off
Cedeira, Galiza, Medio ambiente, Natureza — 27 Abril, 2018 at 07:43

Un verán máis sen estudo para a praia da Madalena de Cedeira

por

A deterioración da praia, sen que Costas nen o Concello conseguisen unha solución efectiva para frear a desaparición de area. Nada se sabe do estudo integral demandado por numerosos colectivos, entre eles ADEGA e SomosCedeira, e todo parece indicar que un verán máis o problema vai seguir latente.


Máis de 4 anos despois da primeira concentración na praia esixindo que non se deitase máis area, segue sen realizarse un estudo integral na Ría. Dende aquel 17 de abril de 2014, no que por primeira vez @s cedeirenses/as reclamaban outra alternativa para a praia que non supuxese un prexuízo para a reserva mariña, a súa principal demanda segue sen ser atendida. Tamén ADEGA e SomosCedeira, que xa advertiran en xaneiro de 2014 do prexuízo que supoñería o proxecto presentado nesas datas polo MAGRAMA, no que se prevía deitar 75.000 m3 de area na Praia da Madalena, así como a construción dun dique de canleamento no río Condomiñas, seguen a demandar a elaboración dun estudo que identifique as posibles causas da desaparición da area da praia, para posteriormente atallar o problema.

Os numerosos episodios de deitado de area na praia (cando menos 4 nos últimos 20 anos) maniféstanse totalmente ineficaces hoxe á vista da situación da praia. Evidénciase novamente a desaparición da area despois dun inverno cheo de borrascas, que como é natural e acontece en todas as praias, desprazan a area cara a zona submareal. Esta area que retorna á zona intermareal, e se acumula no noiro das praias que conservan unha dinámica natural, non o fai así na praia de Cedeira. Pasaron máis de catro anos, e as cousas lonxe de seguir igual, foron a peor. O noiro da Madalena é evidentemente máis baixo, e a anchura do intermareal é cada vez menor. Nin a empalizada colocada no 2014, nin as posteriores actuacións levadas a cabo na praia deron solución ao problema. O rabuñado do noiro para tapar a empalizada, e corrixir o chanzo que provocan as ondas no inverno, foi diminuíndo a súa altura ate a mínima expresión, o que deixa desprotexida a vila.

Seguimos á espera, un ano máis, das xestións que a Demarcación de Costas e o Goberno de Cedeira están a facer para poñer solución a este problema mentres se agudizan os síntomas. O debate que cada ano se mediatiza coa chegada de turista e se somerxe coa chegada do inverno, segue latente á espera dun estudo que ven sendo reclamado por distintas organizacións dende o 2001, moito antes da primeira concentración desta nova vaga de mobilizacións en defensa da praia.


Contacto:
adegatrasancos@adega.gal, http://adega.gal
somoscedeira@gmail.com , http://somoscedeira.wordpress.com

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: