestionado é o non consentimento da rapaza só en base á súa expresión corporal. Unha suposta fe empirista e positivista nos feitos verificados como se na descripción dos feitos non houber interpretación, e o que é pior, acabar facendo hermenéutica, e non sabelo, interpretando desde un marco ou proxecto que, porén, non recoñece porque acredita moverse polo puro amor á verdade como reflexo do “aí fora” das cousas.
O valor da sentenza depende do proceso de pensamento dos xuices, non do seu rango ou habelencia e coñecemento de leis relevantes (como que no código penal abusar e violar teñan significados e condenas dispares). Porque aquén, atravesando o Código Penal, existen os prexuizos  e esteriotipos de quen tende a conservar e repetir  un mesmo marco mental que non axuda ao descubrimento da verdade (que nos fai libre apenas cando participamos activamente no seu acontecer comprometendo no conflicto). Vivimos e aximos sobre a base dunha precompresión que expresa intereses, emocions, e que herda unha linguaxe, unha cultura, formas históricas de racionalidade. A hermenéutica xurídica debera impregnarse do “espírito do tempo”, na súa racionalidade deberamos recoñecer a cultura tardomoderna e o que significa aceptar a responsabilidade de avanzar nunha dirección. Para moitas, non é simples coincidencia. A sentenza é a continuación simbólica da violación do corpo feminino postrado. Un exemplo extremo dun pensamento torto desde a raiz que non ofrece boas evidencias da súa articulación. Afirma: “Rodeada por cinco varones, de edades muy superiores y fuerte complexión, la denunciante sintió un intenso agobio y desasosiego, que le produjo estupor y le hizo adoptar una actitud de sometimiento y pasividad, determinándole a hacer lo que los procesados le decían que hiciera”.  Un escenario de inferioridade ateigado de eufemismos para evitar a palabra certa: violar. Faise dificil non perceber na descripción do maxistrado que pideu a absolución a cenificación sexual de quen ten como aparente modelo de educación sexual o próprio da pornografía que circula pola rede,  o imaxinario da violencia de xénero e a súa posta en escena: “Reitero que hai unha desinhibición absoluta e despreocupada en todos os homes, o que é especialmente evidente no feito de que, podende fitarse mesmo nalgunha das imaxes, que algún retira completamente os pantalóns, roupa interior e zapatos.” Raro é o violador ou o sádico que confese selo. O próprio xustamente dese modelo cando aplicado á realidade é negar sentir goce do poder de tirarlle a vontade á persoa que somete e torna condición puramente pasiva do pracer da horda. Se quisermos acreditar neles, o modus operandi xa nos dí dabondo sobre a súa laia e tipoloxía humana. Tamén o xeito de autodenominarse  La Manada ( A Manada): as palabras non son só palabras, mas poden ser actos (Austin).

Segundo o voto particular de un dos maxistrados (que só quería endosarlles o roubo do móbil) o ataque sexual aconteceu nun ambiente de “jolgorio y regocijo” no que observa “menor actividade e expresividade na denunciante”. Non cadra a argumentación dos feitos descritos e a sentenza. Quer dicer, todo conduciría a unha sentenza de violencia sexual, unha violación colectiva, porén o resultado non é este. Porque a sentenza está argumentada desde o comportamento da víctima, debullada en termos da súa suposta excitación sexual. Por outra palabras, o que se deriva é que unha rapaza non pode beber nunha festa porque perdería capacidade de resposta. Eís a devastación dunha sentenza que culpabiliza  á víctima.   A violencia física sofrida  deriva en violencia simbólica como índice da propia estructura de inequidade que mantén a violencia estructural sobre as mulleres. Esta sentenza é perigosa porque consolida o inmenso e incontrolado narcisismo patriarcalista que estamos nutrindo con baixas doses de intolerancia á frustración e refluxo periódico de forzas atávicas da regresión  cuadrúpeda. Explorar algún punto de conexión entre o concepto de “supervivinte”(Agamben) e a víctima dunha agresión sexual non sería complicado de entender nen de explicar no que ten de  corpo despido de toda a personalidade. No relato da sentenza  a moza é culpabilizada de ter perdido a vontade de se resistir. Nese sentido, prenuncia as outras agresións  sexuais: é asi que a muller será apenas “abusada” se perder a vontade de se resistir. Para encaixar  na infame tipoloxía de violación cómpre manifestar  resistencia de materiais,  unha defensa afouta do ataque sen ter en consideración a asimetría das partes nen as consecuencias que se deriven. Esixinllo heroicidade á vítima non fan mais ca re-vitimizala.

A sentenza tende a reproducir dous males: en primeiro lugar a própria situación da víctima na sua dificultade á simbolizacion traumática e, en segundo lugar, o discurso dos procesados que tamén visa estender un tabú sobre o discurso que recorde as agresións cometidas. Os violadores, maltratadores e verdugos sen conciencia de selo non procuran apagar as marcas do seu crime. De aí que na retórica oficial se prometa agora unha revisión do Código Penal: reactivando mais unha vez o populismo punitivo nun intento por se librar da culpa colectiva mudando mais unha vez o mecanismo cando do que se trata é de mudar a ollada.

Pasividade para sobreviver (e resistir a violencia).  A pasividade non sempre é o que parece ser. Ficar queda e inmobil non significa consentir cando as posibilidades de resistencia ficaran enormemente diminuidas. Cando comprendemos que non temos ningunha posibilidade e os riscos de fuga ou resistencia parecian maiores do que o risco de non facer nada. Crear as condicións de inmobilidade e de prevalenza por superioridade numérica de forza non outorga un si incondicional. Pola contra, a resistencia ao poder opresivo a través da pasividade radical é sobre todo á máxima evidencia dispoñibel aquí e agora, que forzar a pasividade física e psicolóxica até a opter a total submisión non só xustifica a inacción mas é a proba certa da violencia exercida sobre quen carece de acción autónoma. O que a psiquiatría chama “disociación” (deixar de sentirse para sobrevivir) en situacións de trauma e os xuristas “medo insuperabel”: a imposibilidade fisiolóxica de reaccionar  cando xa non é posibel o sentido de integridade física e de privacidade. O que corpo e mente usan para sobreviver e minar a dominación represiva, nomeadamente en contextos críticos no que a reacción é moi arriscada.Talvez porque a forma de resistencia depende da forma en que cada momento se exerce o poder, a pasividade atribuída á víctima para eximir aos agresores do delito de violación non fai outra cousa que reafirmar a pasividade esencial como destino, aquela que asocia a feminilidade a unha determinada resposta sexual e a ser marcada para ser unha víctima social conformada.

Desde cando a penetración contra a própria vontade non é unha forma extrema de violencia física e mental?   O perverso é que o xuiz que pideu a absolución describe o estado de disociación  física e mental da víctima sen amosar empatía ningunha: ‘A menor contración nas pálpebras ou no rosto non é observada a calquer momento”.  Ou sexa, quen fica paralisada no choque traumático, destruida a sua capacidade de opor resistencia física. Da lectura da sentenza deducese unha teoría perversa do poder encanto que procura ou convén resistencia, porén a inación podería socavar desde o psíquico a forma existente de poder ainda sendo un efecto do poder (“onde hai poder, hai resistencia” Foucault), mesmo para quen  afirme a imposibilidade de calquer tipo de resistencia ao poder, non é por acaso a súa fasquía  heteroxénea e continxente debido á mudanza de contextos e situacions o que carateriza a resistencia cotiá? Acontece que a  resistencia como acto de oposición está situado en certo tempo, espazo e relacions. Talvez por iso Lila Abu-Lughod teña observado que tamén “onde hai resistencia, hai poder”.

Son reflexións importantes e arrepiantes as que esta sentenza escrita coa caneta do patriarca anestésico xera en termos  de submisión incondicional, de redución e negación simultánea do corpo feminimo. Por que interpreta o maxistrado “a menos contración nas pálpebras ou no rosto” como relaxación propia do goce da  relación consentida e non mais ben como rixidez como de máscara de quen ficou conxelada perante a imposibilidade de se resistir? Tamén o membro de “A Manada” José Ángel Prenda afirmou  identificar os xemidos unicamente con pracer e non con queixume ou lamento doloroso. As cualidades físicas e psicolóxicas asociadas (ou atribuídas como tal) na sentenza mostran que os modos de categorización xeralmente pertencen a unha mistura de  prexuizos e de conceitos estereotipados do corpo e goce feminino. A reprodución da orde simbólica que representa a visión patriarcalista das cousas, para o dicir en termos de Irigaray, da diferencia sexual entre plenitude (o masculino) e a carencia (o feminino).  Alén diso,  rexistrar cunha cámara a agresión sexual, cos perpetradores incluidos na imaxe cos pantalóns baixados e sen zapatos,  é parte fulcral da violación. Esa ridícula postura própia da fría e mecánica teatralidade porno é  a do “teatro da crueldade”, a do ritual iniciatico de vexación, a regra non escrita das comunidades xerarquizadas e fechadas. As mensaxes pós-delictivas nas redes sociais son desta caste: “Buenos días, follándonos a una entre los cinco; todo lo que cuente es poco; puta pasada de viaje”. O que Zizek chamaría a “materialización da fantasía do Otro”. Tornáranse as redes sociais un reduto exhibicionista de supremacismo masculino? Non socializa a pornografia nas fantasias que xurden  directamente da opresións das mulleres?

Definíndose a si mesmos de xeito despectivo como grupo de cuadrúpedos que van xuntos, os  5 da Manada ian de predación sexual. Un era garda civil e  outro militar, ambos e dous supostos defensores da lei en homoxenia parceria de malandros comúns. Ian de esmorga  incluindo o sexo en grupo cunha muller a quen drogarian ou ligarian con cordas de ser preciso. Así o relatan nos chats antes de iren a Pamplona, como se fose  ritual de iniciados, unicamente homes. Con premeditacion sectaria e con antecedenes de feitos semellantes, conscentes diso  abandonan á rapaza e roubanlle o móbil  para que non poda denunciar os feitos. O avogado de un dos condenados afirma:”Eles non son um modelo de nada, podem até ser imbéciles, rudimentares e […] primários, interesados en futbol, pola pertenceza ao grupo e manter relacionamentos sexuais con moitas mulleres, mas tamén son bons fillos, alguns ten empregos e outros tentan e queren ficar xunto as suas famílias e amigos”. Madia-leva! Faltoulle engadir, e apolíticos. Os enólogos saben que os animais  delimitan o territorio, márcano cos súas excrecencias exixindo signos de submisión, asumen con normalidade que unha muller é un ser resignado a ser violado por cinco fillos exemplares. Mesmo eles saben que sen límites a liberdade non pode substanciarse. Onde atopalos? Onde a perda ou o dano se derivan do seu uso, para un proprio e para os outros. Os da Manada axiran segundo a licenza dos verdugos, obedecendo a impulsos sen atender ás consecuencias, ao ponto que un deles difundiu o video entre a contorna de achegados coa  actitude de quen condona un acto de agresión e abandono ao tempo que  reafirma a cohesión do grupo porque  sinte dalgun xeito impune a ollada exhibicionista de quen viola e rexistra en video para desfrute de quen rexista e olla violar unha muller real. Porén, a ollada en liberdade  supón, na medida do posibel, o coñecimento da situación, a comprensión do que está en xogo son as leis ao servizo da sociedade. Non pode proceder dunha decisión inequívoca e unilateral. Non é precisamente iso o que procura a educación cando nos emancipa da necesidade co alvo de activar a autodeterminación criadora de liberdade para si e para os outros? Só entón é cando a vida en común non parece o da caterva primixenia.

Negacionismo e rapacidade populista. Non estamos indo aquí por un vieiro lateral, respeito do centro do noso discurso. Acho que na idea contida na sentenza de “A Manada” hai un sentido que considera, por analoxía, a moralidade da interferencia corporal (recrimínaselle non ter reaccionado).  Aquela ideoloxia e a división de papéis que insire as mulleres na categoria de “natureza primária”, a visión biolóxica das mulleres  descrita por Simone de Beauvoir  en “O segundo sexo”. Sería largamente aceptado que interferir sen consciencia co corpo dunha persoa ao restrinxila físicamente -por exemplo, encerrándoo nun cuarto ou inmobilizándoo no chao- adoita ser menos problemática que interferindo internamente co seu corpo de maneira non consensual, como cando se  realiza un procedimento quirúrxico. Podemos enxergalo e explicalo invocando   a idea de que o grau de invasividade física  fai diferencia moral.  Alterar un desexo parece ter un aspecto mental más intrusivo  que simplemente frustralo externamente. Niso alicerza a sentenza: porque a victima non frustrou externamente a agresión sexual non houbo violación. Non será precisamente por iso que moitos casos se manteñan en segredo ou non se denuncien?   A setenza afirma, de feito, que a relación sexual “non foi consentida”. Acreditan na moza. Mas velaquí que acrescenta:”Non se descarta que durante unha relación sexual non consensual póidase sentir ou expresar unha excitación sexual puramente física.” Quer dicer: recoñecen que a violaran,mas queren unha víctima exemplar. Unha martir (mártir é  quen sofre para testemuñar sua fé). Aquele que testemuña, ou sexa, que percebe o mundo segundo perspectiva única da toma de posicion do patriarcado. O que Luce Irigaray argumenta é que o gozo das mulleres non pode ser expreso pola linguaxe masculina dominante no que o corpo, seguindo aquí a Hélène Cixous se torna culpabel de todo, culpabel en todo momento: por ter desexos, por non ter ningún, por ser fríxida, por estar quente; por no ser ambos á vez, por ser demasiado maternal e  non abondo, por ter fillos e por non telos, por amamantar e por non amamantar … por non se resistir ainda a costa de pór en risco a vida. É como se os xuices e unha certa imprensa non quixeran ouvir o traumatismo da víctima senón baixo a forma que eles a comprendan. Por iso asimilan pasividade a consentimento.

 Velaí o titular do ABC: ” A repugnancia que suscita o suceso non pode facer esquecer que a máis nobre das causas precisa ser sustentada por probas concluintes para que sexa acollida por un tribunal”. E como iso é o que afirman os tres xuices na sentenza e  a “manada mediática” o que fan é retraumatizar á victima a través do que Judith Butlet  denomina “regulación pública da fantasía através da superfície política do corpo, do borde xeral de control que diferencia o interno do externo”.

La Razón, pola súa banda, aliñandose co goberno español, afirmaba na súa capa do sábado: “«Efecto manada»: o goberno revisará as penas por violación”. Un titular que tenta acreditar o que xa se desacreditou por si mesmo. Porque o problema da sentenza , insisto, non é tratar de punir máis alargando o tempo de reclusión por violación,  como vimos ante a violencia pode exercercese antes e de moitas maneiras antes e despois do primeiro asalto. A instrumentalización do caso fai parte do mesmo discurso en favor da cadena perpétua que queren aplicar – o xornal e o goberno español – co eufemismo de ‘prisión permanente revisabel’.

Ese negacionismo é  perverso porque  alimenta a irrealidade da situación vivida. O negacionista insinua a imposibilidade de algo tan excepcional. Portanto,a posibilidade física de opor resistencia  como condición de liberdade anticipada debe ser rexeitada cando a única alternativa é o de permanecer inmobilizada, acurrunchada nun sórdido covil sen saída. Cando todo é coercitivo na escena dos feitos e cando todo apunta a que procederan para deshumanizar  e anular a vontade da víctima cousificándoa até no roubo e abandono final.

 É altamente problemático desde o punto de vista moral pedirlle un comportamento de activa autodefensa á víctima do que censurar a planificada interferencia mental e física de quen pode someter e pór o xugo. Cómo é posibel  responsabilizar a víctima  de no ter frustrado ou alterado externamente o instinto depredador dun grupo de 5 homes? En base a que valor condicional de autonomía de acción? No suposto de que houbera maior autonomía de acción – que poidera opor maior resistencia física xogándose a vida- en que tería mellorado ese estado de cousas? O que se tira deste argumentario é que se non te resistes non é violación, e se te resistes talvez morras de morte matada. Que se supón que teñen que facer as mulleres? Violentar ao violento?No discurso xurídico é onde este elemento paradoxalmente singular do testemuño e das probas é levado mais adiante, colocando o testemuño  nun verdadeiro território de ninguén a través dunha sentenza cuxa mirada pareceria mais memoria encobridora do que real disposición a tratar casos flagrantes de violación. A dúbida que paira no ar é que con mostras así de pensar falocéntrico calcado no discurso das probas e da atestación, ou sexa, do testemuño como testis, o terceiro en litixo ou portador de memoria secundaria, e non como superstes, a memoria e discurso primario da sobrevivente, o dereito acabe por non garantir espazo para a víctima.  Que o poder xudicial continue sendo  instrumento e medio da mentalidade patriarcal. Mais unha vez Agamben: “A autoridade do testemuño consiste na súa capacidade de falar únicamente en nome dunha incapacidade para falar”-ou sexa, na súa cualidade de ser un suxeito”.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off