off
Galiza, Língua, Literatura — 26 Abril, 2018 at 10:02

Escritores galegos emiten comunicado en defensa dos dereitos civís dos catalás

por
 A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) emiteu comunicadfo após o 23 de abril (Diada de Sant Jordi) no que expresa solidariedade cos presos e rexeita a xudicialización da política. Alén diso, a AELG ratificou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018.


O comunicado, asinado polo presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias,  e pola secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, é este:

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, tras este 23 de abril e unha Diada de Sant Jordi que non gozou do ambiente festivo que caracterizou sempre esta celebración, quere expresar a súa preocupación pola situación en que se atopa neste momento a lingua catalá e a súa literatura.

Definímonos, como literatura galega, polo uso da lingua propia do país, o galego, e irmandámonos con todas aquelas linguas e literaturas que aínda non dispoñen de todos os estándares de normalidade. De por parte, vén de vello a celebración de encontros galeuscanos, isto é, a colaboración permanente entre escritoras/es das literaturas galega, catalá e basca, que desexamos non se vexa interferida por decisións políticas que prexudican a súa existencia, como onte prexudicou a celebración dunha data tan senlleira.

A día de hoxe, seguen en prisión preventiva persoas que unen á súa condición de representantes públicos cataláns a súa actividade como escritores e escritoras. Asemade, noutros casos, xornalistas ou escritores procesados polos seus escritos. Por iso desde a AELG, como xa fixeron outros intelectuais e escritores a nivel internacional, expresamos a nosa preocupación por esta situación, e a nosa solidariedade con todos os que se ven privados dos seus dereitos cívicos e, no traballo literario, coas persoas que ven imposibilitada a súa actividade escrita e publicística dun xeito normal. Unímonos así ao clamor que desde o ámbito intelectual e literario xa deu lugar a manifestos como o asinado por Daniel Pennac e Erri De Luca entre outros, en Le Monde hai un mes.

A AELG agarda que triunfen a palabra e o diálogo ‒alimento da literatura‒ e remate o antes posíbel a xudicialización da vida política catalá, pois esta situación está a interferir na creación en lingua catalá e condicionando a liberdade de expresión, que é alicerce imprescindíbel para construír unha sociedade democrática e un dos bens máis valiosos cos que pode contar un pobo. A literatura é o reino da liberdade de ideas e de sentimentos, que deben ser libremente expostos e libremente circulantes, en ben de cada sociedade particular e da humanidade en xeral.

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
24 de abril de 2018

 Escritora Galega Universal 2018: Isabel-Clara Simó

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans. O Premio será entregado o día 19 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Con motivo da súa estadía, terá lugar un encontro cos medios de comunicación o venres 18 de maio, a partir das 12:30 horas, na Libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela. Posteriormente, ese mesmo día 18, ás 19:00 horas, manterá un coloquio aberto ao público en xeral na propia Libraría, acompañada por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.

Noutras edicións, recibiran este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer e Hélia Correia.

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: