off
Opinião, Pensamento, Política, Politica espanhola — 16 Abril, 2018 at 10:01 a.m.

Prisión permanente revisable

by

Ou de como se crea unha sociedade capaz de mobilizarse máis para que se lle quiten dereitos que para exixilos e protexelos


Foso da antiga prisión provincial da Coruña

Din que o primeiro que che ensinan ao chegar á facultade de filosofía é a desvincularse dos coñecementos adquiridos na materia durante o bacharelato. Que tes que esquecer todo aquilo para poder aprender filosofía de verdade.

Con 17 anos ao estudiar a Kant convertín o imperativo categórico kantiano na máxima pola que determinar as miñas accións. Non facía nada sen antes preguntarme as consecuencias que tería para outros e se me gustarían para min. Aínda que viña advertida de que o estudiado na clase de filosofía do bacharelato distaba moito do que é a ética e a moral kantiana, non foi ata segundo de carreira que conseguín verdadeiramente desvincularme do previamente aprendido sobre o pensamento kantiano como o culmen da ética e a moral. Fíxeno nunha clase de dereito penal.

Todos sabemos que durante séculos a Lei do Talión foi o principio xurídico no que se basearon a maior parte dos ordenamentos xurídicos. O que non nos ensinan no bacharelato é que con esa doutrina, Kant, pasa a converterse nun dos grandes defensores de esta xustiza retributiva. Ninguén ensina o “lado escuro” da moral kantiana que con ese imperativo categórico sustenta o bíblico “ollo por ollo, dente por dente”. E ao final todos cegos e desdentados.

Foi a raíz da publicación do Tratado dos delitos e as penas de Beccaria, que xorden en Europa unha serie de reformas ilustradas no dereito penal que acabarán poñendo fin a esa finalidade retributiva existente na imposición das penas ata o momento. Beccaria sostén tanto a abolición da pena de morte como da pena privativa de liberdade pois, entende que o propósito das penas debe ser o de impedir a comisión de novos delitos e non o de causar un dano ao criminal.

O proceso penal xorde para evitar o que en antano se denominaba vinganza privada. O Estado aparta á vítima do conflito a fin de evitar a xustiza por man propia. Nembargantes, esa xustiza retributiva do ollo por ollo continuaba mantendo a súa xustificación para a imposición da pena na sede de venganza pese a pasar a ser imposta polo Estado e non polo victima do acto criminal. A realización do inxusto, do feito criminal, fundamenta a obriga de impoñer un mal ao autor polo que debe “pagar”. Outra teoría sería que o autor do feito acadou coa súa comisión unha posición vantaxosa inxustificada polo que a función da pena radica en imporlle un dano que compense esta situación. Serían, estas, teorías absolutas da xustificación da pena. Teorías que tenden a ofrecer explicacións escuras dos elementos da causación do mal na pena e non proporcionan ningunha xustificación adecuada da competencia estatal para levala a cabo.

Unha das tarefas máis importantes do estado consiste en protexer aos cidadáns ante as lesións dos seus intereses máis vitais, o que xustifica a prohibición de determinados comportamentos que conforman o Dereito Penal. A pena sirve así pola súa función disuasoria. Non obstante, o Estado debe cumprir igualmente coa protección dos dereitos do autor dos feitos da mesma forma que respecta os dereitos da vítima.

Así, a imposición da pena vese xustificada ao implicar a causación dun mal como un reproche. A pena está orientada a manifestar a desaprobación dun determinado comportamento, sendo deste xeito, parte dunha moral que considera ao home responsable dos seus comportamentos. A través do reproche exprésaselle á vítima non só que foi danada, senón que foi danada de forma inxusta por un comportamento alleo culpable. Por outra banda, o reproche supón unha comunicación moral co autor, por medio do cal se lle comunica unha mensaxe normativa crítica en relación a un dos seus comportamentos. Por último, o reproche diríxese ao resto da cidadanía aos que ofrece razóns para omitir este tipo de comportamento. Mostra un camiño eticamente adecuado.

Todo isto supón a necesidade de limitar o dereito penal a través da culpabilidade do comportamento e a existencia dunha relación adecuada entre a gravidade da pena e tal reproche. Cando a escala de penas resulta considerablemente elevada, as razóns normativas aportadas polo reproche penal para a omisión do comportamento poderían ser dominadas pola intimidación e diminuír a súa eficacia práctica ao debilitar o efecto inhibidor da pena á hora de levar a cabo conductas delictivas, como resultado da imposición de sancións penais desproporcionadas, que non están éticamente xustificadas.

En lugar de estar facendo coa imposición da pena un reproche ao autor que lle faga entender a desaprobación moral do seu comportamento (un mensaxe encamiñado tanto a el como ao resto de sociedade) o que se estaría facendo impoñendo penas desproporcionadas sería intimidar á poboación para que non realice o ilicitopenal polo medo ao castigo. Desta forma a pena perde a mensaxe de desaprobación moral da actuación e perde a eficacia práctica, pois o cidadán ao percatarse da “inxustiza” existente na imposición desa pena desproporcionada acaba delinquindo como rechao a ese sistema normativo inxustificado.

Por se isto fora pouco, o noso ordenamento xurídico orienta a finalidade do dereito penal a conseguir a reeducación e reinserción social do autor dos feitos. E faino nada máis e nada menos que na Carta Magna, na tan (en boca de todos só cando convén) inquebrantabilísima Constitución Española.

Estamos falando da finalidade de imposición de sancións penais nun país no que a porcentaxe de criminalidade se atopa un 27% por debaixo da media dos seus veciños europeos. Un país que ocupa o terceiro posto no ranking dos países máis seguros da Unión. Un país que, pola contra, ten unha taxa de encadeamento dun 32% por riba da media europea.

Andrew Von Hirisch, director do centro de Teoría e Ética Penal do Instituto de Criminoloxía da Universidade de Cambridge, entende que nunha sociedade na que as relacións sociais e económicas se desenvolven de forma tan positiva que a violencia rara vez acontece, non sería necesaria a institución da pena co seu aparato de tribunais, sancións, etc. Pola contra, en España, pese a reducirse cada vez máis o índice de criminalidade, son aprobadas leis cada vez máis gravosas para os dereitos dos cidadáns. O lexislador sérvese ilexítimamente do dereito penal para producir efectos simbólicos na sociedade aprobando medidas criminalizadoras que carecerían dos fundamentos materiais xustificantes da súa adopción para fins que non lle son propios. Os poderes públicos plasman na norma legal, do modo máis fiel e contundente posible, o estado actual das opinións da cidadanía, independentemente de canto poda colaborar tal medida para a solución do problema.

De esta forma foi levada a cabo a última reforma do Código Penal, pese a contar coa desaprobación de gran número de expertos na materia. Sabedores dos significativos efectos sociais, e sobre todo socio-políticos, que tal regulación suporía, apróbase unha reforma moito máis gravosa para os dereitos dos cidadáns. Como medida estrela? A pena de prisión permanente, apelidada neste caso como revisable, que non deixa de ser unha forma de maquillar unha pena de cadea perpetua.

Por medio da imposición desta pena, non só se está levando a cabo a vulneración dos principios penais ao comprometer seriamente a prohibición de penas inhumanas establecido no art. 15 da Constitución, dando posibilidades á existencia dun encerro de por vida, senón que ademais burla por completo os fins da sanción penal. Así as cousas, ao non existir neste tipo de pena uns maiores efectos disuasorios para a comisión dos delitos nin para a súa reiteración e perdéndose por completo o mandato de reinserción social da nosa Constitución e do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos, a imposición da pena de prisión permanente convirte novamente o sistema penal nunha imposición de sancións retributiva baseado en impoñer un mal ao autor do delito coa única finalidade de que “pague” polos feitos. Desde este punto, podemos preguntarnos en que competencia reside a facultade do Estado para exercer esta vinganza?

Pero calquera que teña botado unha ollada ás redes sociais nos últimos días seguro que se atopou con centos de “expertos” en dereito penal exixindo a imposición desta pena. E xa non é que o tema quede nunha opinión que se verte en redes sociais ante algo que poda parecer inxusto, senón que a xente está saíndo ás rúas exixindo esta pena. Partidos políticos fan campaña exixindo a imposición desta pena. Unha pena que vulnera dereitos. Unha pena contraria a esa sagradísima Constitución pola que se pode poñer en marcha toda unha serie de dispositivos para paralizar unha nación pero que cando é vulnerada polas leis penais que aproba o Goberno non sirve para nada.

Milagros Otero, catedrática de filosofía de dereito da USC e actual Valedora do Pobo Galego sempre nos dicía que nós, coma xuristas, tiñamos a obrigación de saber de todo. Temos que saber gramática, sintaxe, semántica, historia, arte, economía, política, psicoloxía, menciña… e como non, filosofía. Podo discrepar en centos de temas coa nosa profesora, pero nisto non pode estar máis acertada. Pois non deixa de ser a filosofía unha fonte ineludible de dereito, e máis aínda de dereito penal. O problema está en que, en catro anos de carreira e un e medio de máster, só tivemos tempo para malamente empezar a aprender algo de dereito como para poder tan sequera coller uns matices de todo o demáis. Que está o tema como para adentrarnos no mundo da filosofía, vaia.

Así as cousas, se nin tan sequera os verdadeiros xuristas acadamos unha formación como é debido para poder exercer o dereito da mellor forma posible, que cabe esperar deses grandes penalistas que atopamos polas redes e que a berros chegan a pedir a imposición de penas de morte? Que cabe esperar dunha sociedade na que cada vez é maior o abandono dos esforzos por consolidar unha moral civil? Unha sociedade alimentada a mancheas con odio e medo polos medios de comunicación. Unha sociedade cada día máis morbosa. Unha sociedade que pide a morte para o asasino esquecendo que nos condenan así a pena de morte a todos. Unha sociedade sen tempo para o pensamento filosófico.


Este artigo foi publicado o 2 de abril de 2018 na revista Lume

 

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off