off
Galiza, Língua, Normalización lingüística — 23 Abril, 2018 at 6:44 p.m.

Queremos Galego convoca manifestación o 17 de maio baixo o lema «En galego día a día»

by

Reivindicará o esforzo de miles de persoas e colectivos para normalizar a lingua fronte ao 155 lingüístico da Xunta


A plataforma Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo, anunciou hoxe a convocatoria dunha multitudinaria manifestación para o 17 de maio baixo o lema “En galego día a día”. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda.O anuncio foi realizado hoxe polo voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, acompañado de membros da Xestora da plataforma cidadá, que sinalaron que ao longo dos próximos días e até a data da convocatoria desenvolveranse diversos actos nas comarcas galegas para informaren da convocatoria. Na web www.queremosgalego.gal indicaranse os horarios e prezos dos buses que se porán a disposición de todas as persoas que desexaren acudir a Compostela a impulsar a plena normalización da lingua galega.

En galego acotío

Queremos Galego reclamará este 17 de maio o día a día das persoas que fan que a lingua viva mais ás que se lles exixe un esforzo que non terían que facer se quixeren utilizar unha lingua plenamente normal.

Este día a día é que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática.

Co lema “En galego día a día” a plataforma cidadá pretende reivindicar o apoio social crecente á lingua galega que contrasta coa actitude da Xunta de Galiza que mantén un 155 lingüístico de facto. Segundo indicou o voceiro da Plataforma, Marcos Maceira, “en Galiza é o propio goberno galego, co presidente Feixó á cabeza, quen actúa como un vulgar delegado do goberno español, renegando das funcións que lle dá o estatuto de autonomía e da alta representación de Galiza que debería exercer”. Como consecuencia, sinalou, “o galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e carece de apoio do seu propio goberno”.

O 155 lingüístico de Feixó

“O  155  de Feixó anula as competencias e a capacidade da Xunta de actuar e lexislar a favor do galego, e polo tanto todos os artigos ao respecto do Estatuto, a LNL,  ou acordos parlamentares unánimes como o PXNLG. En Galiza nin se aplica nin se aproba ningunha lexislación a favor do galego mais si se aplican as máis de 500 disposicións legais que obrigan ao uso do español en diferentes ámbitos”.

“Existe unha sociedade que actúa día a día para repor e normalizar a lingua galega, a través de centos de colectivos e entidades e en ámbitos moi diversos” e que estarán representados como todos os anos no acto final da manifestación. Indicou tamén que “son moitas as persoas que sen falar galego aspiran a vencer as barreiras de todo tipo que lle impeden o mínimo de seguridade precisa para facelo e que demandan mudanzas que faciliten a súa instalación na lingua propia de Galiza”.

“É o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas da Xunta de Galiza e coa mobilización diaria consegue avances. Grazas ao activismo social o galego conseguiu pequenas vitorias que dan mostra forza do pobo galego, mais tamén de todo o que falta por avanzar.

Como exemplo citou as compañías de seguros que comezan a cumprir a lei e ofertar pólizas en galego; compañías de telefonía móbil que se obrigadas a rectificar anuncios de desaparición das opcións en galego; ou transnacionais que modificaron regulamentos internos que impedían o uso do galego, non porque actúe a administración senón por acción da sociedade. “Canto mellor estaría o galego se a administración actuase minimamente?”, perguntouse.

Propaganda fronte ao día día

Porén por parte do goberno galego a única actuación é a propaganda coa anuncio dun novo Plan, esta vez para a mocidade. Maceira instou á Secretaría Xeral de Política Lingüísitica e ao Presidente Feixó, a comezar por eliminar as prohibicións de uso do galego e a consideración como lingua extranxeira no ensino.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off