off
Galiza, Historia, Opinião, Política, Politica espanhola — 19 Abril, 2018 at 9:10 a.m.

O relato que sofremos

by

Está a agochar Montoro a Mariano Rajoy, responsabel das finanzas da Generalitat desde a aplicación do 155?

“A estratexia do relato que sofremos” (xuiz Llarena)

 

Llarena,  a diferencia de Rajoy, Rivera,  Sánchez  e Montoro é un patriota: na interlocutoria sobre Jordi Sánchez escribe esa frase en primera persona do plural ao ponto de sacrificar prestixio profesional pola súa idea de España. Nesa cruzada, o xuiz pide  explicacións: agora quere probas de que o Govern non gastou un único euro público o 1-O, que é o que vén afirmando Montoro desde hai meses. Entre as cabezas que entrega ao Estado o xuiz  tamén entrega a súa. Llarena xa tiña relato (o da Guardia Civil) por iso non pediu un informe completo  á Axencia Tributaria cando tocaba. É agora, cando o xuiz inquisidor o está a pedir removendo os principios do dereito penal: que o que se ten que probar é que o delito existe non ao revés ( o que se chama presunción de inocencia). Por incríbel que pareza, o xuiz Llarena, que baseou toda a acusación de apropriación indébita do goberno catalá o 1-O nun relatório da Guarda Civil que fala dun custo de 1,6 millóns, cuestiona agora o traballo de control feito polo Ministério das Finanzas. Como sabemos, desde novembro de 2015 o Estado ten as finanzas da Generalitat intervidas. Unha intervención que se tornou total e absoluta coa aplicación do artigo 155, como resultado da demisión do executivo de Puigdemont. E da tomada de control da Moncloa de todas as conselleries. Na altura, Montoro  pescudou todas as instancias do goberno na procura  de facturas que serviran para financiar o 1-O. E non atopou nada. Isto é o que agora repite públicamente, que Facenda non ten proba ningunha que a Generalitat pagara actos independentistas, o que levou  ao  xuiz Llarena a se sentir desmentido e exixir que o ministro fornecese probas. Non son dous relatos confrontados: ambos e dous partillan unha mesma fasquía omnímoda. Un mesmo experimento punitivo, non por iso inopinado ou incríbel. Dous relatos engominados, aparentemente colidindo, mas solidarios en inconsistencia até o absurdo.

A xenreira patriótica  distribue papeis, complicidades (Ciudadanos, o horizonte eleitoral da dereita) e asentimentos (PSOE). O relato alambica, entra no xénero do absurdo. Chega a ser tan literario que soa a postizo, dentro de xogo de artificios que é a psicopolítica cando se torna unha forma de literatura. Da aproximación entre política e literatura non debe enxergarse unha minoración daquela mas unha apoloxía.  Para nada é un paradoxo: a dominación vai implícita nas palabras mas tamén, afirma Bataille, a literatura é unha burla da política (“da moral do Estado interesada“). É imposibel expresar dun xeito nídio o que está en xogo na sutil intención do xuiz. Mesmo sendo un lapsus proprio do estilo escritural  xudiciario, talvez se deba a non se poder expresar doutro xeito a dominación implicita nas palabras. Apaña e sintetiza a construción do seu propio relato sobre a violencia. A debilidade literaria de Llarena non  está tanto no desprezo do relato do outro ( é nela onde alicerza a súa eficacia imediata) mas a preponderancia do seu relato cando non hai lugar para el na literatura da cousa política. Dá un paso á frente  e entrégase ao caracter violento do proceso independentista “que sofremos”. Até acabar vivindo como personaxe do seu proprio relato de brazo dado dalgúns xuristas, académicos, políticos e xornalistas que tamén queren para si a condición de víctimas do Procés. Funda o contra-relato segundo o cal a simples vontade de mudar o sistema institucional tórnase unha forma de violencia. Por iso é Montoro quen agora se torna sospeitoso a ollos de Llarena (ao chan que veñen os nosos !).

Llarena levanta o secreto sumarial para desmentir ao ministro. Confírmase así que o mellor promotor do Procés está en Madrid. O relato escribe un dos seus mais importantes episodios: primeiro foi a maquinaria xudicial encallando en seco despois da descontrucción do xuiz alemán – que veu dicir que non había delito de rebelión- e despois, talvez  a parte máis traxicómica do relato, a desmontaxe do delito de malversación/corrupción por un ministro do PP.  Atentos á reacción. A ver o que tardan en acusar ao desconstructor Montoro de complicidade co Procés. Está a agochar Montoro a Mariano Rajoy, responsabel das finanzas da Generalitat desde a aplicación do 155? O paradoxo é que o feito de que mesmo tendo certo éxito -desde o seu punto de vista- no control de facturas, se apareceran “pagamentos” efectivos o responsabel seria Facenda, quer dicer, Montoro e Rajoy. Segundo esta lóxica do absurdo o que hoxe precisaría o relato de Llarena é que o goberno de Rajoy, responsabel das finanzas da Generalitat, perdera o control sobre os “pagamentos”.

Reparemos na interlocutoria de nada máis e nada menos que  38 páxinas, que nega a Jordi Sánchez  o permiso extraordinario para poder asistir ao acto de investidura: o texto fornece unha alargada xeira de explicacións sobre o Procés que semella unha aproximación criminolóxica, por veces acada o climax psicolóxico da novela negra, onde xa  non interesa tanto a tipoloxía delictuosa canto as razóns que levaran ao reo a cometer o delito, entrando tamén na análise pormenorizada de como xustiza e policia reaccionan diante do crime: a reincidencia delictuosa, o control social, a correlación entre idade e reincidencia. Todo encamiñado a xustificar a imputación do delito de rebelión. E de ter exercido violencia. A memoria é débil, porque todo o que está a pasar hai tempo que pasa. E vai da dependencia á humillación.

O inventario de actos violentos do Procés obedece así á  lei da psicopolítica, se ben por veces lembra ás da agrimensura: ubica, identifica, delimita, mide, representa e avalia o espazo na súa representación territorial.  Cítase o número redondo, exacto, os 6000 policias e guarda civís enviados para evitar o referendo, quer dicer a conducta de cidadáns que  “se había convencido torticeramente de su derecho legítimo a votar”. Afirma Llarena que a xente foi abducida, que 2 millóns de persoas son parvas e culpabeis por terense deixado alienar. Acrescenta que un número moito maior de tropas teria sido necesário para evitalo, mas que se tivese sido asi “probabelmente teria terminado nunha masacre e o resultado da euroorden teria sido diferente”. Dese raciocínio, concluise que, se a presenza policial fose superior, poderia ter sido un importante factor criminoxénico que teria xerado moita máis violencia. Na direción oposta e seguindo ese argumento, poderíamos deducir que, se en vez 6.000 axentes tivesen chegado  2.000, a violencia poderia ter sido moito menor. E por aí. Alguns argumentos, todos eles, sen dúbida pouco cientistas e que, infelizmente, só favorecen as forzas de seguranza. O relato de sentido único ten a súa representación no espazo como beco sen saída (cul-de-sac). Reafirma o vieiro xudiciario como sentido único. Porén, o relato agrimensor da xudicatura española confunde o plano co territorio. Para iso precísase a política. Porque a análise das cousas non se fai igual sobre o terreno.  Consentir que un xuiz vulnere o dereito de sufraxio dos cidadans? As rúas sen saída enxendran pestilencia. E como sempre quen fica atrapada nelas é a cidadanía, a multitude.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off