off
Movementos sociais, Opinião, Política, Politica espanhola — 12 Abril, 2018 at 4:30 p.m.

A revolta tamén se defende nos sumidoiros

by

Nun artigo anterior lembrabamos que a principal diferenza entre a tipificación do delito de rebelión  no código penal da ditadura (arts. 214 a 217) e no da democracia (artigos 472 a 484) residía na constatación de violencia. Con Franco podíase imputar sen que existise violencia e na actualidade resulta condición sine qua non. Craso erro. Esqueceramos que á calor da kale borroca arranxada sobre o dereito a decidir en Catalunya, xunguiran PSOE e PP  para alongar o brazo da lei onde faltaba manga. Por iso, en liña co espírito dos pactos antiterroristas, en 2015 agravaron o artigo 573 logrando que certas desordes públicas entrasen nesa circunscrición. E agora tamén son reos de terrorismo os acusados de “alterar gravemente a paz pública”. Ou sexa, recupérase a matriz daqueles sinistros tribunais de orde pública do franquismo.
Todo polo noso ben. Ou como dixo no seu momento  presidente na altura Felipe González para “contextualizarmos” os asasinatos do GAL: porque “o Estado de dereito tamén se defende nos sumidoiros”. Consello que ao parecer non debeu cair en saco roto. Tendo en conta dos esforzos e fatigas que políticos, xuíces e medios de comunicación fan para recrear unha realidade de violencia inaturabel aredor do Procés e os actos de protesto e desobediencia civil levados a cabo por unha boa parte da sociedade catalá e os seus lexítimos representantes contra o status de excepción do 155.
Nese sentido, as detencións na contorna dos CDR buscan en retrospecto sementar o xoio  que a euroorde non logrou. Seguindo a vella máxima do sensacionalismo “non deixes que a realidade che estrague unha boa historia”, os cruzados do centralismo borbónico volveron á carga. Cando a xente sensata na Unión Europea empeza a temer que España imite formúlaa despótica de Turquía, Polonia ou Hungría, trapaceiros intelectuais, como o profesor Francesc de Carreras ou o escritor Javier Cercas, saen á palestra para clamar que o de violencia é curto, que o que houbo foi un golpe de estado, comparándoo con aquel 23-F que se concibiu en nome do Rei. A anatomía dun dislate.
De semellante fasquía foran as críticas que se fixeron cando o Tribunal de Xustiza da UE avalou a queima de fotos do Rei dentro do ámbito da liberdade de expresión. Por iso é polo que, despois de censurar a inxerencia da ministra de Xustiza alemá xustificando a actuación do tribunal que denegou a rebelión, sexan os nosos alarmistas en nómina quen se metan agora no mesmo chasco. Xa que, se como din, trátase dunha canle de exclusiva colaboración entre xuíces, a que vén falar dun consenso entre os fiscais para reconducir a situación en favor das teses de Pablo Llanera? (“Fiscais españois e alemáns coordínanse contra Puigdemont”, na quinta-feira dicía  El País na capa).
Porque, alomenos na España, o ministerio público é a voz do seu amo do goberno. Para os efectos, un perfecto intrometido neste asunto. Sería como os paxariños a disparar espingardas. Agás que aceptemos que o poder tamén se pode defender nos sumidoiros cando sente cuestionado ter cometido falcatrúas. E iso vale para todos os poderes, grandes, pequenos e mediopensionistas. Para xustificar o terrorismo de Estado. Para dinamitar a disidencia democrática. Ou mesmo para botar a culpa ao mensaxeiro se é probado que a universidade do Plan Bolonia é unha fábrica de títulos, envolvida nun negocio, dentro dun atraco.

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off