off

E ser libre nun país libre

por

 Á liberdade e á vida só fai xustiza

 Quen ten de conquistalas diariamente.

E asi, pasan en loita e destemor, 

Crianza, adulto e ancián, seus anos de labor. 

Quixera eu ver tal poboamento novo, 

E ser libre nun país libre

Faust II,(V. 11573 ff.) Goethe 

E ser libre nun país libre (“Auf freiem Grund mit freiem Volke stehn”) son palabras do Fausto de Goethe que a xurista e ministra de xustiza alemá Barley evoca cando afirma “Dann ist Puigdemont ein freier Mann in einem freien Land”.  A académica Marina Mayoral talvez non perciba o recendo goethiano que deitan as palabras de Barley, porén sabe ben que significan máis do afirman. E que o nome non fai a cousa. A súa columna de La Voz de Galicia é exemplo de como determinados sectores mediáticos e académicos españois obvian de xeito vergoñoso o necesario pormenor nas súas cartas mediáticas. Mayoral cárgase nunha columna de apenas trescentas palabras os fundamentos do dereito penal: “Para rematar a tarefa, saltando á toureira todos os principios en que se basea unha euroorde, asegura que se España non presenta probas de malversación de fondos Puigdemont non será extraditado e será «un home libre nun país libre». Isto non só é unha vulneración dos principios que rexen a colaboración xudicial na UE, senón que é un insulto a España, ao que non se debe responder co silencio”. Trastocada a estratexia xudiciaria, sintense ferida no honor patrio ao comprobar que os europeos no són tan permeables a troca de favores.

Tamén El País lanza un artigo de Javier Cercas, publicado na imprensa alemá, coincidindo coa reunión de xuristas e  medios. Se debullamos o interior dos dous textos en nómina fica ao descuberto o marco mental da ofensiva do estado español contra independentismo catalá. Un marco mental que foi da negación ao suflé e do desafio ao golpe de estado, todo entreverado de odio, violencia e finalmente, terrorismo.

Mayoral vén dicir que os feitos e as probas non contan, só a euroorde. E para completar pídelle a Rajoy que se cargue a división de poderes: “O esperable sería que Rajoy lle dese un toque á súa boa amiga Merkel, ou mellor aínda que o presidente dun país libre lle diga directamente á ministra alemá que mire cara ao pasado do seu país antes de dar leccións de democracia”.  E non será precisamente por iso que Barley insinue  que lle parece inadmisibel que  aconteza “nun país libre”?. Un aroma prometeico que nos fai lembrar outra Europa, a da Ilustración sen medo á liberdade. Aquela na que o poder non se opón á liberdade e no que a violencia física cando se dar, pode quebrar mesmo a posibilidade de toda obediencia. A liberdade e a vida enxergadas como conquista diaria. E acrescentaría, respeito polas persoas, amor ao coñecimento, e até mesmo, vamos soñar un pouco, perturbar as hierarquias politicas e culturais. Ao cabo, o que Goethe nos lembra é que ser libre non é apenas librarse das cadeas, é viver dun modo que respeite e fortaleza a liberdade dos outros( “….mit freiem Volke stehn”).

Cercas proba, ao seu pesar, que a “razón de Estado”  permite xustificalo todo. Como é posibel ignorar o proxecto do Estatut do tripartito de Maragall de brazo dado de CiU en 2005? Obviar que foi combatido na altura polo PP coa recollida de 4 millóns de sinaturas e a anulación de artigos no Tribunal Constitucional que despois foran validados en Andalucía e Valencia. Mais o que non debe ser casualidade é afirmar que o 6 e 7 de setembro houbo un intento de golpe de estado. Aquela tentativa de superar como se puido a blocaxe de quen apelaba ao Tribunal Constitucional para que no Parlament non se poideran debater según que cousas. Abertamente a razón de Estado existe para que alguns partidarios da unidade de España  consideren que hai cousas das que non se pode falar. E que mesmo se ofenden se hai quen fala e decide do mesmo xeito que outras maiorías parlamentares deciden rescatar aos bancos ou negociar con estados sanguinarios.

Dicía Theodor W. Adorno que “entre os avezados espíritos prácticos de hoxe,a mentira hai tempo perdeu a sua limpa función de burlar o real. A súa falta está na excesiva sinceridade”. Moro e traballo na Cataluña e non fun quen de percibir ningunha proposta organizada de violencia. Porén, fitei  como activistas e representantes eleitos foran imputados polas súas intencións, até obrigalos a adxurar das súas ideas desde que o 21 de decembro acadaran maioria parlamentar. Afirma Cercas que Catalunya viveu ao límite do enfrontamento civil cando a única violencia sentida e vivida foi a que achegaran as forzas policiais do Estado. Non falar desta violencia, a única que houbo o 1 de outubro, non mostrar ningunha empatía,  iso sí que é unha ofensa. Dicir que hai “supremacismo”  cando a única lingua de coñecemento obrigado é o castelán é mesmo o summum do cinismo. Isto afírmao quen coma min chegou a Cataluña por atopar nela maior cohesión interna e oportunidades de mellora. Contrariamente ao afirmado por Cercas, como teño reflexionado nun artigo anterior, o laboratorio catalá é unha oportunidade para Europa refacer as relacións entre as persoas e as estructuras de poder, de entregarlle ao presente o que lle pertence. Pensar que Europa se pode debilitar é própria dunha concepción da política temerosa do desencantamento da servidume voluntaria.

Mayoral non é capaz de manexar teóricamente, é evidente, aquela situación na que o poder é subtraído da intervención de un só individuo humano. Un marco mental que hipostasia o poder en algo autónomo. É presa da mesma cilada creada polo goberno de Rajoy: incapaz de defrontar politicamente o problema negociando, optou  pola construcción dun relato de violencia nas acusacions xudiciais que os feitos desmiten e agora, cando é a maquinaria xudicial a que foi activada, non entende que o goberno alemá non concorde en concentrar no vértice o sentido do poder. Porque a xustiza alemá ficaria deslexitimada e con ela a súa democracia emprazada. Talvez porque na Alemaña non está todo atado e ben atado a gosto do problemático imaxinario da dereita española e dos medios de información trapaceiros. Por certo, a rapaza dos CDRs saiu en liberdade porque o xuiz non acepta e desminte o relato mediático de terrorismo, ben, agora os medios nada din.

O poder, todo poder, rebaptiza as cousas para mellor se apropiar delas. Porén, malia o molde, os nomes non mudan a natureza dos feitos a convenicencia. Unha cousa é unha euroorde e outra o que dí a euroorde. No dereito penal os feitos son os que son e non o que se dí que son. A mentira como privilexio do gobernante xa a describira Platón cando advertia na República que se quen goberna apaña a outro mentindo o Estado vai punilo por  introducir unha práctica capaz de subvertir e arruinar un Estado do mesmo xeito que unha nave, porén, acrescenta o idealista, “sempre que os feitos se axusten as nosas palabras”.  O primado da Lei sobre a Realidade, presentada como derivada daquela. Se así for, con dificultade abriríamos paso a empurrós até gañar a saída por onde os artistas adoitan abandonar o teatro. Que o delito de alta traición, que se compara ao do código penal alemá, precisa dun grau de violencia disruptiva que non é aprezado no acontecido na Cataluña. Obviar iso é dar carta de natureza ao atado e ben atado. Precisamente iso é o que non se entende na Alemaña: “que Rajoy lle dese un toque á súa boa amiga Merkel”. O que con certeza non faría máis virtuosa á democracia española. Porque o que Mayoral pide é que quen tirou o problema da política,  xudicializando  o conflicto, o revirta  agora, dándolle un caracter político,  a  decisión xudicial dun tribunal alemá.  Que outro sentido pode ter que a fiscalia española se reuna coa alemá na Haia que tentar demostrar que houbo revolta e portanto violencia e que por iso Puigdemont cómpre ser extraditado?. Para dar conta deste relato aprópianse dos nomes e dos símbolos e así o ministro Català – no seu negociado está a tutela do proceso contra o Procés- afirma que non hai presos políticos, mas políticos presos. Repárase no tono de raiba e odio do ministro Catalá no Congreso dos Deputados, quen na semana santa de Málaga cantaba “Los novios de la muerte”.

A arte da  sofística é a da política. Para o disimular os teóricos do dereito falan de “razón de Estado”. Medir os tempos e os silencios. Acontece que o salto ao espazo europeo mudou ese tic do estado español de intervir como máis alta instancia no curso normal da xustiza. Agora xa non controla os tempos.

O apelo de Mayoral ao pasado nazi da Alemaña non fai máis que empiorar a cousa, acaso porque o franquismo continua a ter un de poder  na sociedade española inimaxinabel na Alemaña a respeito do nazismo. Barley é moi conscente do horizonte de sentido que manexa, ao ponto de que o que os trazos prometeicos que as súas palabras evocan non son reducibles á autoridade do simulacro. Niso se diferencia do horizonte  de sentido do goberno español: cando o problema pasou ao espazo e ao tempos europeos foran os xuices quen dicidiran e non os políticos.  Non foi por acaso que a policia española detivera a Puigdemont na Alemaña, talvez por iso o que máis lles proe ao subordinado Rajoy e a segmentos da sociedade española é que teña sido na Alemaña onde estoupara o globo xudicial desmentido o relato de Catalunya como niño dunha violencia desenfreada. É cousa ridícula vermos a Rajoy confiando que un xuiz se prestara ao que só a el compracía e non a Merkel. Como se fose un mandado na procura de docilidade.

Unha parte da estratexia do nacionalismo español de Estado alicerza precisamente en ir modificando a información política creando  a miraxe duns feitos que encaixen nas tipoloxías de violencia, rebelión e terrorismo. Porén, na sociedade da información non é posibel isolar completamente o espazo do poder fronte a opinión pública, tornando os feitos naquilo que non son. Porque malia a sua omnipresenza e influenza desestabilizadora na política – talvez por iso o devalo do poder cara formas autoritarias é inversamente proporcional á súa  tentativa de ocupar o seu espazo apropiandose dos nomes – nen La Voz nen El País teñen poder de seu. De aí que na Alemaña os medios teñan un outro relato ao constataren  que hai un presidente eleito que foi destituido polo goberno español, que se exiliou pola Europa explicando a continuidade de acción dun poder sen violencia. O que Barley e Alemaña entenden. Porque é elementar que se non hai probas de malversación de fondos Puigdemont non será extraditado. Así de simples.

 

Deixar unha resposta

— required *

— required *

off
A %d blogueros les gusta esto: