off

Os que non teñen puta idea e Sacristán

by

O actor José Sacristán entrégase sen sentimentalismo á xustificación amagallada da violencia practicada polo Estado afirmando que non hai presos políticos e quen afirme o contrario “non ten puta idea do que é un preso político de verdade”. Realmente?  Chegouse a este nível de defección?  Formo parte dos que non ten idea, desa maioría inxénua que confia ter un estado racional, eficiente e ético, un goberno-máquina. Mas tamén fago parte dos que discretamente acreditan que para falar de políticas emancipatórias compre renunciarmos aos que din ter idea. Serei español ruin ou máis ben daltónico desquiciado?  Non perturban as dúbidas razonábeis sobre se son “presos políticos” ou “políticos presos” cando se deitan alegados argumentos, por exemplo, que a instrución da Audiencia Nacional podía ser recorrida e revocada e que se tornaran presos apenas polos preconceitos do fiscal e do xuices  ou que foran unhas detencións  desproporcionadas onde  apenas houbo discriminación por motivos políticos.  Perturba a suspeita habelencia coa que usa  linguaxe bombástica para argumentar pontos óbvios como que a “bandeira é como o paraugas, o disfarce ou a carauta que impide que nos reconozamos como seres humanos” do mesmo xeito que iguala  “a pobreza do discurso de ambos” [unionismo español e independentismos catalá]. Curiosa valoración negativa para quen fai profesión da dialéctica das máscaras o principal xogo de ocultacion e revelación no traballo do actor. Que carautas, que bandeiras? A dun franquismo que se tornou preautonómico ou a dun PCE coa bandeira chea de buracos? Que discurso, que cor? Canto amarelo é provocación?  Como na Transición, partíllanse responsabilidades a partes iguais para que a cegueira do inocente resulte merecida.  Acho que este relato está atravesado por unha violencia que se fixo aceptabel no intre en que públicamente  a linguaxe se tornou políticamente correcta para protexer as propias posicións – o lugar desde o que fala- da “violencia simbólica das etiquetas” [Zizek]. 

Hai algo que desacouga en como Sacristán pasa sen espaventos da seducción do comediante consumado á do administrador de ideas disolventes -en entrevistas en El Mundo, Telecinco e Público- sobre a situación política na Cataluña. Sobretodo porque despois de velas vir ( “Lo jodido del conflicto catalán es que la otra cara de la moneda sean tres ministros cantando ‘El novio de la muerte'”) fala como se o que está a acontecer de brazo dado do trío do 155 PP, PSOE e Cs non lle afectará de maneira ningunha. As súas palabras revelan a normalización funcional e descarnada dunha sensibilidade ferida para que o esquerdismo liberal de boas intencións poda seguir apoltronado na platea sen se sentir culpabel logo de ler a  interlocutoria de Llarena: “Como xa aconteceu co resto dos investigados, o candidato mantén sua ideoloxia de soberania”. Sacristán atina mas non amosa empatia ningunha, malia presupor no actor  aquel facer que se afirma no teatro,  que é praxe e non cae do ceo.  E esa vehemente frialdade é, precisamente, a cilada da perspectiva que adopta o actor madrileño. O que é un preso político? Como se detecta un “preso político de verdade” de outro que seica non o é? Que pasaría se os políticos encarcerados fosen “presos políticos de verdade” segundo  o punto de vista que non explica José Sacristán? Acho que algo non vai ben aquí, nomeadamente porque gostaria de vivir nunha sociedade onde a desproporcionalidade e a “prisión provisional” fosen inaceptabeis.  Quer dicer, onde non se normalizara a presunción de culpabilidade. Cando Sacristan  sentenza que “os que afirman [que España é un país franquista] non teñen nen puta idea do que era o franquismo” fai un autoapelo a si mesmo como autoridade para poder afirmar  sen pestanexar que o que agora hai non son presos políticos. O que aquí defrontamos é a extensión lóxica da corrección política que alimentou o rexime do 78 : exactamente igual que un franquista se tornou ministro demócrata de toda a vida, que hai  “presos políticos” de verdade e outros que non o son tanto ou que as vítimas reais das cargas policiais do 1 de outubro de 2017 foran os 6000 guardas cívis e policias enviados a  Cataluña a evitar o referendo e non a xente que quería votar e acabou mallada e asoballada. O tema fulcral  é que todo iso se foi facendo aceptabel. Porque aquí afirmarmos que presos políticos sempre os houbo nas democracias emprazadas  e ainda que non sexa nas condicións do franquismo dos 50 non os fai menos presos nen a prisión menos inaceptabel. Mesmo é unha proba adicional de como o procés català está a ser enxergado con instrumentos e modelos decimonónicos respeito ás afiliacións identitarias (“os operarios non teñen patria” e que de tela, dar por feito, que sería a española). Un dos paradoxos e complexidade do procés na Cataluña é que a diferenza de Galiza (CIG) e Euskadi (ELA e LAB) non hai un sindicalismo nacional de maneira que hai quen ten a dupla militancia soberanista e afiliación a CCOO ou UXT tal e como se veu hai pouco na manifestación pola liberdade dos presos políticos, sabedores que se ficar esa democracia autoritaria comprometerá a viabilidade de dereitos fundamentais, incluindo manifestarse na rúa ou a liberdade de expresión.

O que non parece aturar o actor de Chinchón é esa herexía política e que se fale públicamente diso,  que se poida apuntar co dedo o vacío moral que se extende no interior do presente alicerzado na Transición e a rutura do marco mental  que identifica nacionalismo catalá con burguesia e españolismo con esquerdismo e clase operaria. O franquismo tórnase  pantalla protectora que cega perante o feito de que no momento presente  poida haber presos políticos e evitar  así preguntarse que deu errado que o goberno español e a xudicatura recorreran á violencia. Mas tamén a inverosímil tentación de apropiarse da memoria antifranquista resignificando un pasado que ten que ser ineluctibelmente peneirado en crecente sordina das outras lexitimidades (penso agora no herdo ideolóxico de republicanos elididos como Castelao, e outros como Barrera ou Sánchez Albornoz). Precisamente porque non hai unha verdade alén das situacións concretas e continxentes o de Sacristán sabe un bocado a queda grotesca. Que quen viviu e padeceu criminalización por motivos políticos durante a ditadura reclame para si todo o poder de decidir quen ingresa nesa infame categoría ao ditado do disolvente “non tes puta idea”.  Aceptar como definitivo todo isto non é apenas subirse ao carro dos vencedores, para quen conserva a memoria republicana dos vencidos representa traimento a quen merecendo ser escoitado fora acalado polas estructura de dominio do “atado e ben atado”. Con certeza, hoxe non hai sórdidos xuizos sumarísismos como outrora- nen falta que fai- mas o que está a facer a democracia española  é próprio dunha democracia autoritaria. É tan obvio que nas democracias emprazadas  ninguén está encarcerado polas súas ideas como que Franco non recoñecía encarcerar a ninguén polas súas. Porén, hai leis ou accións non democráticas nas democracias emprazadas que xeran prisioneiros políticos.  A cuestión é se a lei e as súa interpretación é a máis acaida en cada momento.  O vello problema da falta de fundamento fundante para a acción política (e para o poema) que segundo Gianni Vattimo ten suceso se é afirmada, “se orixina institucións que xunguen a  participación de moitos”.

Os tempos de hoxe parécense cada vez máis aos da defensa da República, en moitos aspectos sen por iso deixaren de ser diferentes. Non apenas pola abdicación do rei en 2014, polos editoriais que alimentan o ” a por ellos!” ou porque a liberdade de expresión esté en devalo cando se piden anos de prisión porque os temas rapeiros profanan o altar da monarquía, que sexan perseguidas narices de pallaso, se encarceren os presidentes da ANC e Òmnium e a vários políticos sob a tipificación de delito duns comportamentos que se queren destruir políticamente,  se requisen elementos amarelos na Copa del Rey, que un xuiz asoballe o que os cidadáns ditaran nas urnas. A crise económica e pólitica e a irrupción de movimentos sociais e partidos rupturistas do establecido conforman a evidencia de que a Transición rematou. Precisamente por ter rematado a Transición, ten liberado as súas lóxicas menos visíbeis, as máis retrógadas e inconfensábeis. Hai partidos políticos e mais hai eleccións periódicas, mas nun contexto no que liberdade de expresión e disentimento político están ameazados. Comezando por un parlamento no que se cenifican disparidades imaxinarias.  O amarelo seica é má sorte no teatro, entendo que Sacristán non opine dun país no que vestir de amarelo ou cantar unha determinada canción, calquera acción, poidan acabar sendo un delito penal. E non será que xa houbo quen definiu por decreto lei que o amarelo é hispanofóbico? Debilidades e insuficiencias dun estado no que a persecución política mutou en instrución penal.

De podermos falar de progreso ético na sociedade española non estariamos  argumentar que a prisión provisional por motivos políticos debera ser recusada afouta e dogmáticamente por ser repulsiva e porque non sirve para solucionar nada. O devalo democrático provoca vertixe. Non se precisaría dicir nada máis, porén as palabras de José Sacristán encerran a perspectiva de que unha parte da sociedade española ten rebaixado o seu padrón ético. Talvez porque persiste unha memoria republicana incompatibel cunha monarquía que protagoniza a Transición e cunha esquerda juancarlista que asumiu sen escrúpulos o relato da dereita franquista que asocia e reponsabiliza até hoxe a República co fracaso e coa causa da Guerra Civil. Con certeza, hai xente que cando lles tiras a bandeira, fica en pelotas. Nomeadamente quen fixo troco dos valores, principios e virtudes republicanas. Por iso os incomoda o recendor republicano que chega da Cataluña, ao ponto que sendo imposibel rastrexar un alzamento violento na acción do nacionalismo catalá, en sectores da sociedade española se teña interiorizado como inelutábeis os confíns da Constitución do 78, denigrando moralmente calquer comportamento de “saída”.

A normalización dos estándares dunha democracia autoritaria fica reflectida  no aroma a caste que expele  o “non ten puta idea”. Aquel das condicións prefixadas e do suposto saber dos que saben. Onde hai democracia non pode haber unha clase/caste de detentadores da “verdade” certa  que ou ben exercen directamente o poder ou ben fornecen ao soberano as regras do seu comportamento. Todo ben. Non temos idea do que foi o franquismo nen o que un preso político é, mas onde está a “colonoscopia do poder” que nos está a ofrecer? E non será que algo está errado na ollada única dos que  non querendo o conflicto non fixeran nada para evitalo, dos abaixo asinantes que transformaran “o non ter puta idea” nun “prefiro non ter puta idea”, preferir non saber para así non ter que defrontar un estado que viola as súas proprias reglas e tomar decisións nas concretas circunstancias do agora?  Case me sinto tentado a aplicar a lóxica do absurdo que se deriva da petitio principii: “nunha  democràcia emprazada non pode haber presos políticos, España é unha democracia emprazada, ergo non hai presos políticos”. A democracia española non podería ter presos políticos, porque o momento no que os tiver, ela non sería unha democracia. Por outras palabras: se España tiver presos políticos, non seria unha democracia de cualidade dentro da condicións nas que se desenvolven as democracias emprazadas da contorna.  Non é descoberta ninguha afirmarmos que nas democracias hai comportamentos e accións non democráticas que xeran presos políticos.  De feito, todos os presos políticos habidos e por haber fixeran cousas ilegais a ollos do poder emprazado. Afinal de contas,  negar que  hai represión  e presos políticos é un dos síntomas da evolución face unha democracia autoritaria, cunha escalada represiva ben visibel nas tipoloxías xudiciarias e na mestura do que é político e do que é xurídico na construción do relato,  obviando porén que a xuntura ético-política  é mais necesaria do que nunca. O que certo esquerdismo español non entende no medio de toda a confusión  que o se lle pide non é apenas simpatia e compaixón mas solidariedade na defensa  do que non debe ser dixerido. E ainda pregunta onde está a esquerda.

Nun dos seus derradeiros escritos Walter Benjamin (Teses de filosofia da historia) escribe -cito de memoria- que quen procura a mudanza na súa acción mais do que a imaxe do home novo que queren instaurar inspírase na lembranza dos devanceiros  vexados. Non é xenreira, mas a lembranza como único vieiro para evitar o autoritarismo de identificarmos o ser co orden actual do que hai.

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off