off
Cedeira, Cultura, Galiza, Historia, Livros — 13 Abril, 2018 at 7:08 a.m.

Engaiolarte publicará o libro inédito de Xohana Torres sobre Santo André de Teixido

by
 

 

En 1972 a poeta ferrolá Xohana Torres gañou o Premio de Etnografía Federico Maciñeira da Deputación da Coruña coa obra “Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos” e que no Album das Mulleres do Consello da Cultura Galega aparece sob o título Viaxe ao país do TeixidoXohana Torres. 1º Premio de Etnografía Federico Maciñeira da Deputaciónda Coruña 1972  Inexplicablemente, nunca chegou a se converter en libro até que, case cincoenta anos despois, a área de Cultura da Deputación da Coruña e a editorial Engaiolarte fan realidade un dos soños da escritora que revisou a edición até o último momento.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e o editor e amigo da escritora, Xosé Puga, presentaron hoxe na Fundación Granell o libro “Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos”, a obra que sae publicada poucos meses despois do falecemento de súa autora o pasado 12 de setembro a pesar de levar case cincuenta anos escrito.

“O libro é unha alfaia e con esta edición queremos facer unha homenaxe e un acto de desagravio por non ter sido publicado no seu momento este volume que recibiu hai corenta e seis anos un premio da Deputación da Coruña”, explicou Goretti Sanmartín que destacou a coidada edición de Engaiolarte con fotos de Xulio Xil que fan, ao seu ver, que o volume “sexa unha obra de arte”.

Xohana Torres foi, segundo Goretti Sanmartín, “un referente no seu compromiso coa lingua e a literatuTera, en especial para moitas mulleres e escritoras que fixeron un lema do seu verso “eu tamén navegar””. Lamentou que Xohana Torres non puidera ter visto publicado o libro que tanto desexaba, como ela mesma lle confesara, e lembrou o “entusiasmo creativo que mantivo até os últimos tempos da súa vida e tamén na propia edición deste volume que se suma á bibliografía desta muller que era tamén polifacética á hora de visitar todos os xéneros literarios”. O libro mostra, segundo destacou Goretti Sanmartín, “a preocupación da escritora pola nosa cultura e identidade, polas lendas e a paisaxe, seguindo a pegada de Otero Pedraio que indica que hai que tripar e coñecer o territorio”.

Pola súa parte, o editor de Engaiolarte amigo da autora ao longo de 35 anos de vida, Xosé Puga, destacou o entusiasmo dunha Xohana Torres que mantivo o alento literario até os últimos días da súa vida. “Este era o libro que máis ilusión lle facía e así llo transmitiu tamén a Goretti Sanmartín cando a visitou. Lembraba que o escribira cando non había documentación e cando a unha muller que chegaba a investigar non a tiñan en conta”, explicou Puga que precisou que, malia non o ver publicado, a escritora “imaxinou o libro porque eu mesmo llo contei”, dixo.

“Era para ela unha espiña cravada”

O editor destacou que nas continuas visitas –cando menos dúas á semana nos últimos anos- Xohana Torres insistía na defensa de que o de San Andrés de Teixido era o “único mito universal galego” e lembrou xornadas de traballo en que a escritora revisou o texto, fixo emendas e mesmo creou un poema para o volume en que relaciona o santo de Cedeira coa Virxe de Chamorro de Ferrol.

“Viviu este libro e emocionouse coa súa edición e mesmo lle caían as bágoas cando miraba a maqueta xa que tiña unha espiña cravada que por fin puido quitar”, engadiu Xosé Puga que reparou tamén no gusto da autora polos “sanandreses”, as figuras de miolo de pan das que está peneirado este libro que é o primeiro publicado despois da morte da autora.

O lugar onde se desenvolveu o acto de presentación, a Fundación Granell, foi escollido tamén pola súa relación coa biografía da autora xa que foi nese edificio situado na zona histórica de Santiago, onde no ano 1957 se desenvolveu un histórico acto sobre a nova poesía galega no que Xohana Torres sería a única muller nun acontecemento no que, segundo crónica de Franco Grande que citou Goretti Sanmartín, “destacou pola súa brillantez e por entusiasmar coa súa participación nun tempo en que se querían abrir tempos novos en anos escuros”.

One Comment

  1. Moi boa nova para Galiza.

Deixa unha resposta a AntomCancelar a resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off