off
Economía, Galiza, Movementos sociais — 15 Abril, 2018 at 9:14 a.m.

As manifestacións en defensa das pensións públicas volven á rúa

by

A CIG convoca mobilizacións ao mediodía en vinte localidades  e CC.OO. e UGT fan o próprio nunha ducia de convocatorias polas pensións públicas.


Para a CIG “É o momento de dar unha resposta contundenteen defensa do sistema público de pensións, pola recuperación dos dereitos roubados e para reivindicar emprego e salarios dignos, como única garantía de termos unhas pensións dignas. Nese día, a central convocará mobilizacións simultáneas nas sete cidades e en múltiples vilas do país co obxectivo de descentralizar as protestas e visibilizar o amplo rexeitamento social ás políticas dos gobernos do PP. A iniciativa da central sindical desenvolvese na campaña para esixir a derrogación das reformas antisociais e antiobreiras aprobadas baixo a escusa da crise económica, e que centrará tamén a conmemoración deste Primeiro de Maio. Previamente, a CIG porá en marcha unha campaña para levar aos centros de traballo o debate sobre a necesidade de defender o sistema público de pensións, xa que a reivindicación dunhas pensións dignas “é unha loita que abrangue a toda a clase traballadora”.

A solidariedade interxeracional constitúe un dos piares da protección social do estado de benestar e conquistar este dereito supuxo décadas de loita obreira, que agora toca defender con firmeza. Por iso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que é o momento de acumular forzas e dar unha resposta contundente que obrigue o Goberno do PP a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, xa que esta “é a única alternativa para articular medidas que garantan, de verdade, a viabilidade do sistema público de pensións, o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional”.

Nesta liña, Carril sostén que “temos que plantarlles cara e defendernos, vencer as reformas laborais e acadarmos unhas condicións de traballo e de vida dignas. A clase traballadora ten que dar esta resposta como sempre fixo, a través dunha folga xeral que obrigue ao PP a recuar nas súas políticas”.

Reformas para favorecer os plans de pensións privados

As reformas aplicadas en 2011 (polo Goberno do PSOE, co apoio de CCOO e UGT, e contra da que a CIG convocou unha folga xeral en solitario) e en 2013 (polo Goberno do PP) introduciron recortes tremendamente regresivos dirixidos a dificultar o acceso as pensións públicas e a rebaixar as súas contías: atraso da idade de xubilación; aumento dos anos de cálculo para o cómputo da base reguladora; incremento do número de anos para cobrar a pensión completa; desligar as subas anuais do IPC oficial e a introdución do chamado factor de sustentabilidade, que se comezará a aplicar a partir de 2019.

Estas medidas provocaron unha importante perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas e están ocasionando que as galegas e galegos que acceden agora á xubilación o fagan percibindo contías inferiores a quen accedeu en anos anteriores. Por iso, para a CIG non deixa de resultar rechamante que, organizacións que facilitaron a implantación destes recortes e día tras día reeditan a lacra do pacto social que nos está levando a que se consolide unha situación social sen saída, con total descaro corran agora a convocar protestas, cando tamén son causantes, xunto co PP e PSOE, destes ataques ás pensións.

Fontes consultadas da CIG expresan que ” a única posibilidade de termos pensións xustas pasa pola derrogación das reformas feitas polo PSOE e o PP para exislar para favorecer as grandes empresas e a banca. Doutra banda, a reforma laboral e da negociación colectiva facilitan que as empresas rebaixen os salarios e que se multipliquen os contratos a tempo parcial e temporal, consolidando así un mercado laboral precarizado e unha caída agudizada das cotizacións, que merma tanto os ingresos actuais do sistema como as posibilidades de acceder a unha pensión digna no futuro ás persoas que hoxe está en activo. Non cómpre perder de vista un dato significativo: en 2011, cun número similar de cotizantes ao de 2017, a Seguridade Social obtivo 2.300 millóns de euros de superávit. Porén, no 2017, ingresáronse 8.900 millóns de euros menos.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off