off
Cedeira, Mar e Pesca, Meio ambiente, Natureza — 18 Abril, 2018 at 10:33 a.m.

A lúa nova deixa descalza a praia da Madalena

by

Verdade núa e crúa. Cada vez queda menos area no noiro que rabuñar. A estratexia de ir deitando area de calidade na base do noiro é unha perda; desprovida de concha e revestimento a praia fica nua,  luxo que o mar leva ao fondo sábrego da ria. En vez de peneirar os refugallos de cando se entullou sen control, deixando a area lavada e branca atrás, optouse por botala indiscriminadamente na beira entregándolla ao mar. O que non tería sentido agás que se esté pensando en termos de recheo, ese marco mental que non se quere emendar e que sería a total desfeita da praia da Madalena. O degrau é cada vez menor e a sensación que o acompaña é de menos dramatismo. Talvez porque a  cada lúa nova a perda xa pareza irreparábel.

 

18 de abril de 2018

Segundo fontes consultadas, na reunión de 18 de abril de 2017 de membros da “plataforma de defensa da ria e praia de Cedeira” con Rafael Eimil, responsabel da Demarcación de Costas, acordouse achegarlle  seis fotografías (a seguir mostramos dúas) nas que se evidenciaba que gran parte do recheo na zona central da praia da Madalena de Cedeira se fixera con material procedente de residuos de obras, refugallos, entullo e lixo en xeral. Este estrato quedou á vista logo dos temporais de principios de 2013,  as fotos a seguir son de abril dese ano.

Entullo e lixo

Este material procede da segunda tanda de recheos, feita a finais da primeira década deste século XXI, arredor de 2008 (data estimada orientativa). Descoñecese se administración autorizou este recheo, factor do que foi informado na devandita reunión o responsabel da Demarcación de Costas por se optaba por pescudar a procedencia e as consecuencias que poidan derivarse, se ben manifestou que Costas non tivera que nada que ver. Ese foi  motivo polo que se lle propuxo, a máis da disposición a participar constructivamente desde xa,  que  no novo proxecto construtivo se considere a necesidade (evidente á vista das fotografías) de proceder á cribaxe da duna nas zonas afectadas por este inxustificabel recheo, retirando da praia eses residuos e deixando así unha masa de area saneada, para a súa reconfiguración posterior. Porén, a Demarcación de Costas non ten amosado interese efectivo ningún en facilitar a participación nen do concello nen da sociedade civil.

E en 2019 eleicións municipais, atentos.

 

 

 

One Comment

  1. Esperemos que se impoña o sentido común. Si hai algo que facer que non sexa lesivo para o medio ambiente.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off