off
Editorial, Política, Politica espanhola — 10 Abril, 2018 at 4:20 p.m.

A banalización do terrorismo encamiña o estado español á inseguranza xurídica

by

Arrepía que coa excusa dos CDRs e do que vén acontecendo na Cataluña, o estado español deturpe tipos e código penal, mistificando a expresión da vontade coa realización efectiva dos feitos. España encamíñase así á inseguranza xurídica nunha materia tan sensibel como é o dereito penal. Hoxe Cataluña e os CDRs e mañá hase de ver.  Desde cando é delito penal no Reino de España afirmar através dun twiter ou nun power point que se quer cortar unha estrada ou pór silicona nas fechaduras? Como se pode interpretar desde o dereito penal que cortar unha estrada é un delito de terrorismo? Se non é delito de rebelión menos o é de terrorismo. A iso chámaselle ensañamento legal. Estase a confundir  a declaración de intencións e a realización efectiva dun xeito premeditado e sirve como estratexia de provocación. Despois das elementares mensaxes que chegan desde Alemaña, da pancada da xustiza alemá á española, causa pasmo que o PP e Ciudadanos pidan que se apliquen aos CDR as penas por terrorismo. A exacerbada mise-en-scène  dos policias para deter unha persoa suspeita de organizar protestos pacíficos como se for o custodio dun arsenal de armas,  parece deseñada mais unha vez a espaventar e meter medo. A cada paso substanciánciase estratexia do Estado por criminalizar o Procés e ir relacionando paseniño  o soberanismo coa violencia. Ciudadanos adoptou a linguaxe bélica dos anos da ETA falando premeditadamente de “comandos separatistas” para acompañar a accion xudiciara e policíaca de castigo dos CDR. A invención do relato forzado da violencia nas acusacións xudicias mostra a baixa categoria moral de amplos segmentos da sociedade española incapaces de reaccionar perante unha  situación de excepcionalidade que convirte en violento a quen non o é para xustificar a represión e a causa xeral contra o independentismo. Estanse a crear marcos non democráticos dentro da democracia emprazada. Na España actual todo é suspeito de rebelión e violencia. Todo agás a violencia da policia cos 1.066 feridos o 1-O ou a violencia dos grupos ultras, por exemplo cando prenderan lume ao Ateneu de Sarrià.

Desde a UE pídeselle a Turquia  non utilizar a acusación de terrorismo por feitos que non o son. Porén, a democracia española camiña cara a excepcionalidade. E non será que quen hoxe goberna España dando mais unha vez mostras do seu complexo de inferioridsde non sabe facer mais política que creando inimigos, desexando ao cabo que a situación se pareza á da kale borroka?

Grazas por leres e colaborares no Ollaparo !

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

off